Rexeitamos a política de peche de centros educativos e recortes de prazas de profesorado

A Confederación ANPAS GALEGAS expresa o seu máis absoluto rexeitamento á política de peche de centros de Ensino que a Consellaría de Educación ven mantendo dende hai xa demasiados anos, e concretamente neste momento, atinxindo ao CEIP Emilio Navasqües en Cruceiro do Ro (Outes), ao CPI da Ribeira no Porriño, ao CPI Monte Caxado das Pontes, así como á oferta da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia. .

Así mesmo, tamén rexeitamos os aínda permanentes recortes na dotación de profesorado nos centros de Ensino Público, tanto no catálogo ordinario de postos, como moi nomeadamente no catálogo de profesorado de apoio, verdadeiro piar da inclusión educativa que este Goberno da Xunta está a limitar e deteriorar constantemente coas súas decisións económicas.

É inadmisíbel que mentres o discurso oficial do Goberno Feijoo está permanentemente gabándose dunha recuperación económica que eles din que existe, ao mesmo tempo continúen xustificando accións de abandono dos servizos públicos, de recorte de posibilidades de futuro para o noso rural, de descontextualización do alumnado ao que forzan a traslados innecesarios; e, por riba de todo, tomando decisións sen ningunha caste de coordinación coas comunidades educativas correspondentes, coas familias, e coa veciñanza das zonas afectadas.

Un colexio non é un establecemento económico, un colexio é a vida presente na contorna; un lugar que non teña centros escolares esmorece e morre, perde habitantes e perde ilusión, perde tecido comercial  e perde futuro. Ese é o deseño que a actual Xunta de Galiza está a facer para o noso mapa educativo, o dun grande ermo onde nada medre; agás, por suposto, o negocio privado do ensino, apoiado polas actuais autoridades educativas a través do incremento permanente da vía dos convenios con empresas privadas, mentres se eliminan prazas públicas para poder crear mercado, comerciando cos dereitos da xuventude e coas súas posibilidades de mellora no futuro.

Por iso esta Confederación rexeita permanentemente calquera recorte, calquera peche, no Ensino Público Galego, porque antes de tocar unha soa praza pública, antes de reordenar nin o primeiro pupitre, haberá que acabar coa privatización encuberta do ensino, haberá que rematar co ensino concertado, coas súas prebendas e coas manobras oficiais para beneficialo. Cando iso ocorra, falaremos de como reorganizar o Ensino Galego, dende parámetros de oportunidade para todas, e de conveniencia para todo o País; non dende a óptica económica de quen non remata de comprender que a Educación non é un negocio, é unha enorme oportunidade de equidade e nivelación, algo que desgrazadamente non semella ser do gusto dos nosos gobernantes. 

 

 

Deixar unha resposta