Escolarización, e separación, dos múltiples nos centros de ensino galegos

O pasado 23 de xuño, mantivemos unha xuntanza coa Valedora do Pobo para presentarlle formalmente unha queixa sobre o tratamento que os centros escolares galegos fan sobre a escolarización das crianzas nacidas en partos múltiples, xemelgos ou falsos xemelgos, quen están sendo tratados dun xeito uniforme sen ter en conta a súa individualidade pola meirande parte dos centros públicos galegos, e sen escoitar ás súas familias, que son as primeiras responsables, e as máximas interesadas, en que teñan unha educación da máis alta calidade.

Esta Confederación estivo representada polo noso Vicepresidente, Fernando Lacaci, así como pola nosa Secretaria, Bertila Fernández, que foron acompañando a Lidia Feal, unha nai de xemelgas que ofrece o seu caso, e o nome da súa familia, para personificar un problema que hoxe en día afecta a unha crecente porcentaxe de parellas galegas: o feito de ter que defender que as súas fillas teñen dereitos individuais idénticos aos de calquera outro neno, e que non poden ser discriminadas, tal e como ela di dun xeito perfectamente descritivo, “por razón de irmandade”.

Presentámoslle á Valedora do Pobo un amplo traballo sobre a escolarización e SEPARACION DOS MULTIPLES, e recibimos da súa parte unha resposta esperanzadora: esa oficina realizará todas as xestións que estean na súa man para tentar resolver o problema, e concorda con nós na nosa demanda fundamental: antes de tomar unha decisión sobre calquera parella de irmáns nacidos xuntos hai que considerar o que é positivo para esa parella en concreto, e hai que escoitar ás súas familias, que son quen coñecen, quen entenden, e quen máis defenden, ás súas fillas e fillos.

SEPARACION DOS MULTIPLES

Deixar unha resposta