30 de novembro, e van catro anos

Estamos de aniversario na nosa Confederación, un aniversario formal, que conmemora o día do noso nacemento oficial, aínda que tiñamos xa moitos anos de rodaxe no traballo individual das nosas socias, aí están os 25 anos de FOANPAS para testemuñalo, pero o día que saímos ao público, cun nome que xa tiña todas as beizóns legais, foi un 30 de novembro de hai catro anos.

O tempo sempre é algo curioso de contar, catro anos non foron nada se pensamos nas loitas que tiñamos xa emprendidas e nas que continuamos, xa pelexabamos contra da LOMCE, e aquí seguimos, porque temos uns representantes públicos, nos gobernos e nas oposicións, que en moitas ocasións dan vergoña pola súa incapacidade para se por de acordo e derrogar unha lei que o pobo xa ten derrogada.

Catro anos son un tempo enorme se pensamos nos peches dos centros escolares, nos recortes en profesorado, na desatención á diversidade, na -semella que imparábel- perda de galegofalantes, nos currículos que veñen de fóra, nas probas de selectividade improvisadas, na imposición ideolóxica da relixión católica nas aulas, no sempre postergado cambio de modelo educativo, nos medios que non chegan…

Pero catro anos tamén poden verse, e así é como os queremos ver, como a suma de todos os traballos feitos, como os anos nos que estivemos ao outro lado dos teléfonos e das redes sociais para responder a todas as boas persoas que traballan nas ANPA públicas e precisaban colaboración; como os anos onde respondemos en todos os medios públicos cando demandaron coñecer cal era a posición das Nais e Pais do Ensino Público Galego fronte aos permanentes ataques da administración educativa; como os anos de denuncia constante, e de defensa permanente dun mundo máis inclusivo, máis equitativo, máis igualitario.

Catro anos máis tarde daquel 30 de novembro no que nos presentamos como Galegas e Galegos que defendemos o Ensino Público somos xa, de feito xa o eramos ao nacer, o referente indiscutíbel das Familias dentro da Comunidade Educativa; os que defendemos que as asociacións de nais e pais son o lugar onde hai que traballar pola diversidade, pola inclusión, pola tolerancia, polo respecto, por un Ensino Público que faga da nosa mocidade o xermolo rotundo dun País mellor. Pasaron catro anos, deron experiencia e aprendizaxe, que é o que é a vida. A polos seguintes catro, e os que veñan detrás.

Deixar unha resposta