Rematamos a rolda de presentación diante das forzas políticas representadas no Parlamento Galego

Hoxe falamos co voceiro de educación do grupo parlamentar do PSOE, Vicente Docasar.

Como vén sendo habitual nestas reunións, presentámonos e contamos quen somos, que realmente levamos xa moitos anos traballando a prol do Ensino Público e que agora só tomamos outra forma xurídica, e explicamos cales son os nosos sinais de identidade.VD

Fixemos fincapé nos tres puntos básicos da nosa “ideoloxía” : somos galegos, públicos e laicos e iso implica que non queremos ensino privado concertado, que queremos a relixión fóra do Ensino, e que pensamos que debemos ter unha educación galega, en galego porque é a maneira de nos entender como persoas.

Houbo, por parte do noso interlocutor, total acordo na demanda da laicidade, aínda que só entendida como atinxinte á asignatura de relixión, igualmente no do ensino concertado, “na medida das posibilidades”, e un amplo silencio en canto á galeguidade.

Como no noso ideario hai máis cousas, tamén de grande importancia, entregámosllo por escrito e comezamos a falar dun xeito máis fluído.

Normalmente, en anteriores entrevistas, ese sempre foi o momento no que se comezaba a falar do concepto de educación, de integración, de igualdade, do imprescindible trato diferenciado que precisa o alumnado para que o resultado final sexa un trato equitativo,…

Neste caso, a moi evidente experiencia docente do sr. Docasar fixo que a conversa virase a unha visión próxima da docencia, non tanto da educación, e da participación das familias na vida escolar, tema no que non podemos dicir que estivéramos de acordo; aínda que nos fuximos, neste tipo de entrevista,  da discrepancia xa que a pretensión da visita non era tal.

Coincidimos totalmente na petición da volta ao sistema de préstamo de libros de texto, malia que dende unha visión distinta, porque nós poñemos o acento na oportunidade de educar na solidariedade e na posesión conxunta do material, o representante do PSOE faino no aspecto máis económico do sistema. Como tamén compartimos esa visión, aínda que a sobardemos,  este foi un punto de claro acordo e sintonía.

Falamos logo de comedores escolares,  aínda que o noso interlocutor semellaba entender os comedores como unha necesidade de conciliación e non contempla a evolución a un sistema de comedores universal, gratuíto e que forme parte necesaria da oferta educativa, aínda que, nas súas propias palabras, estará “encantado de recibir as nosas propostas”.

Explicamos polo miúdo, porque non semellaba ter clara a nosa xénese, sen dúbida por ter recibido informacións parciais incorrectas, que esta confederación non xurde de ningunha “escisión” senón da necesidade comprobada de nós unir porque temos un obxectivo común. Temos que subliñar que recibiu a nosa explicación con seriedade e recoñecendo que este mundo asociativo non era o seu, polo que aceptaba o que había tal e como se presentaba.

Rematamos xa  a conversa con mutuas seguridades de colaboración, e recoñecendo que o que podía xuntarnos era moito, malia que recoñeciamos a existencia de conceptos que nos diferenciaban, pero que aínda así non podían separarnos, para o ben común dos nosos fillos e fillas.

Deixar unha resposta