Comezamos un novo curso 2015-2016 (II)

camisola ANPAS GALEGAS

Defendemos un Ensino Público GRATUÍTO :

As moitas veces que levamos falado desta reivindicación en público, nos medios de comunicación ou nas xuntanzas coas administracións ou con outras organizacións sociais,  semella para moitos que só estamos afirmando o que xa temos, un ensino público que non supoña un custo para as familias en forma de factura ao final do mes, en contraposición ao actual ensino privado.

Porén non é iso o que defendemos, ou non é só iso, entendemos que a gratuidade do ensino significa a cobertura de todas as necesidades que na sociedade consideremos imprescindibles para a correcta formación da nosa xuventude na etapa que definimos como ensino obrigatorio e por iso non cremos que o actual sistema de ensino público se poida considerar gratuíto dende o momento en que as familias estamos a pagar unha parte moi importante del.

Sen ánimo de exhaustividade, e falando por suposto de gastos directos, porque se falamos dos gastos indirectos causados por un incorrecto planeamento dos tempos do ensino, pola falta de concorrencia dos descansos lectivos e laborais, pola inexistente planificación das medidas de conciliación, etc, fariamos unha tese e non un artigo, distinguimos os seguintes grandes bloques de gasto:

PROFESORADO :

O gasto en profesorado é o investimento máis importante, en termos cualitativos e cuantitativos, e o eixo sobre o xira todo o que entendemos e coñecemos como educación pública.

É un servizo gratuíto cando falamos das horas lectivas oficiais; pero no discurso oficial de obtención de resultados dísenos que temos que conseguir máis cousas para acadar unha educación completa:

  • Un determinado nivel de inglés que suporte avaliacións externas e que nos sitúe en igualdade de oportunidades que o resto dos “países desenvolvidos”, mágoa que a correcta superación dos currículos do ensino obrigatorio non abonde para obter aqueles niveis, e teñamos que pagar clases suplementarias.
  • Unha formación musical que nos venden como complemento indispensable dunha educación ampla, pero os tempos dedicados á música no noso sistema resultan rotundamente insuficientes para ese obxectivo, novamente debemos pagar esa formación se queremos ofertárllela aos nosos fillos e fillas.
  • A práctica diaria, constante e dirixida do deporte tería que formar parte dun crecemento san e equilibrado, pero os nosos fillos e fillas fan menos de 80 horas de educación física ao ano na súa estadía escolar; sabedes quen está mantendo a súa presenza en clubes, ximnasios, asociacións deportivas…?
  •  É preciso que os nenos e nenas superen uns temarios e se fagan cuns coñecementos que veñen marcados nos currículos oficiais, pero non hai ningunha previsión que dea cobertura ás múltiples casuísticas nas que un alumno pode non chegar a dominar eses currículos, débase á dificultades propias, da súa contorna, da súa familia ou mesmo do seu profesorado. Novamente aí estamos as familias facendo medrar unha morea de academias e profesores particulares, pagándolles para que fagan polas tardes o que o ensino público debería facer polas mañás.
  • Pero quizais o máis doloroso de todo o que temos que pagar é aquilo que moitos non pagan porque non teñen medios para facelo. Porque pagar para completar o que non lles dan é lamentable, pero pagar para superar as diferenzas é moitísimo peor; nós cremos que, posto que os nosos fillos son diversos entre si, e teñen diversas necesidades e velocidades de aprendizaxe, é preciso que exista no ensino público a versatilidade abonda como para que o propio sistema garanta a completa formación de todos os nenos e nenas que nel están. Se non ocorre así, tal e como está pasando,  as familias que poidan, pero só as que economicamente poidan, andarán na procura desa formación complementaria que nivele aos seus fillos e fillas ata o lugar a partir do cal poidan continuar co resto do grupo. Estas familias pagarán para salvar a desigualdade na que se ven os seus fillos e fillas e o profesorado non será entón gratuíto para elas; mais aínda é moito peor o futuro daqueles nenos e nenas que non poidan pagar, e que se verán dirixidos ao fracaso porque careceron desoutra formación niveladora que so poderían ter obtido a través do diñeiro.

Por iso reclamamos que todo o profesorado sexa gratuíto para as familias, e que haxa dotación de profesionais abonda como para que todo o alumnado reciba as horas e a dedicación que precise para alcanzar o mesmo nivel que os seus compañeiros.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS :

Que o ensino non é só clases presenciais nunha aula é algo que agora mesmo xa ninguén discute; a presenza doutras maneiras de aprender, noutros escenarios, con outras experiencias, está admitida como necesaria na vida cotiá docente.

O alumnado ten que saír dos centros escolares, ten que ir ao teatro, a concertos, a exposicións, a facer actividades en común con outros centros, escolares ou non; debe comezar a participar da vida social da súa vila, aldea ou cidade; ten que ver máis mundo que o mundo que ten ao carón, ir ao mar se vive no monte, e correr ao monte se vive no mar; e todo iso ten que se facer dun xeito integrado na súa educación, porque é a única maneira de garantir que todos os nenos e nenas viven esas experiencias, e que ademais as viven dun xeito produtivo, acompañados polos seus profesores e profesoras, incluíndo esas actividades no desenvolvemento ordinario da adquisición de coñecementos, como outro chanzo na construción da súa personalidade.

