Hoxe en Compostela, DEBATE SOBRE OS DEBERES ESCOLARES na Cidade da Cultura.

Onde?
Auditorio Neira Vilas
Biblioteca Arquivo de Galicia.

Representando á Confederación ANPAS GALEGAS participará o vicepresidente, Fernando Lacaci.

DEBERES ESCOLARES

1. Qué entendemos por deberes?

Agora mesmo a percepción, e o rexeitamento, dos deberes escolares está focalizada naquelas tarefas que son:
a. Repetitivas.
b. Remate dun traballo iniciado nas aulas, que o alumnado no soubo ou non puido rematar.
c. Seguidistas das tarefas que veñen marcadas nos libros de texto.
d. Illadas en relación coa realidade do neno-a no momento no que os fai.
e. De duración imprevisible ou excesivamente longa.
f. Encaixados fundamentalmente no Ensino Primario e nos primeiros cursos de Secundario

2. E xustifícanse, entroutros argumentos, con:

a. Os amplos currículos que fan preciso ampliar a xornada lectiva.

b. A creación de hábitos de traballo, que terán como consecuencia unha mellor adaptación aos retos de etapas superiores.
c. A continuidade das dinámicas de traballo en fins de semana e vacacións.
d. A imposibilidade de parte do alumnado para seguir os “ritmos normais”.
e. Para posibilitar a axuda de terceiros, pais, nais, academias… na comprensión daquilo que non se comprende na clase.
f. EN RESUMO, teñen que ver coa vision continuísta e pouco ambiciosa que identifica formación con escola, coñecementos con contidos e aprendizaxe con traballo.

3. Que conseguen, ese tipo de deberes?

a. Desmotivar ao alumnado, non entenden porque non se lles respectan os seus horarios, porque teñen que traballar, sen límite, cando xa cumpriron a súa xornada.
b. Fomentar a diferenza; o que non se conseguiu nas clases non debe tentar conseguirse na casa, porque alí non é o alumno –a quen traballa, son os pais-nais, as academias, os amigos-as, os profesores particulares…, con distintas metodoloxías, moitas veces antagónicas co modelo que se lles dá no centro escolar. E como o tratamento exterior está descontrolado e non é uniforme, o resultado pode mesmo ser unha involución sobre o aprendido formalmente.
c. Fomentar a exclusión, hai nenos-as que non teñen ningún deses apoios aos que se facía referencia antes, por falta de medios económicos, por falta de dispoñibilidade temporal das súas familias, ou por falta de preparación (circunstancia que vai incrementándose segundo avanzamos no nivel educativo), por descoñecemento cultural, pola necesidade de axuda especializada…
d. Romper pontes coas familias: da mesma maneira que os nenos perciben as faltas de respecto aos seus horarios e á súa intimidade, as familias temos a mesma sensación; que teñamos que condicionar o noso tempo ás necesidades conxunturais e mal planificadas que veñen da escola dos nosos fillos e fillas, non favorece á creación de comunidade educativa, máis ben crea un clima de enfrontamento.

4. Entón, que facemos?

a. Reclamar sistematicamente a redución de currículos, e a ampliación das posibilidades docentes na aula.
b. Crear comunidade educativa: profesorado, familias e alumnado temos que falar para coordinarnos, para que a “invasión” dos espazos duns polos outros sexa algo que poidamos integrar na nosa vida e no seu traballo.
c. Utilizar o posible traballo na casa como un esforzo, moi reducido no tempo, complementario do feito durante a clase, para ver, dende diferentes perspectivas os mesmos coñecementos.
d. Romper os discursos fáciles e insubstanciais: nin o profesorado, maiormente, utiliza os deberes como un castigo, nin ten a intención de entremeterse nos tempos das familias; nin as familias pensamos que é mellor ter aos nenos diante da TV antes que ter que facerlles caso mentres fan contas ou reescriben enunciados. Temos un interese común e temos que atopar o xeito de materializalo en beneficio da xente nova que temos ao noso coidado.

Deixar unha resposta