Quen paga o ensino privado?


Dinos o Instituto Nacional de Estatística, na publicación da súa ENQUISA  DE FINANZAMENTO DOS CENTROS PRIVADOS NON UNIVERSITARIOS 2014-2015, referido ao curso 2014-2015, que a porcentaxe que o Goberno da Xunta de Galiza destina aos centros privados de ensino non universitario é do 60,5 % dos ingresos destes centros, un 6,3 % máis que a media estatal: aquí dámoslle aínda máis cartos ás empresas privadas para que fagan un mellor negocio coa educación, está ben sabelo.

Unha pequena información sobre un par de puntos:
– Ensino non universitario non é o mesmo que Ensino obrigatorio, dentro do non universitario está infantil, primaria, secundaria bacharelato, e as FP básicas e de grao medio, e dentro do Ensino obrigatorio está soamente primaria, secundaria e FP básica. Pero que non sexa o mesmo non quere dicir que non debera selo: a sociedade está reclamando que toda a etapa preuniversitaria sexa de obrigada oferta para a Administración Educativa, independentemente de que a súa demanda non sexa más forzada que o que o é agora mesmo. E obrigada oferta, para nós, é oferta directa, non “subcontratada” con empresas privadas.

– O curso 2014-2015, que é o que avalía este informe do INE, pertence aos anos que os nosos gobernos indicaban como “de crise”, aínda non sairamos dela que é o que din que está a ocorrer agora; e consecuentemente a Administración pública galega estaba recortando gastos “por necesidade”, segundo dicían.

Entón: en época de recorte permanente de profesorado, minoración dos presupostos dos centros, incremento do rateo de alumnado, minimización de desdobres en secundaria, compatibilidade entre centros dos postos de profesorado de apoio e orientación, non cobertura de ningunha das vacantes por xubilación, desaparición da gratuidade de libros de texto, implantación dos pagamentos nos comedores escolares do rural, e un largo etcétera de sucesivos ataques ás economías familiares para financiar indirectamente o Ensino Público; nese mesmo tempo, dicimos, as Administracións Públicas están garantíndolle ao ensino privado ata o 60,5 % dos seus ingresos.

A un ensino privado que fai o que quere dentro das súas aulas; que sistematicamente está impedindo a presenza nos seus centros de aqueles que teñen necesidades especiais, que segrega por sexos, que ten implicacións ideolóxicas e relixiosas na súa propia razón de ser, que selecciona ao seu profesorado por medios non obxectivos nin públicos, que selecciona na práctica ao alumnado que recibe; a ese ensino é ao que estamos subvencionando entre todas; porque o diñeiro público é noso, puxémolo nós aí, non convén esquecelo.

Nós non cuestionamos que exista ensino privado, e que calquera cidadá contrate, ao seu prezo de mercado, os servizos dun colexio no que lle expliquen aos seus fillos as ideoloxías, éticas e conceptos que as súas familias decidan; pero iso débeo pagar cada cliente dese ensino, do primeiro ao último céntimo, e logo demostrar que a titulación que se lle facilita xustifica o mesmo nivel de formación e coñecementos que ten o alumnado dos centros público.

Pero non podemos confundilo co Ensino Público que é algo moi serio, é un dereito que debe ser exquisitamente igual para todas e todos, unha construción común onde garantimos non só formación en contidos, senón tamén en conceptos que aceptamos xenericamente como sociedade, e sobre todo onde aseguramos igualdade, equidade, inclusión, e a posibilidade para cada persoa de chegar ata onde poida chegar con todo os medios ao seu alcance.

Nin un céntimo ao ensino privado, esa é a nosa consigna, o noso desexo, e a nosa esixencia.

Deixar unha resposta