Publicado o decreto de “reorganización de centros”

Está publicada a “reorganización de centros docentes” no DOG de hoxe; na práctica é a consolidación formal dos peches contra os que protestamos na grande mobilización do día 29.

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22685

Isto quere dicir:

– Que a consellaría só entende traballar ao ditado de “a realidade sociolóxica, educativa e de optimización dos recursos”; aínda ninguén lles explicou que o que se agarda dun bo gobernante non é acovardarse diante da realidade, senón ter a forza de crear propostas que a modifiquen para o ben común; neste caso para manter e defender proxectos educativos singulares e necesarios para a contorna na que se localizan.

– Que as mobilizacións, impresionantes, do outro día, non só non deben parar, senón que deben incluírse nunha ampla e permanente resposta social defensora de todo o ensino público galego.

– Que os peches deste ano, xa sen crises nin escusas, son só unha mostra máis, e non a última, do verdadeiro propósito deste goberno: desmantelar o ensino público para llelo entregar ao negocio privado.

Deixar unha resposta