Mais iso, ata o de agora, estámolo pagando tamén as familias; as familias que recibimos peticións dos centros, que carecen de orzamento para actuar doutra maneira, para que abonemos a parte que nos toca dun autobús ou a entrada nun teatro ou nunha exposición; e tamén somos as familias quen vemos, máis veces das que quixeramos, como algún neno ou nena quedan fóra porque non poden pagar ese custo que nos piden; e sobre todo vemos como os centros escolares rexeitan organizar máis actividades que impliquen un custo económico para evitar a sobrecarga económica ás familias.

Por iso defendemos que, xunto coa programación docente tal e como a coñecemos ata o de agora, a Administración educativa debe organizar programas, aplicables en todos os colexios e institutos estean onde estean, que faciliten estas experiencias gratuitamente a todo o alumnado galego.

MATERIAL ESCOLAR

Verdade que ninguén de nós comprendería que tiveramos que levar a ferramenta ao noso traballo?, que tiveramos que aportar 500 folios ao comezar o ano á nosa empresa?, ou que o lapis do noso compañeiro fose menos ou máis duradeiro que o noso, ou mesmo que o noso compañeiro non tivese lapis? Alguén no seu xuízo entendería que tiveramos que levar connosco o manual de instrucións da maquinaria que manexamos ou o ordenador co que facemos informes ou resolucións?

Pois iso ocórrelles constantemente aos nosos fillos e fillas.

Eles teñen que ir a que lles dean clases fornecidos con todo aquilo que poidan precisar para aprender, alí levan lapis e gomas, bolígrafos e libretas, e libros, e máis libros, e máis libros de texto, arrastran un peso enorme diariamente para dispor no seu pupitre de todo o que lles poida facer falta, porque no seu centro educativo non se lles entrega nada, absolutamente nada.

Pero os nenos e as nenas, e as familias das que proceden, non son todas economicamente iguais, cada familia ten unha capacidade adquisitiva diferente; para algunhas é moi doado gastar todo o diñeiro necesario para que os seus fillos e fillas dispoñan de gomas de marca e estoxos á última moda, para outras é moi complicado conseguir material do máis barato. Pero hai algo no que todos somos iguais: todos pagamos os mesmos impostos segundo marcan as leis, e todos os nosos fillos e fillas son iguais en dereitos; e a certeza de ámbalas dúas afirmacións é o que nos leva a esixir a gratuidade de Todo o material que o alumnado precise.

E non só debemos falar de libros de texto, ou de material de pupitre, ou do material deportivo ou musical que utilicen os nenos e nenas, debemos falar sempre da adaptación dese material, de que todo o alumnado atope na aula o material concreto que precise el ou ela. A función do material debe ser, tamén, niveladora, equilibradora das diferenzas, garante da inclusión. O obxectivo ten que ser a tranquilidade de todos os nosos fillos e fillas de que alí, na súa mesa, van atopar todo o que precisen, e que o que atopen vai ser abondo para acadar os obxectivos da aprendizaxe.

Mais ese material, moi nomeadamente os libros de texto, non poden conseguirse de calquera maneira, non abonda con que a administración educativa, que somos todos nós e son os nosos impostos, pague as facturas; é preciso que as pague dunha determinada maneira: na Confederación ANPAS GALEGAS rexeitamos os modelos de devolución do gasto realizado polas familias, rexeitamos os cheques para libros ou material, mesmo aínda que se xeneralizasen, porque o importante, o realmente máis importante, é a asunción pola administración da súa responsabilidade económica e a utilización desa responsabilidade como unha ferramenta educativa: os nosos fillos e fillas deben medrar nun sistema que garante o seu dereito a un ensino no que se lles aporta todo o necesario, deben medrar co convencemento de que nese ámbito específico da vida o tratamento é igual para todos os nenos e nenas, pero tamén de que ese tratamento é homoxéneo e independente das condicións económicas nas que lle cadrou vivir.

Reclamamos un ensino obrigatorio público gratuíto, que sexan os colexios e os institutos, e non o alumnado, quen teña a titularidade dos materiais que precise calquera alumno ou alumna, que non so se traballe na gratuidade, senón tamén na reutilización deses materiais, no seu bo uso como colectividade, na responsabilidade da propiedade común e, entendido como transmisión de valores, no deber de entregar unha herdanza tan ben coidada como a que se recibiu.

De momento o Ensino Público non é gratuíto, nin moitísimo menos, pero estamos traballando niso, e conseguirémolo, pero non a calquera prezo porque o diñeiro non pode mercar a dignidade, e cando o consigamos todo o mundo terá claro que só conseguimos que se nos recoñecera un dereito, ese que xa debería ser efectivo dende hai case catro décadas.

 

Deixar unha resposta