16 F. Mobilízate contra a LOMCE e os recortes no Ensino Público

Nos últimos anos as/os estudantes galegas levaron a cabo as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino público galego.

Foi necesario que diversos colectivos (ANPA, alumnado, profesorado,…) sairamos á rúa para loitar contra a implantación da LOMCE múltiples veces.

No pasado trimestre, conseguimos tumbar as reválidas, aspecto principal da LOMCE que mantiña en vilo a toda a comunidade educativa.

Pero foi suficiente?

Non.

Non é suficiente con eliminar as reválidas, dados os moitos outros aspectos prexudiciais para o ensino público que a lei inclúe: a computación da materia de Relixión para a media, a blindaxe dos concertos educativos con centros privados eliminándoos dos públicos (de todas e todos), a Formación Profesional Dual, a recentralización de competencias educativas ou a desprotección do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo na aprendizaxe, a redución de horas do galego como lingua vehicular no ensino, a retirada ou recortes de bolsas de axuda,…

Aínda que agora se abra un horizonte de posíbel pacto pola educación entre as forzas políticas, este pacto será papel mollado desde o comezo se parte de premisas como estas, se toma a LOMCE como base e simplemente modifica os aspectos polémicos, mentres se mantén a mercantilización do ensino público.

Non podemos acreditar nun pacto pola educación que non contemple a participación de toda a comunidade educativa e que se siga a facer de costas ao colectivo estudantil do noso país, das nosas fillas e fillos.

 

Deixar unha resposta