Eu non fun á consellaría para que o meu fillo teña outras seis horas de clase, fun para ninguén máis teña que volver pasar polo que pasamos o meu fillo e máis eu”.

Rolda de prensa 2 Malpica

Hoxe estivemos na rolda de prensa en Malpica, explicando os pasos que queremos dar a partir de hoxe, na procura dunha normativa específica de Educación Domiciliaria e Hospitalaria para o alumnado con enfermidade de longa duración.

Nieves de Malpica (a nai de Hadrián), que falou un pouco máis emocionada do que ela contaba, explicou que non estaba a defender o dereito de seu fillo, pois a el xa lle “concederon” 6 horas, aínda que quere máis. O problema é que para darllas a el sacáronllas a outros, que só teñen unha, se teñen. E iso é inxusto.

Por iso reivindica unha normativa específica,”Eu non fun á consellaría para que o meu fillo Hadrián teña a partir de mañá outras seis horas de clase, fun para que B…s, que é outro neno que agora está pasando polo mesmo, deixe de ter unha hora soa, e para ningunha familia nen ningún neno teña que volver pasar polo que pasamos o meu fillo e máis eu”.

Tanto Bertila Fernandez, secretaria de ANPAS GALEGAS, como Javier Sánchez, presidente da confederación, explicaron a  necesidade que exista unha normativa marco que estableza dereitos, e non desexos, que fixe cal é a atención necesaria para cada nena ou neno, partindo dun estandar organizado, tantas horas diarias, tantos días á semana,…

Non é só atención académica o que presta o profesorado, existe toda unha atención emocional, que non poden recibir da familia directa, que moitas veces ten que substituír aos exercicios, pero que é tan positiva e terapéutica como a atención docente, polo que non hai razón para diminuír esa horas teóricas do alumnado con enfermidade de longa duración.

É importante que exista un protocolo de actuación que automatice a resposta da administración, dende o momento no que se detecta unha enfermidade que vaia arredar ao alumnado do seu centro escolar durante máis de 30 días, ten que se activar unha resposta administrativa, sen necesidade de que a familia a demande, que cubra a atención precisa dun xeito urxente. Para iso é preciso ter preparado un corpo docente preparada a propósito e que dispoña das armas necesarias para se enfrontar á súa dureza,  postura  que tamén compartiu Verónica, a representante da ANPA de Malpica (membro da federación das ANPAs “Costa da Morte”).

Como resumo podemos dicir que instamos á consellería a traballar en dúas liñas:

  • O alumnado que agora está enfermo: para eles hai que buscar unha solución inmediata, e non poden agardar a conversas e reunións.
  • O futuro: para iso estamos dispostos a falar, e falar e seguir falando, pero temos que dispor de medios -datos- e vontade, esta nós achegámola, a consellaría aínda ten que demostralo.

É importante que esta atención se achegue tamén ao alumnado  de secundaria, que son agora os máis grandes abandonados; quizais aínda máis importante, porque a presión do contexto e a sensación de fracaso, xunto cunha maior conciencia do que está a ocorrer,  pode moito máis doadamente dar nun fracaso escolar.

Mañá solicitaremos unha nova xuntanza co conselleiro de Educación…

 

2 reflexións sobre “Eu non fun á consellaría para que o meu fillo teña outras seis horas de clase, fun para ninguén máis teña que volver pasar polo que pasamos o meu fillo e máis eu”.

  1. Que difícil é para os que non teñen fillos con dificultades, pasar da opinión de “que peniña, que se lle vai facer”, á de que non é xusto que na nosa sociedade se gaste tanto nos bancos e se abandone aos que teñen dereitos, pero hai que gastar cartos para manterllos. E hai que gastalos xa, non mañán nin pasado.

  2. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na confederación ANPAS GALEGAS en defensa do Ensino Público | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta