ANPAS GALEGAS

 

Directiva ANPAS GALEGAS

Quen somos?

A Confederación ANPAS GALEGAS está formada polas federacións de:

Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca – FOANPAs.
Federación Galega de ANPAs COMPOSTELA
Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Ferrolterra, FEANPAS Ferrolterra.
Federacións de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos do Val Miñor.
Federación de ANPAs de centros públicos de Cangas do Morrazo.
Federacións de ANPAs do Condado-Paradanta e Louriña., FANPO.
Federacion provincial de ANPAs de Lugo FAPACEL.
Federación Provincial de ANPAS da Coruña – Costa da Morte.

Porque xurdimos agora?

A Confederación é o resultado de varios anos de traballo en común, de experiencias compartidas, e xorde trala procura dunha igualdade de criterio naqueles aspectos de maior transcendencia, de xeito que puidésemos formar unha voz común que defenda o ensino público, unha voz aguantada nunha ampla base social.

Polo tanto isto é a fin dunha etapa de traballo, a que propiciou a nosa existencia; e o comezo doutra: a da nosa andaina como realidade diferenzada de cada unha de nós.

Cal entendemos que debe ser o traballo dunha anpa e a súa organización agrupada?

As ANPAs son organizacións vinculadas a un centro educativo que nacen para vehicular a presenza das nais e pais na vida dese centro; tanto nos seus aspectos colaborativos, como nos críticos ou reivindicativos.

As ANPAs non son organizacións provedoras de servizos, malia que a situación actual así o reflicta en moitas ocasións, e non debe confundirse a cobertura de necesidades inaprazables, que levou e leva a moitas anpas á organización de servizos complementarios diante da inacción da Administración Pública, cos obxectivos reais destas organizacións, e coa súa rotunda intencionalidade de abandonar ese papel organizativo.

As ANPAs deben ser o lugar onde se artelle a participación das familias na vida dos centros, colaborando co profesorado e coa dirección dos mesmos, para a mellora da educación e da vida das nosas fillas e fillos. E tamén debe ser un lugar de demanda permanente sobre a Administración Educativa, participando dun xeito directo e/ou representativo, segundo o ámbito da demanda, na denuncia de necesidades e na formación de alternativas e solucións.

Na participación representativa dunha ANPA é onde aparece a necesidade da creación de Federacións e Confederacións das mesmas.

Como cada problema ten un ámbito de repercusión e de solución, entendemos que as federacións agrupadas segundo os espazos xeográficos naturais de convivencia son o límite racional da acción conxunta; algo que non pode vir marcado pola frialdade administrativa e claramente inoperante das divisións en concellos ou provincias; deste xeito, as federacións serán máis grandes ou máis pequenas segundo a poboación se sinta identificada co grupo; máis en calquera caso, e independentemente do seu tamaño, constitúen o marco de referencia á hora de tratar os problemas cotiáns que afecten a máis dun centro educativo, e tamén o lugar de apoio do traballo individual de cadansúa ANPA.

Mais, coñecedores da existencia de problemas que nos afectan a todas, e de solucións que tamén pretenden afectarnos a todos, cremos imprescindible agruparnos nun órgano máis grande e amplificado.

Como queremos actuar?

A Confederación “Anpas Galegas” non pretende ser un suxeito independente daquelas federacións que a forman; a súa presenza non vai ser local, para iso xa está cada unha das súas socias, nin vai ter entre os seus obxectivos a solución de problemas concretos, cuestión tamén propia de cada asociada.

A Confederación crease para traballar no eido educativo dun xeito global, atenderemos á realidade galega, e pretendemos incidir nela no espazo da educación, estando presentes en todos aqueles foros de opinión, e en todos os órganos administrativos nos que se traballe nese espazo.

Esta declaración non implica gradación de intereses; nada relativo á educación é demasiado pequeno para nós, pero entendemos que a proximidade é un valor na solución dos problemas, e que debemos afrontar cada problema no seu ámbito máis axeitado.

Cales son as nosas bases ideolóxicas?

Defendemos o ensino público, mais non calquera concepción del; para nós o ensino público non pode estar suxeito a calquera interpretación, nin pode deixar de definirse en consonancia coa contorna socio-económica; polo tanto, defendemos un ensino público:
Galego: tanto na lingua de expresión que debe ser vehicular en todas as materias, agás obviamente do ensino das diferentes linguas; como na fixación dos curricula. Os nosos nenos e nenas, mozos e mozas, teñen que aprender cal é a realidade social, cultural, económica, histórica, xeográfica e consuetudinaria na que naceron e na que van vivir. A nosa intención e obxectivo é que os nosos fillos e fillas permanezan na nosa Terra, coñecéndoa, entendéndoa e mellorándoa constantemente; e que o seu coñecemento da realidade se organice partindo do inmediato ao arredado, o que lles fará comprendela e comprendérense, no canto de o facer en senso inverso.

Único: rexeitamos totalmente a existencia de concertos co ensino privado; e entendemos como un horizonte desexable, e cara o que hai que traballar, a súa desaparición absoluta.

Laico: rexeitamos a presenza da relixión, calquera relixión, como parte do ensino; non só como materia curricular, senón mesmo como parte da oferta educativa; entendemos que a relixión pertence ao ámbito privado das familias, e que debe ser neste ámbito onde se oferte e se organice.

Descentralizado: o alumnado do cada un dos centros de ensino debe estar dentro dun ámbito xeográfico moi concreto. Rexeitamos as concentracións de alumnado multitransportado porque separa aos nenos e nenas da súa realidade social e disocia a vida ordinaria e cotián da vida escolar; por iso pedimos a rezonificación permanente nos ámbitos urbanos, e que prime sobre calquera outro criterio o da proximidade ao centro de ensino. Pero tamén por iso, Esiximos que no ámbito rural se organicen os centros escolares independentemente de criterios económicos ou orzamentarios. Debe existir un centro escolar alí onde existan nenos e/ou nenas que o utilicen. Iso implica, por suposto, a subordinación á existencia dun grupo mínimo que garanta a socialización e posibilite os aspectos grupais do ensino, pero tamén a asunción de perdas económicas, porque o mantemento do noso rural impón a necesidade da mantenza de infraestruturas deficitarias que permitan unha vida normalizada aos seus habitantes, presentes e futuros.

Conciliador: entendemos que o ensino público ten que se abrir a aspectos non estritamente académicos, e que a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar é xa máis unha necesidade económico-laboral ca unha demanda social. Por iso sabemos que a organización do ensino público debe incluír a cobertura de tempos de atención anteriores e posteriores ao desenvolvemento da actividade estritamente docente.

Gratuíto: todo o ensino público e os seus servizos complementarios deben ser sufragados integramente con fondos públicos, se o ensino é unha necesidade social, e a sociedade está organizada para sufragar, vía impositiva, o custo daquilo que consideramos necesario, non podemos facer que os usuarios dun servizo necesario teñan unha dobre taxa; por iso entendemos que todo cando arrodee o ensino ten que ser custeado pola Administración que o organiza. E iso atinxe non só aos servizos docentes, senón aos materiais docentes necesarios, nomeadamente aos libros de texto, aos servizos complementarios necesarios, á cobertura extraescolar organizada, e a calquera outro custe que puidese xurdir. A única garantía de que todos os nenos e nenas van ser tratados dun xeito igualitario, coa seguranza necesaria, é a gratuidade absoluta dos servizos educativos.

Adaptado: a educación precisa dun rateo de alumnado que permita, por baixo, o tratamento agrupado dos alumnos e alumnas naqueles aspectos docentes nos que a existencia dun grupo sexa imprescindible; e, por riba, a atención individualizada ás necesidades persoais de cada alumno. Dende ese punto de vista, rexeitamos a actual valoración dos rateos por considerala excesiva para o profesorado e negativa para os nenos e nenas implicadas. Pensamos que deben reducirse ata cifras que garantan a atención correcta a todo o alumnado e sempre no caso da presenza de alumnado con necesidades especiais, ben sexan persoais ou sociais, así como no caso da existencia de repetidores.

Inclusivo: A escola é un reflexo da sociedade e das circunstancias que nesta se dan: persoas en risco de exclusión social, persoas con discapacidade, interculturalidade , persoas con alta capacidade, etc. Polo tanto, os nosos nenos e nenas teñen características propias que os fan especiais e diferentes. A diferenza é enriquecedora e a inclusión vai facer que todos os nenos e nenas convivan e compartan as súas experiencias, inquedanzas, aprendizaxes e amizades. Demandamos que se dote aos centros dos recursos necesarios para atender á diversidade e cubrir as necesidades de todo o alumnado, independentemente das súas capacidades e características. Referímonos a recursos materiais (accesibilidade dos centros, sistemas de comunicación alternativa…) e persoais (profesorado especialista, coidadores/as…).

Claramente normativizado: demandamos que o ensino teña un ámbito de adscrición administrativa claramente identificable, eliminando a presenza da administración municipal no mantemento ou conservación dos centros de ensino de infantil e primaria, para que así o tratamento deses centros, en cando dotación, medios de conservación, ou investimentos, se trate dun xeito igualado no noso País, evitando as discriminacións actuais entre concellos con maior ou menor dispoñibilidade económica; máis tamén impedindo a indeterminación coa que se escusan as inaccións administrativas nos casos nos que a competencia entre Administracións non está claramente definida.

Profesional: rexeitamos a ocupación do persoal docente en cuestións que non sexan da súa estrita competencia, esiximos a presenza de persoal administrativo independente que, previa formación específica, sexa quen de se encargar deste tipo de traballo e de se relacionar coa consellería de educación nos múltiples aspectos administrativos que xorden da relación desta cos alumnos-as, familias ou mestres. Así mesmo, esiximos a presenza, en tódolos centros educativos, de todo o persoal colaborador que se precise para que a vida cotiá do centro discorra dentro das canles da normalidade, de xeito que a atención ás necesidades especiais non poida modificar o ordinario funcionamento da actividade docente. E entendemos que a presenza das familias na vida educativa non debe incluír en ningún momento a demanda da súa participación no que debe ser a actividade normalizada dun centro educativo.

Útil: o ensino público é a primeira entrada dunha persoa na sociedade que a rodea, é a súa carta de presentación en ámbalas dúas direccións. Como sociedade non podemos permitirnos o fracaso escolar, porque é o fracaso do grupo social; se non é posible incluír a un individuo-a dentro do ensino público, e máis se esa imposibilidade acada os límites que está acadando actualmente, estamos demostrando a nosa incapacidade, e así o fracaso escolar non é máis que o noso fracaso como sociedade, como grupo, como individuos.
Por iso, e porque sabemos que non hai nenos-as fracasados, senón sistemas inadaptados a eses nenos e nenas, sabemos tamén que o sistema educativo ten que poñer ao alcance deses nenos os medios abondos para que poidan incluírse na sociedade na que van vivir, por máis custosos que eses medios poidan parecer.

Economicamente privilexiado: o ensino público é a base do futuro social, por iso ten que estar fóra das discusións orzamentarias e debe ter un tratamento específico en canto ao resto dos gastos que realice a Administración pública. Non hai ningún suposto nunha sociedade que se presume normalizada e moderna polo que se poida adiar os gastos necesarios para o mantemento dun sistema educativo actualizado, moderno, absolutamente dotado de medios materiais e humanos e que forme aos seus usuarios no coñecemento do presente e os prepare para a súa integración no futuro.

Cales son os nosos obxectivos inmediatos?

Xunto coa anterior declaración de intencións, ou atencións, non esquecemos a realidade na que vivimos, e temos prioridades claras, que malia non nos facer rexeitar os nosos obxectivos futuros, precisan a nosa atención, e así:
– Esiximos unha maior presenza das familias dentro da vida dos centros educativos, tanto para a toma de decisións como no coñecemento das súas directrices de funcionamento.
– Tamén esiximos unha maior presenza das familias na toma de decisión a nivel de Administración educativa.
– Rexeitamos a LOMCE e calquera lei educativa non consensuada e que non estea deseñada por e para a comunidade educativa.
– Rexeitamos a actual valoración dos rateos de alumnado de primaria e secundaria, esiximos a volta á situación normativa previa e o estudo da súa diminución.
– Rexeitamos totalmente os recortes en educación que xa leva tempo desenvolvendo o actual goberno da Xunta de Galicia, nomeadamente naquilo que se refire ao número de docentes e/ou centros educativos.
– Queremos comedores escolares universais, gratuítos e integramente xestionados pola Administración educativa.
– Rexeitamos calquera normativa sobre a axuda ás familias para a adquisición de libros de texto que non pase pola gratuidade absoluta deste material, así como calquera de calquera outro material escolar, e pola súa futura substitución por outros medios de aprendizaxe máis actualizados e así mesmo gratuítos.
– Rexeitamos a normativa sobre transporte escolar, na consciencia de que este debe ser universalizado, reducidos os tempos medios de permanencia nos autobuses, e achegado fisicamente ao domicilio dos usuarios.