Presentamos a proposta de Educación Hospitalaria e Domiciliaria no Consello Escolar de Galiza

O vindeiro xoves día 23 do presente mes, a Confederación ANPAS GALEGAS defenderemos ante a Comisión Permanente do Consello Escolar de Galiza a necesidade de que o Pleno dese órgano debata a aprobación dunha proposta de resolución presentada por esta Confederación na que solicita ao señor Conselleiro de Educación a creación dunha mesa de traballo que redacte unha proposta normativa que garanta o dereito das nenas e nenos en idade escolar que, por mor dunha longa enfermidade ou lesión, non poden asistir regularmente ou durante un período de tempo prolongado ao centro educativo.

Como todas e todos saben, a Confederación ANPAS GELEGAS esixe da consellería de Educación a aprobación dunha normativa específica que definitivamente garanta o dereito fundamental á educación do alumnado durante a enfermidade.

Nese sentido permanentemente vimos denunciando a ineficacia da lexislación actual que, ademais, resulta completamente insuficiente, tal e como manifestan as familias que padecen esta situación e as propias/os profesionais que atenden a o alumnado que se atopa nesa situación de enfermidade. Ademais o “protocolo” aprobado pola consellería para silenciar as voces críticas, non modificou a situación preexistente nin solucionou a precaria situación.

Unha mais das moitas accións levadas adiante dende ANPAS GALEGAS, foi presentar ante o Consello Escolar de Galiza unha “proposta de resolución” para que dito órgano instara ao Sr. conselleiro de Educación a “convocar unha mesa de traballo” que elaborara a tan necesitada e demandada normativa. Pedimos que nesa mesa estiveran presentes todos os sectores que, dalgún xeito, están presentes nese proceso educativo durante a enfermidade (familias, docentes, persoal sanitario, persoal da universidade, a propia administración, etc…).

A gran sorpresa foi que dende a presidencia do Consello Escolar, dita proposta foi rexeitada e nin tan sequera aceptou o seu debate no Pleno, argumentando, textualmente, que “a presidencia deste Consello Escolar de Galicia estima que a cuestión solicitada non é da competencia do mesmo porque os asuntos a tratar non versan sobre ningunha das cuestións a que se refire o artigo 15 do Decreto 44/1988, do 11 de febreiro”.

O representante desta Confederación no Consello Escolar de Galiza, presentou alegacións a dito inexplicable rexeitamento, neste sentido hai que dicir que o artigo 15 do citado Decreto di no seu apartado g) do punto 1) que o Consello escolar de Galiza será consultado preceptivamente nas “Disposicións e actuacións xerais encamiñadas a mellora-la calidade do ensino e a súa adecuación á realidade social e cultural galega. Así como aquelas accións destinadas a compensa-las desigualdades e eivas sociais, territoriais ou individuais da poboación que hai que escolarizar”. E, ademais, no seu punto 2) este artigo textualmente di que “O Consello Escolar de Galiza poderá formular á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proposta sobre os asuntos relacionados nos apartados anteriores de este artigo ou sobre calquera outro concernente á mellora da calidade do ensino”. Ao noso entender, a Administración educativa claramente pretende furtar ao órgano superior de consulta, participación e asesoramento en materia educativa da Comunidade Autónoma de Galiza que é o Consello Escolar, o exercicio das súas funcións, e por iso nin tan sequera permite o debate de asuntos como o que se pretende.

Este xoves, a Comisión permanente escoitará ao noso representante no Consello Escolar e decidirá se a proposta de resolución é levada ao Pleno do Consello Escolar para o seu debate, ou simplemente se silencia a voz da nosa Confederación. Por iso dende a nosa organización, e por medio de esta nota, non pretendemos máis que informar á opinión pública da realidade que estamos a vivir coa Administración Educativa Galega, que amosa unha actitude intolerante e prepotente, tentando incluso silenciar a opinión dun órgano de representación e participación tan importante como é o Consello Escolar de Galiza

 

 

Deixar unha resposta