Reunión co conselleiro de fomento de Castela-León

REUNIÓN CO CONSELLEIRO DE FOMENTO DE CASTELA-LEON

O pasado martes, 27 de xuño, fomos convidadas a unha xuntanza coa conselleira de infraestruturas á que asistiron, por parte da nosa Confederación, o presidente, Javier Sánchez, e máis o Vicepresidente, Fernando Lacaci; o motivo da mesma foi a visita que o conselleiro de fomento da comunidade de Castela-León estaba facendo a Galiza, e a posibilidade de que nos explicaran, dun xeito directo, cal é a valoración da experiencia que nesa comunidade autónoma hai da unificación do transporte xeral no rural co transporte escolar, logo de catro anos dende a súa implantación.

A reunión iniciouse coa exposición por parte do Conselleiro de Fomento de Castela e León da súa experiencia no transporte combinado, falou das súas fortalezas: o aforro económico, a posibilidade de darlle á poboación do rural un maior e mellor servizo do que tiñan ata o de agora, a perfecta convivencia entre escolares e adultos, a inexistencia de problemas de seguridade, e ata pequenas vantaxes como a redución do vandalismo nos autobuses escolares, o que achaca á presenza de adultos coñecidos, que “moderan” o comportamento dos estudantes máis pequenos.

O modelo que se segue en Castela-León é o de transporte xeral baixo demanda, con reserva de prazas para escolares; os usuarios non escolares que queiran utilizalo teñen que comunicalo o día anterior, vía telefónica ou electrónica, para ter dereito a utilizalo o día seguinte. Algo moi similar ao que aquí se pretende.

Do que non falou o conselleiro, non en van é un político, é das feblezas do sistema, que probablemente tamén teña, pero si que nos informou de tres  circunstancias que nós queremos destacar desa xuntanza:

– A Consellaría de fomento actuou sempre da man da Consellaría de Educación .

– Partiron da experiencia coñecida e contrastada doutras comunidades como Asturias, Euskadi, Navarra ou Cantabria.

– Incrementaron as inspeccións xa existentes, poñendo inspectores propios desa Comunidade, a maiores dos que xa ten que poñer o Estado no cumprimento das súas competencias.

Para nós, escoitar esa experiencia, malia ser unha opinión de parte, foi algo positivo, e que deu pé a presentar algunhas dúbidas sobre o modelo galego, por exemplo:

  • Onde está a Consellaría de educación e os seus políticos e técnicos cando estamos falando de transporte escolar? ; recoñecemos e agradecemos publicamente a atención que a consellaría de infraestruturas está a ter connosco, e polo tanto con todas as familias. Pero isto non substitúe a presenza dos responsables de educación en todas as sesións de traballo.
  • Cal vai ser o plan de inspeccións específicas que a Xunta de Galicia vai establecer para garantir unha absoluta seguridade e normalidade no servizo de transportes.
  • O transporte baixo demanda, que é no que se vai converter a parte do transporte xeral que agora se licita, como anticipo a unha licitación para todo o rural no ano 2019, vai permitir que o noso rural medre ? ou simplemente é a maneira de atender a esa poboación que semella chamada a ser a dos últimos poboadores de moitas das nosas aldeas e parroquias?
  • Como se vai estruturar a necesaria, imprescindíbel, comisión de seguimento que terá que comezar a traballar dende o día primeiro do novo modelo?, porque nós queremos estar alí e ter todos os datos necesarios para poder avaliar a posta en práctica dun modelo que é novo para nós.

A conselleira de infraestruturas asegurounos, repetidas veces, tanto nesta xuntanza como nas previas que mantivemos, que o transporte escolar non vai ver en absoluto modificadas as súas rutas, nin o tempo de viaxe, nin o número de paradas, nin os tempos de agarda, ou a seguridade das prazas; asegúranos que mesmo vai haber prazas para o alumnado da ensinanza post obrigatoria, bacharelato e/ou fp que precise desprazarse, aínda que a normativa actual do transporte escolar non lles concede ese dereito (algo que hai que revisar con urxencia), e que a convivencia está asegurada con presenza de coidadores-as en todas as liñas que se liciten baixo este modelo.

E nós non queremos poñer paus na roda dun proxecto que pode ser unha mellora para as condicións do rural, á parte do que antes se comentou sobre se realmente isto é unha mellora ou unha consolidación dun deterioro, porque sabemos ademais que a convivencia dos nenos con todos os maiores que forman parte da súa contorna é algo bo e positivo para a súa educación vital; pero queremos seguridades, queremos participar na evolución desa experiencia, queremos saber de primeira liña como está a desenvolverse este proxecto, so daquela estaremos totalmente de acordo.

E isto non quita unha das nosas reivindicacións máis claras, O TRANSPORTE ESCOLAR, TODO EL, E A ZONIFICACIÓN DAS VILAS E CIDADES, QUE SON DOUS CONCEPTOS QUE VAN MOI LIGADOS, É UN TEMA PENDENTE QUE HAI QUE ABORDAR NESTES INMEDIATOS ANOS.

Pero iso ten que se facer coa consellaría de Educación, se algún día baixan do seu limbo.

 

 

Deixar unha resposta