Onde está o goberno galego cando se decide sobre educación?

Imaxe ac

Anda estes días a saír na prensa unha noticia desacougante: a publicación dun acordo bilateral entre o Goberno español e o Goberno vasco polo que se “pacta” a interpretación de varios preceptos da LOMCE, esa lei que ten a dubidosa honra de ser a lei educativa máis contestada da democracia.

O acordo acadado atinxe a diferentes aspectos da nova lei, pero fundamentalmente estamos a falar do dereito a regular integramente o ensino da propia lingua, sen que o Estado teña dereito a interferir nesa regulación toda vez que recoñece explicitamente que é competencia da administración educativa vasca; e tamén falamos do recoñecemento por parte do Goberno español do dereito que ten cada administración educativa a regular como se xestionan os Consellos Escolares, que xa non teñen porque ser consultivos segundo semellaba dispor a LOMCE, senón que terán a capacidade decisoria que lles outorgue cada unha das administracións titulares das competencias en educación.

E o desacougante desta noticia é a pregunta que nos facemos os galegos: E logo nós?

Pois nós, coma case sempre, mirando cara a outro lado; deixando esvaerse entre os dedos toda a nosa capacidade legal, cun goberno que segue a non crer nun ensino galego e para as galegas e galegos. Cuns dirixentes que fan seguidismo absoluto do que se fala na Administración Xeral do Estado. Cunha normativa que quere ter como mérito o de ser idéntica á que se poida elaborar no outro extremo da península. E coa consolidación dun ataque á nosa lingua que ven dende o mesmo momento no que o actual goberno galego gañou as eleccións e pretendeu implantar aquel modelo “plurilingüista” que logo deitaron sentenzas e costumes.

Así, as nosas fillas e fillos, que poderían ter un ensino onde aprender a se compracer do propio para entendérense, que poderían gozar do privilexio de seren instruídos na propia lingua para que soubesen chamarlle polo seu nome ás súas realidades -que é o xeito de podermos logo comprender e compartir as realidades alleas-, terán novamente que estudar de acordo cunha lei que está edificada sobre outras culturas, outras realidades e outros xeitos de ver e de convivir. E iso tamén provoca parte dese fracaso escolar que a LOMCE di que ven a eliminar.

Pero é que ademais, este “Acordo” tamén recoñece que o País Vasco – e Galiza non ? – poderá ter Consellos Escolares democráticos porque van ser eles quen decidan cómo queren que sexan, como van organizar a presenza das familias na toma de decisións no ensino.

Mentres que nós non temos ningunha noticia de que o noso goberno galego teña a intención de recoñecer, e lexislar en consecuencia, que as familias somos parte intocable da realidade educativa, e que a nosa presenza é tan necesaria e tan imprescindible como a da administración, o profesorado ou o alumnado.

Nós, as familias, sabemos que temos que ter voz na educación das nosas fillas e fillos, somos a sociedade que defende xa non o dereito, senón a obriga, de estar presentes na construción do mundo no que van vivir os nosos descendentes, os que veñen detrás de nós; e elaborar ese mundo inclúe deseñar e definir, coas nosas opinións e cos nosos votos , cada un dos pasos dos que se compón a realidade educativa.

Por todo isto, e por moitas outras cuestións, xa levamos moito tempo rexeitando á  LOMCE, pero agora mesmo, dun xeito especial logo do coñecemento desta noticia, tamén reclamamos que o Noso goberno, o Galego, asegure o mesmo acordo que neste momento teñen no País Vasco, e que sexa dende aquí dende onde se lexisle o desenvolvemento dunha norma axeitada á nosa realidade, respectuosa e potenciadora da  nosa lingua e da nosa cultura, e que recupere valores democráticos no funcionamento dos centros escolares permanecéndonos  ás  familias na presenza que ata o de agora tiñamos.

Resolución EUSKERA+CONSELLOS ESCOLARES (2) (1)

 

 

3 reflexións sobre “Onde está o goberno galego cando se decide sobre educación?

  1. Para eso hace falta tener un gobierno que se preocupe de los ciudadanos que le han elegido y no una sucursal del gobierno nacional disfrazada de autónoma. Feijoo y el PP de Galicia no harán nada que no venga ordenado por la superioridad centralista ni mucho menos abrirán la boca contra ninguna ley aprobada por sus mayores de Madrid. Es lo que tenemos, es lo que hemos votado y no podemos decir que no sabíamos que eran menores de edad sin capacidad para decidir por sí mismos cuando metimos las papeletas en la urna.

    Quizá tengamos lo que merecemos.

  2. Pingback: A Confederación de Anpas Galegas comeza con ilusión un novo curso con novos proxectos | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta