Xornada Escola Rural en Poio (Pontevedra)

Asistimos á  xornada escola rural en Poio (Pontevedra) onde  espuxemos a postura da confederación ANPAS GALEGAS.

Fixemos referencia á responsabilidade que ten a Xunta de Galiza de por en marcha plans específicos do rural galego, contando coas demandas da comunidade e tendo en conta as súas necesidade, garantindo sempre os seus dereitos.
Despois de levar varios anos pedindo que non supriman prazas de profesores e de ver como a formación das nosas fillas e fillos pende dun fío, necesitamos a implantación dun “PLAN EDUCATIVO ESPECÍFICO PARA O RURAL E A MONTAÑA”.

Na intervención lembramos que todas as nenas e nenos matriculados no Ensino Público deben ter os mesmos dereitos, independentemente das súas características, capacidade e lugar de residencia.

Lembramos o papel das familias na comunidade educativa e da participación destas no Ensino polo que fixemos referencia á conciliación analizando a cidade e o rural, tendo en conta as alternativas das nais e dos pais nun e outro contexto.

Desde hai varios anos vimos sufrindo continuos recortes de profesorado. Curiosamente as primeiras prazas en suprimir foron as de especialistas en educación infantil, que é a base da formación académica das crianzas. Ante as protestas das nais e pais por estes recortes, a escusa sempre é a mesma: ”son poucos nenos e sae caro”.
Os DEREITOS NON SON CAROS NIN BARATOS, SON DEREITOS.

Temos que entender que os colexios do rural non son só centros de formación académica, son tamén centros de socialización para as nosas nenas e nenos. Debemos lembrar que na maioría dos pobos da montaña as crianzas dunha familia non sempre teñen outras con quen xogar. Apenas se poden organizar actividades extraescolares pola dificultade para atopar monitores que queiran desprazarse tanto, e pola distancia dos fogares ao centro, nalgúns casos máis de 45 minutos de percorrido.

O mesmo ocorre coas clases de apoio escolar, as de idiomas e as de música (polo menos unha hora de coche até o conservatorio das vilas grandes). Son estradas de montaña, con xeo, neve, desprendementos…e danse casos tan surrealistas como o dalgún alumno de colexio que tarda 45 minutos en chegar ao colexio en transporte escolar vivindo a 7 km do centro.

E non podemos esquecer a función que teñen os colexios e os outros servizos básicos na fixación de poboación e na defensa e protección do territorio. Parece que unha das preocupacións da UE é o abandono do rural precisamente por eses motivos de conservación da paisaxe.

É evidente que a xente da montaña é a que fai posible que se conserven as características tan peculiares que teñen estas zonas, tanto paisaxísticas, como culturais, e que merezan os recoñecementos que teñen a nivel europeo (Rede Natura 2000,Reserva da biosfera….). Sen poboación na montaña todas estas figuras teñen pouco sentido. E as nosas nenas e nenos representan a supervivencia das zonas rurais.
O rural, e en especial a montaña, necesita un plan integral XA, e un esforzo real de todos os organismos implicados.

Por todo isto, e baseándonos na lexislación vixente(*), queremos:

-Unha discriminación positiva cara aos colexios do rural para que teñan as mesmas oportunidades.

-Unha educación que valorice o medio no que viven, as súas costumes, tradicións…como forma de fomentar o apego das nenas e nenos pola súa terra, e con iso a supervivencia de todo isto.

-Que se optimicen os recursos no tema do transporte e comedores, que sexan, polo menos, racionais e con vehículos adecuados para a montaña.

-Que non se teña en conta en número de alumnos e si os seus dereitos.
Despois de levar varios anos pedindo que non supriman prazas de profesores e de ver como a formación das nosas fillas e fillos pende dun fío (ou da ”xenerosidade puntual” dalgún político) necesitamos un “PLAN EDUCATIVO ESPECÍFICO PARA O RURAL E A MONTAÑA”.

(*)Lexislación:art.27 da Constitución,art.130 da Constitución(…os poderes públicos atenderán á modernización e desenvolvemento de todos os sectores económicos e ,en particular, da agricultura……2.co mesmo fin dispensarase un tratamento especial ás zonas de montaña);Lei 25/1982,de 30 de xuño, de agricultura de montaña (lei que desenvolveu o art.130 da Constitución Española);Lei 45/007,de 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural.

Deixar unha resposta