Roteiro pola defensa do ensino na montaña e no rural

12 (1)

Desde hai varios anos as familias do alumnado da montaña de Lugo veñen reivindicando que non se descoide a formación académica das súas nenas e nenos por parte da Consellería de Educación, e din reivindicando porque se está descoidando…como todo o rural. Ano tras ano vemos como recortan medios aos colexios, suprimen prazas do profesorado, que dificilmente se van volver crear, porque esa supresión está baseada nos ratios e en criterios económicos (e coa crise económica isto empeorou) e,desgraciadamente o alumnado vai diminuíndo.
Desde hai varios anos as familias do rural, e con elas a federación provincial de ANPAS de Lugo FAPACEL, piden unha discriminación positiva para estas zonas, como son Cervantes, Navia de Suarna, Courel, Incio, Samos…

 

É evidente que o problema do número de alumnos/as non é un problema illado do rural, é outra das consecuencias do abandono progresivo das vilas, dun despoboamento que, nalgunha destas zonas propicia un saldo vexetativo da poboación de -50 (é o caso de Incio), pero os demais non estamos moito mellor.
A solución non vai ser fácil de atopar, pero si é posible pór as medidas necesarias para que isto non empeore, e podemos empezar “mimando” a xente da montaña; e como?Pois valorando o que temos, e recoñecendo que a riqueza paisaxística, cultural…de Ancares, Courel e todas estas zonas-teñen varias figuras de protección a nivel europeo: reserva da biosfera, Rede Natura 2000…), mantense porque a xente da montaña as coidas. Isto é así.

 
Hai que ser coherentes: se queremos presumir do rural e de montaña, haberá que pór os medios necesarios para manter aquí a poboación, e por suposto, respectar os dereitos dos seus fillos e fillas a un ensino público e de calidade. Se o sistema educativo actual non lles garante esa calidade, que non o fai, xa que con poucos profesores e varios cursos por aula é moi difícil, entón haberá que buscar un sistema educativo que funcione, un sistema que garanta unha formación educativa a nivel de calquera colexio e que ademais valore a relación coa contorna, a participación das familias (son colexios pequenos e iso sería posible),os costumes…e todos os factores que fan que os colexios da montaña sexan o que son.

 
Desde as asociacións de pais e nais, e de familias non asociadas pero si preocupadas polo futuro dos seus fillos e fillas e do rural, tentan dinamizar as nosas zonas na medida do posible, á vez que reivindican os seus dereitos e dos seus nenos e nenas, e para iso organizan distintos eventos como este ROTEIRO POLA DEFENSA DO ENSINO NO RURAL.

Deixar unha resposta