Non queremos Reválidas. É tan difícil de comprender?

nin-lomce-nin-revalidas

Esta Confederación, a que mantivo sempre o pulso do non a toda proba de diagnóstico que non sexa a avaliación continua do alumnado por parte dos seus profesores, que foi a que rexeitou as reválidas de 3º e 6º de primaria, con éxito masivo, dicindo que había que demostrar publicamente que os nosos fillos e fillas non ían facer ningunha proba innecesaria e prexudicial; esta Confederación, que leva, dende que só era un mal proxecto dunha mala Lei, dicindo que NON Á LOMCE, porque é unha lei maligna para termos a educación que queremos;  é unha Lei discriminadora, unha lei diferenciadora, unha norma que atenta contra a inclusión, contra a igualdade de todos os nenos e nenas, mozos e mozas.

Esta Confederación di tamén que NON ÁS REVÁLIDAS de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato, igual que continuamos dicindo que NON ás de 3º e 6º de primaria.

 E porque dicimos que non?

– Están pensadas para excluír a moitos, aos que teñen dificultades para seguir un ritmo acelerado, aos que teñen problemas económicos, aos que pasan por situacións difíciles, aos que carecen de apoios familiares, a todos eses mozos e mozas que deberan ser en quen teriamos que investir o máximo esforzo para procurar o seu éxito, porque ese éxito dos que o necesitan é o logro da sociedade,  e só estando todos e todas teremos un Ensino Público digno e respectable.

– Privan de valor ao traballo do profesorado, ao faceren depender os resultados da formación dunha valoración externa, extemporánea e descoñecedora da nosa realidade e do noso Ensino.

– Renuncian á formación no propio, ao esixiren un coñecemento igualado en datos, historia e referencias en todo o Estado; cando o ensino ten que participar do lugar onde se imparte, da propia historia da nosa sociedade, da maneira de entendermos e de comprender a contorna, porque falamos de Ensino obrigatorio, o que entendemos que é preciso para nos fornecer dos coñecementos que cremos mínimos.

– Abren a posibilidade a que unha mala decisión, un mal momento, unha mala circunstancia, torza a vida académica e profesional dos nosos fillos e fillas; como pode depender o futuro de ninguén do que faga un día aos quince anos?. Pois porque non vai ser así para todo o alumnado, aqueles que proveñan de familias afianzadas e economicamente saneadas non van ter ese problema, porque van dispor do apoio previo e posterior que precisen para non o ter.

– Anulan, ou diminúen innecesariamente,  a utilidade de catro cursos. Logo da experiencia das probas de acceso á universidade, onde coñecemos que mesmo o mellor profesorado considera  2º de Bacharelato simplemente como “curso preparatorio para ese exame”, queremos agora que os nosos fillos e fillas pasen catro anos da súa formación básica preparando un exame final?

– Introduce na infancia e na adolescencia o erróneo concepto de que a educación é competitividade e resultados obxectivos; cando a educación a esas idades debe ser a aprendizaxe das propias posibilidades, o coñecemento da propia realidade, unha canle de inclusión e participación na vida do grupo social, un medio para organizar e entender a propia vida.

Por todas estas razóns nós non queremos reválidas, nin avaliacións individualizadas ou como lles chamen, o que queremos é que aos nosos fillos e fillas non se lles prive de ningunha posibilidade de medrar na súa vida académica e persoal. Que a Administración, no canto de pór constantes atrancos para favorecer a uns poucos, dedique o diñeiro e o mandato de todos e todas a traballar polo ben común e polas oportunidades compartidas en pé de igualdade.

E porque non queremos esas reválidas, nin ningunha outra, estaremos con todas as mobilizacións, con todo o estudantado, e con todos as ideoloxías que defendan o dereito de todos e todas a un Ensino Público Galego que favoreza a vida do que veñen detrás de nós, os nosos fillos e fillas.

 

 

 

Deixar unha resposta