Primeiras entrevistas de Anpas Galegas cos diferentes grupos parlamentares

Os representantes da Confederación de Anpas Galegas reuniranse con todos os grupos parlamentares do Parlamento Galego.
Hoxe iniciamos a rolda de contactos cos representantes parlamentares de AGE e máis do BNG, que continuaremos o vindeiro 3 de febreiro  cos representantes do PP e máis co PSOE.
Reunión de Anpas Galegas co BNG
Avanzamos así na presentación desta nova Confederación, integrada até o de agora polas Federacións de Bueu, Cangas, Compostela, Costa da Morte, Ferrolterra, Lugo, Ponteareas, Val Miñor e Vigo, que logo de se reunir cos responsables da Consellería de Educación, queren presentar a súa visión do Ensino Público aos representantes de todos os galegos e galegas.
Destacamos nas reunións de hoxe a sintonía acadada en canto ao papel que as familias deben xogar no debate educativo e na vivencia cotiá da educación; así como a disposición, tanto do grupo parlamentar de AGE como no do BNG, a ser canle de achegamento entre as familias e o parlamento en materia educativa.
Reunión de Anpas Galegas con AGE
Na reunión cos representantes de AGE temos que subliñar a coincidencia na nosa reclamación dun ensino absolutamente en galego, así como o seu aplauso á nosa reivindicación de rematar cos concertos educativos, de afastar á relixión das escolas públicas,  e un especial interese polo avance na inclusión de todas e todos nun ensino público e de calidade.
O representante do BNG, participando tamén das nosas reclamacións básicas, nomeadamente no que ten que ver coa nosa aposta polo País, incidiu moito nos beneficios xerais das políticas inclusivas, mesmo dende a súa persoal experiencia docente, tanto para os destinatarios directos das mesmas, como para o conxunto do alumnado que ve mellorada a súa educación coa atención á diversidade na vida educativa;  compartindo tamén as nosas opinións sobre a necesaria laicidade, ou o rexeitamento aos concertos educativos.
Pola nosa parte, expoñemos como primeira, urxente e necesaria reivindicación, a necesidade de instaurar xa políticas de gratuidade nos libros de texto, e demais material escolar, a través da recuperación do sistema de préstamo.
Estas presentacións da Confederación completaranse coas xuntanzas que cadansúa federación integrante está a manter cos grupos políticos municipais para presentar tamén esta nova agrupación que ven a enriquecer a presenza das familias na Defensa do Ensino Público Galego.

Deixar unha resposta