Xuntanza con David Bruzos – deputado de “en Marea” no congreso dos deputados.

Reunión con David Bruzos
O pasado venres, 1 de abril, a xunta directiva da Confederación ANPAS GALEGAS mantivemos unha xuntanza co Deputado do grupo “En Marea” pola provincia de Ourense, David Bruzos.
A xuntanza foi unha iniciativa do Deputado, que nós agradecemos e valoramos moi positivamente, coa intención de se achegar á visión que as familias temos da realidade educativa galega e, na medida na que competencialmente nos afecta, española.
Durante preto de dúas horas estivemos falando do que nós entendemos que é actualmente o máis grave problema que afecta á educación no noso País: a LOMCE.

A LOMCE, esa Lei que veu a romper a convivencia, a instalar unha innecesaria competición, a clasificar ao alumnado e ao profesorado en función de baremos incorrectos; esa Lei que veu a tentar retirar do noso Ensino Público aquilo que nós máis queremos conservar e que nos caracteriza e nos dá valor: a inmensa diversidade de todos os nenos e nenas galegos convivindo xuntos e aprendendo xuntos.
Con David falamos de paralizar a LOMCE, o que nós entendemos como un paso previo á súa derrogación; falamos das consecuencias prácticas desa posible, e desexable, paralización.

E tamén falamos da necesidade de non apurarse nunha nova lei educativa. Para nós sería un erro enorme entrar na dinámica de cambio lexislativo que a propia LOMCE veu implantar innecesariamente. Precisamos voltar atrás e comezar a traballar solidamente: crear grupos amplos de traballo onde esteamos presentes todos os membros da comunidade educativa e crear con calma ao redor do traballo deses grupos, e sen intereses alleos á educación que veñan a contaminar o proceso, un novo marco legal con intención e vontade de cambio e de longa permanencia no tempo, un cambio que ten que ser participado de moitos para poder ser duradeiro.

Reunión con David Bruzos 2
Incidimos tamén nun aspecto para nós fundamental no Ensino Público, a necesidade de que o seu deseño se realice dende o achegado, dende Galicia no noso caso, porque a aprendizaxe debe saír do coñecemento da nosa realidade para alcanzar logo realidades máis amplas; por iso tamén rexeitamos a LOMCE como o faremos con calquera lei que pretenda tratar dun xeito homoxeneizador culturas, sociedades e costumes que teñen a súa riqueza precisamente na súa diferenza.

 
Dúas horas dan para bastante, falamos tamén da casuística concreta que estamos sufrindo no noso País como consecuencia dos múltiples recortes económicos e laborais no ensino; do abandono no que se ten a diversidade, da cantidade de fondos públicos que se dilapidan en centros concertados, do erróneo tratamento da relixión católica como materia curricular de oferta obrigatoria, do despropósito ao que podemos chegar se non conseguimos entre todos paralizar as reválidas, nomeadamente as de final da ESO e final de Bacharelato…
Agradecemos publicamente o interese do noso interlocutor, a súa intención de escoitarnos para ter unha mellor composición do noso Ensino, e agardamos continuar colaborando con el, e con calquera outro que se achegue a nós procurando mellorar o Ensino Público Galego.

Deixar unha resposta