Relixión en bacharelato e as axudas de libros en setembro

libros-de-texto

Comezamos un novo curso escolar xa en infantil e primaria, e pronto habemos comezalo en secundaria e bacharelato; coma ven sendo cotián nos últimos anos, o principal problema deste comezo de curso é a insuficiente dotación de profesorado, que provoca rateos en moitísimas ocasións por riba do establecido legalmente, que provoca desatención para as necesidades especiais e que impide ese punto de atención suplementaria que faría que moitos dos nosos alumnos e alumnas se incorporasen con normalidade ao ritmo dos seus compañeiros e compañeiras, no canto de ser suxeitos fáciles do fracaso escolar.

Porén, hoxe quixeramos facer fincapé en dúas cuestións que, malia ser moi diferentes, constitúen, por urxentes e localizadas,  unha problemática que podería ter unha moi doada solución:

  1. A desatención na que se atopan as familias que só agora en setembro coñecen que os seus fillos e fillas pasaron ao curso seguinte, á hora de participar nos “bancos de libros” organizados pola administración educativa. Estas familias non presentaron as solicitudes correspondentes a finais do pasado curso ao non coñecer con claridade cal ía ser o nivel no que se atoparían os seus fillos e fillas neste curso que comeza, e agora atópanse en situación de desigualdade fronte a aqueles que si puideron facelo. A apertura puntual de novos prazos de solicitude podería solucionar esta situación dun xeito doado e sinxelo.

Non podemos deixar de dicir que esta problemática non existiría se a Xunta de Galicia, tal e como demandamos toda a comunidade educativa, volvera ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto, e fornecera aos colexios públicos do material escolar, xenérico e específico, que precisaran para o seu alumnado; sen entorpecer a xestión docente con insuficientes e caóticos procedementos de axuda parcial que non garanten nin sequera minimamente o dereito constitucional a un ensino obrigatorio gratuíto.

  1. O tratamento da materia de relixión no Bacharelato: ao ser a única materia de oferta obrigatoria dentro do grupo das específicas que ten unha duración dunha hora lectiva, atopámonos que en moitos casos constitúe a única opción aritmeticamente posible para acadar as seis ou oito horas que deben sumar o total destas materias. Resulta incoherente que a única materia que implica unha opción ideolóxica na súa escolla non teña por lei a obriga de estar complementada con outra, ou outras,  que teñan a mesma carga horaria para favorecer a liberdade do alumnado á hora de crear o seu propio currículo.
  2. Pronto seguiremos a falar deste comezo de curso e da pretensión das autoridades educativas de consolidar as desfeitas realizadas nos últimos anos, coa falsa escusa da crise económica, no noso Ensino Público Galego.
  3. Demandamos polo tanto que en todos os centros de Secundaria existan abondas materias específicas con duración dunha hora como para que en ningún caso un alumno se vexa forzado a escoller ningunha opción en concreto.

2 reflexións sobre “Relixión en bacharelato e as axudas de libros en setembro

  1. Que podemos facer cando si solicitamos o fondo en xuño, devolvemos os libros que nos correspondía e agora nos din que o fondo se esgotou? Onde vai o meu dereito? Indefensión en todos os aspectos. Nin a Xunta nin o centro se fan cargo

  2. Segundo as reiteradas declaracións do conselleiro, e das instrucións que lles remitíu aos centros, vaise aplicar o mesmo baremo de mínimos que o que se aplica nos cursos onde se reparten cheques; se estás nese caso, o que ten que facer o centro é encargarse de comprar libros polo mesmo importe polo que te darían o cheque, e entregarchos co compromiso pola túa parte de devolvelos ao rematar o curso.
    O feito de que haxa ou non libros no fondo non debería influír para que a xente que teña dereito a eles non os reciba.
    Se necesitas algunha aclaración máis concreta, mándanos un correo a anpasgalegas@gmail.com e contestarémosche directamente.
    Un saúdo

Deixar unha resposta