A Confederación ANPAS GALEGAS presentamos reclamacións na CIUG en contra da ponderación ABAU.

Manifestamos a nosa preocupación e malestar polas consecuencias inxustas que, sen dúbida, terán os novos Parámetros de Ponderación de materias que a CIUG fixo públicos esta semana.

Concretamente consideramos que son uns parámetros inxustos polos seguintes motivos:

– Difiren enormemente dos vixentes en cursos anteriores e danse a coñecer nun momento en que o alumnado que se ten que acoller a eles non ten a máis mínima posibilidade de cambio na súa escolla de materias optativas. Lembremos que o alumnado que se presentará á ABAU neste ano 2017 fixo a súa escolla de materias optativas en xuño do 2015, cando se matriculou de 1º de Bacharelato.

– O alumnado que se presentará á ABAU este ano xa sufriu abondo a inoperancia e irresponsabilidade do goberno do Estado Español, que non deu a coñecer como sería esta proba ata decembro pasado. Agora segue aínda sufrindo a inoperancia da Consellería de Educación que non dá concretado a Resolución conxunta da Secretaria Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se rexerá en Galicia a ABAU do 2017.

– Nestas circunstancias, consideramos que cando menos por parte das universidades galegas se debería facilitar o proceso a este alumnado, de xeito que fose o máis xusto e equitativo posible. Esta xustiza non parece estar presente desde o momento en que se cambian as normas do acceso cando a posibilidade de adaptarse o alumnado a elas é nula, e cando o prexuízo deste cambio é dispar entre o alumnado que pretende acceder a un mesmo grao universitario desde diferentes escollas de optatividade.

– É evidente que as universidades galegas, e polo tanto tamén a CIUG, foron tamén vítimas da ineficacia lexislativa das nosas administracións e vense obrigadas a tomar decisións tardías. Agora ben, no caso da mudanza nos devanditos Parámetros de Ponderación, consideramos que non estaban obrigadas a facer unha mudanza tan radical respecto ós vixentes ata o momento e que, ademais, semellan non estar ben fundamentados en criterios educativos.

– Non imos entrar a analizar en profundidade os problemas detectados nestes novos parámetros, porque foi moita a casuística que nos chegou desde o profesorado, dirección de centros, alumnado e familias. Aínda así, queremos citar que nos parece que todos eles veñen dados pola nova pretensión de asimilar os graos universitarios a itinerarios e non a materias. Isto crea graves problemas, xa que de todos é sabido que hai graos que, por moito que estean adscritos a unha das grandes áreas da universidade, na súa estrutura interna teñen contidos de diversos itinerarios de bacharelato. Un exemplo ben significativo son os graos en Mestre ou Mestra que, por moito que se vinculen coa rama de Ciencias Sociais, teñen contidos de Ciencias, tales como as Física ou a Química. E poderiamos citar moitos outros casos.

– O dito anteriormente leva a incongruencias enormes, de entre as que, só co intención exemplificativa, imos citar algunhas:

a) No grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte non pondera ningunha das materias relacionadas con Ciencias da Saúde, cando no seu plan de estudos ten materias relacionadas con estas disciplinas. Pola contra, si pondera o Grego.

b) Nos graos de Mestre/Mestra non se ponderan as materias de Ciencias. Tampouco se pondera o Latín (suponse que por ser unha materia do itinerario de Humanidades), pero si o Grego (que é optativa tanto de Humanidades coma de Ciencias Sociais). Esta exclusión da materia de Latín de todos os graos de Ciencias Sociais non ten explicación posible.

c) Resulta sangrante a inxustiza que levou a cabo a nova ABAU co alumnado de Artes, que se ven imposibilitados de examinarse de moitas das materias vinculadas ó seu itenerario (Historia da Música e da Danza, Análise Musical ou Debuxo Artístico). Esta situación vese aínda máis agravada ó observar que non son ponderadas as materias das que poden examinarse (Fundamentos da Arte, Deseño, Cultura Audiovisual e Artes Escénicas) en moitos dos graos nos que ata agora si puntuaban (é significativo o caso dos graos de Mestre/Mestra, no que se matriculaba alumnado que cursara contidos relacionados coa música).

Por todo o anteriormente indicado,

SOLICITAMOS

das universidades galegas e, xa que logo, da CIUG o seguinte:

– Que se manteñan os anteriores parámetros de ponderación, xa coñecidos polo alumnado, e polos que se guiou para facer as súas escollas de optatividade, e que se fagan sobre eles só os necesarios cambios ós que obriga a creación de novos graos universitarios ou a desaparición de materias da ABAU.

– Que, se se fai algunha outra modificación ademais das descritas no punto anterior, sexa en beneficio do conxunto do alumnado e sempre tendo presente que estas decisións non poden supoñer un beneficio para o alumnado dun itinerario e un prexuízo para o alumnado doutro.

Como confederación que está ó servizo do conxunto do alumnado e familias , confiamos en que se sexan atendidas as nosas peticións, que cremos que axudarían a que o proceso de adminisión nas universidades galegas fose máis xusto e equitativo.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017

SR. PRESIDENTE DA COMISIÓN INTERUNIVERSITARIA DE GALICIA

Deixar unha resposta