Resposta da Confederación Anpas Galegas ás declaración publicadas do conselleiro de Educación.

 

De visita institucional á consellaría de Educación da Xunta de Galiza 

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS asistimos sorprendidos á constante descualificación a que o conselleiro de educación está sometendo ás ANPAs públicas , que somos nin máis nin menos que a suma das familias con nenos e nenas escolarizadas actualmente no Ensino Público Galego, e queremos saír ao paso do que se esta dicindo e transmitir unha mensaxe o máis clara e concisa posible:

– A Confederación de ANPAS GALEGAS, onde estamos máis de 300 ANPAs pertencentes ás federacións das comarcas de Cangas, Condado-Paradanta e Louriña, Compostela, Costa da Morte, FerrolTerra, Val Miñor e Vigo, xunto con todas as da Federación Provincial de Lugo, NUNCA, en ningún momento, defendemos a creación de Bancos de Libros parciais, non solidarios ou non universais por parte da Xunta de Galicia.

– O que demandamos dende a nosa creación é que a Xunta de Galicia forneza de libros de texto, e do material didáctico substitutivo ou adaptado que se poida utilizar, a TODO O ALUMNADO DO ENSINO PÚBLICO GALEGO, sen consideracións sobre o seu nivel de renda, porque o diñeiro público provén dos nosos impostos, en cuxa recadación xa participamos de acordo co noso nivel de renda, polo que rexeitamos as duplicidades.

– Así mesmo demandados que ese fornecemento se realice a través dun sistema de préstamo universal que, á parte do evidente aforro para o noso diñeiro público, transmita aos nosos fillos e fillas os valores de reciclaxe, coidado para o grupo, e responsabilidade na xestión das cousas comúns.

– Demandamos tamén que todo o traballo administrativo derivado da organización deste sistema de gratuidade que defendemos non sexa realizado polo persoal docente porque está claramente á marxe da súa función e constitúe unha sobrecarga inaceptábel.

– Somos consciente de que existe unha dúbida moi razoable acerca da futura vixencia da última reforma educativa, a que se coñece como LOMCE, toda vez que todos os partidos políticos, agás do PP, manifestaron publicamente a súa intención de derrogala; polo que defendemos, á vista da inmediatez da próxima convocatoria electoral, que para o próximo curso escolar non se cambie ningún libro de texto, porque é mellor ter un libro non adaptado durante un curso que arriscarnos a cambialo agora e ter esa mesma inadaptación os cinco cursos seguintes se efectivamente a LOMCE se derrogase.

En canto ás críticas puntuais que se nos están facendo, diremos que:

– Se a consellería de Educación quere contar coa colaboración das familias galegas, o que ten que facer é propiciar a nosa participación respondendo ás nosas permanentes demandas de diálogo, antes de lanzar á rúa normas mal elaboradas como a que regula o chamado “fondo solidario”, que en só uns días de publicación xa tivo que saír a emendar pola vía de feito diante da evidente desatención na que deixaba ás familias máis desfavorecidas.

– Dende a Confederación ANPAS GALEGAS solicitaremos ás nosas federacións asociadas, e a través delas ás ANPAs que as compoñen, que NON participen na organización de ningún banco de libros a partir do curso 2015-2016, porque entendemos que tal e como foron deseñados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que foi a súa unilateral creadora, correspóndelle a ela o seu integral desenvolvemento.

Deixar unha resposta