Queredes ser parte da Confederación ANPAS GALEGAS?

Moitas ANPAs do noso País chaman e escriben de a cotío para saber como participar do proxecto desta Confederación, outras non o fan porque descoñecen cal é a vantaxe de se agrupar con outras asociacións de nais e pais, ou mesmo porque pensan que a finalidade deste movemento asociativo só ten lóxica no ámbito do seu centro escolar.
Por iso, dun xeito breve, queremos darvos unha pequena información, e tamén achegarvos o xeito de contactar connosco e participar directamente neste proxecto.

 
A Confederación ANPAS GALEGAS naceu hai uns poucos anos coa mirada posta no Ensino Público Galego; non é que non teñamos interese no Ensino global, nin que non nos importen as pedagoxías, as solucións, ou as iniciativas que veñen doutros lugares, simplemente ocorre que aprezamos sermos galegos, e que a Administración que rexe o noso Ensino Público é a Xunta de Galiza, por iso marcamos ese ámbito.
A nosa distribución territorial é “á carta”, porque non cremos en distribucións ríxidas do territorio, sabemos que hai quen se sente representada nunha provincia, e quen pensa que o seu ámbito xeográfico de traballo debe ser unha comarca ou unha cidade; para nós serven todas as decisións, porque o que queremos é que a xente que participa dunha ANPA se sinta cómoda, que se relacione primeiro coas súas familias asociadas, e traballe no seu colexio ou IES para tratar de mellorar o Ensino que ten ao carón de seu; logo ten que se xuntar coas anpas da súa contorna, formando e sentindo federacións útiles e utilizables, que teñan unha relación directa e aproveitable; e logo esas federacións forman a Confederación, como un lugar onde debater e defender o Ensino que nos afecta a todas, o que están a vivir as nosas fillas e fillos, e tamén o que vivirán as nosas netas e netos, e todas as que veñan detrás.

 
Para nós as ANPA son a fórmula máis efectiva de facer realidade o concepto de Comunidade Educativa, porque son o espazo onde as familias podemos organizar a nosa presenza nos centros educativos, a maneira máis eficaz de transmitir o que queremos dicir, o que podemos achegar, no que estamos desexando colaborar; e tamén é o xeito máis doado de recibir de volta, tanto do profesorado como da administración educativa, a información e as valoracións que precisamos como nais e pais, para non perder esa parte fundamental da educación e do medre das nosas crianzas.

 
Territorialmente somos moi diversas, agora mesmo esta Confederación está organizada en oito Federacións:
1. A Federación Olívica – FOANPAS – que acolle ás ANPAs da cidade de Vigo e comarca.

2. A Federación do Val Miñor – FAVALMI – que acolle ás ANPAs dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, pero está aberta ás ANPAS do resto da provincia de Pontevedra.

3. A Federación do Condado-Paradanta e Louriña – FANPO- que acolle ás ANPAs dos concellos de Ponteareas, Salvaterra, Mondariz, Mondariz-Balneario e Arbo, e está aberta ás ANPAs de A Cañíza, Covelo, Crecente, As Neves, Mos e Porriño.

4. A Federación de Cangas – A GAMELIÑA , que acolle ás ANPAs do concello de Cangas.

5. A Federación comarcal de Ferrolterra , que acolle ás ANPAs dos Concellos de Ferrol, Ares, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño, As Somozas, Moeche, San Sadurniño e Cedeira

6. A Federación Provincial de Lugo – FAPACEL – que acolle ás ANPAs dos Concellos desa provincia.

7. A Federación Provincial da Coruña-Costa da Morte, aínda que naceu nos concellos desa zona, acolle a ANPAs dos Concellos de toda esa provincia.

8. A Federación Galega de ANPAS COMPOSTELA, que acolle a todas as ANPAs de calquera punto de Galicia.

E esta distribución é inamovíbel?
Pois non, non o é en absoluto.
A intención desta Confederación é contar con cada vez máis voces, e crear cada vez máis Federacións, e traballar todas xuntas de abaixo a arriba, porque se queremos representar ás familias, esa representación ten que saír sempre do debate e a participación de todas; por iso non marcamos límites xeográficos, nin queremos grandes estruturas formais, pero si temos moito interese en que as familias galegas consigamos o Ensino Público que as nosas fillas merecen e necesitan.

 
Se queredes xuntarvos a este proxecto, ou simplemente queredes información, estes son os mails e os teléfonos:
FOANPAS foanpas@foanpas.com 986 298 812

FAVALMI favalmi@gmail.com 609 960 887

FANPO fanpoponte@gmail.com 694 406 886

A GAMELIÑA federanpas.cangas@gmail.com

FANPA FERROLTERRA fanpaferrolterra@gmail.com 667 070 072

FEDERACIÓN PROVINCIAL DE LUGO fapacel@hotmail.com 609 983 876

FEDERACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA- COSTA DAMORTE correo@fedanpas.org
679 457 105

ANPAS COMPOSTELA anpascompostela@gmail.com 658 581 844

E se non tedes claro a quen tedes que vos dirixir, sempre están ao voso dispor o mail e os teléfonos da Confederación:
anpasgalegas@gmail.com
600 699 293 ou 610 616 968

Deixar unha resposta