Continuamos a rolda de visitas de presentación ás forzas políticas e sociais do noso País

Reunión co PP

Hoxe reunímonos con Román Rodríguez, voceiro de Educación do Partido Popular no Parlamento de Galiza; case xa rematando coa rolda de visitas de presentación ás forzas políticas e sociais do noso País.

Como xa ven sendo cotián, logo de tantas conversas, contámoslle que somos novos pero non novatos, que tras de nós hai unha moi longa experiencia no mundo das ANPAs e que as federacións que hoxe fomamos esta confederación temos unha historia de traballo conxunto que acumula xa varios anos.

Entregamos o noso documento de principios, e comentamos con algo de fondura os máis salientables, incidindo na nosa aposta en Galiza e en galego, na constante reivindicación da gratuídade, do tratamento economicamente desigual que é preciso para conquerir a igualdade de todos os centros, e de todos os nenos e nenas; ou da esixencia dunha laicidade absoluta nos centros educativos.

A conversa foi amable, cunha formalidade cordial, e cun recoñecemento inmediato das “seguramente moitas diferenzas” que teñen as nosas respectivas liñas ideolóxicas no que á Educación atinxe.

O PP avoga polo pago de servizos, pola diferenciación económica dos cidadáns, de quen realmente fala como de “usuarios” dos servizos públicos, no canto de posuidores do dereito a ese servizo, que é coma nós o entendemos; e así considera razonable a política de axudas a libros, ou os tramos de renda determinantes dos prezos dos comedores; ou, xenericamente, da lóxica que ten que calquera servizo sexa abonado polos seus “utilizadores” directos dun xeito máis ou menos subvencionado.

Deixar unha resposta