Sobre as folgas do alumnado. Posibilidades e xustificación de ausencias no centro escolar

FOLGA DO ALUMNADO

O dereito á folga, establecido no artigo 28.2 da Constitución, é aplicable unicamente ás traballadoras e traballadores, nunca ao estudantado; por esta razón todas as referencias que se fagan posteriormente hai que entendelas con este matiz: falamos de folga porque é o concepto común máis doado de utilizar, pero tecnicamente habería que lle dar outro nome “decisión colectiva de inasistencia a clase” como consecuencia dunha convocatoria formal. Unha sentenza do Tribunal Supremo indica que solicitar un xustificante familiar para que o alumnado a partir de 2º da ESO faga folga é unha vulneración do dereito á folga estudiantil.

A situación é diferente para o alumnado que curse primaria e 1º e 2º da ESO, e para os que estean cursando estudos a partir de 3º da ESO.

E tamén, neste traballo, imos falar exclusivamente de menores de idade, porque a casuística dos maiores de idade, en canto á comunicación e xustificación de ausencias, sae do ámbito familiar que é o noso traballo e interese.

 

1.- ALUMNADO DE 3º DA ESO EN ADIANTE:

1.1.- Normativa:

Lei Orgánica 8/1985, reguladora do dereito á educación; art 8: 

Garántese nos centros docentes o dereito de reunión dos profesores, persoal de administración e de servizos, pais de alumnos e alumnos, cuxo exercicio se facilitará de acordo coa lexislación vixente e tendo en conta o normal desenvolvemento das actividades docentes.

Coa finalidade de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas normas de organización e funcionamento, as condicións nas que os seus alumnos poidan exercer este dereito.

Nos termos que establezan as Administracións educativas, as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia a clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán obxecto de sanción, cando estas fosen resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro.

1.2.- Conclusións

–          É preciso que exista unha decisión colectiva, o que quere dicir que o alumnado deberá reunirse e acordar a non asistencia a clase no día ou día que así o consideren.

–          Non abonda coa convocatoria xeral dunha mobilización ou folga, ten que se personalizar en cada centro escolar.

–          Esta decisión debe comunicarse á dirección do centro; non a nivel individual porque é unha decisión colectiva; deberán comunicarlla aquelas-es que convocan a reunión, delegados, sindicatos, etc.

Ao cumprir esas condicións:

– As faltas de asistencia correspondentes non terán a consideración de faltas de conduta non poderán ser obxecto de sanción.

– Non se pode pedir, por parte do centro, comunicación previa de asistencia ou inasistencia.

– Non se pode pedir, por parte do centro, conformidade da familia coa decisión do menor.

– O centro deberá comunicar á familia a ausencia do menor, en cumprimento do deber de custodia, pero a familia non ten que xustificala, so ten que recibila.

– A posibilidade de poñer probas de avaliación, ou calquera outra actividade que requira a presenza obrigatoria na clase, ten que ser entendida, e denunciada, como unha coacción ao alumnado para impedirlles o exercicio dos seus dereitos lexítimos.

No caso de que non se organizara unha reunión, e non houbera acordo colectivo estariamos no mesmo caso que no do alumnado de primaria ou 1º ou 2º da ESO.

2.- ALUMNADO ATÉ 3º DA ESO:

O alumnado de primaria e 1º e 2º da ESO non ten recoñecido dun xeito explícito o dereito de reunión, e en consecuencia non poden tomar decisións de carácter colectivo, como así ocorre en etapas posteriores; nestes casos a decisión de asistir ou non á clase por calquera motivo trasládase ás súas nais, pais, titoras ou titores, que responderán do correcto exercicio da patria postestade, entendida como obriga de protección do menor ao seu cargo, e de garantirlle a súa escolarización.

Polo tanto, neste caso, máis que de “dereito á folga”, estamos falando de ausencias á clase, e da súa xustificación.

2.1.- Normativa:

Orde do 22 de xullo de 1997, de organización de infantil e primaria; Cap. IV. Apartado 5:

  1. Faltas de asistencia.

5.1. O primeiro deber dun alumno é asistir a clase con puntualidade e cumprir e respecta-los horarios.

5.2. A aplicación do proceso de avaliación continua do alumnado require a súa asistencia regular ás clases e actividades programadas para as distintas áreas que constitúen o plan de estudios. Por isto, a falta de asistencia a clase ou de puntualidade de forma reiterada pode provoca-la imposibilidade da aplicación correcta dos criterios xerais de avaliación e a propia avaliación continua.

5.3. O artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, determina que calquera persoa ou autoridade que teña coñecemento de que un menor non está escolarizado ou, sen causa xustificada, non asiste ó centro escolar de maneira habitual, está obrigado a poñelo en coñecemento das autoridades públicas competentes para que adopten as medidas precisas para a súa normal escolarización.

Neste sentido, o artigo 10 do Real decreto 2.274/1993, (BOE do 22 de decembro), establece que as corporacións locais cooperarán coas autoridades escolares na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria, para garanti-lo dereito á educación de todo o alumnado do seu ámbito territorial.

5.4. No Regulamento de réxime interior determinarase o procedemento e requisitos para a xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado, así como o número máximo de faltas inxustificadas (sempre que superen o 15% do total de horas lectivas) que poidan implica-la aplicación de sistemas extraordinarios de avaliación.

5.5. Correspóndelle ó claustro de profesores, oídos os equipos de ciclo, establece-los sistemas extraordinarios de apoio para aqueles alumnos cun índice de abstención inxustificada que supere os límites fixados polo consello escolar.

5.6. Os mestres titores levarán un rexistro diario das faltas de asistencia dos alumnos da súa clase, esixindo a súa xustificación por parte dos seus pais de maneira inmediata e segundo o método que figure no Regulamento de Réxime Interior. Nos boletíns de cualificacións farase consta-lo número de faltas, xustificadas e non xustificadas. Nas actas das sesións de avaliación quedará constancia da relación de alumnos que teñan un número de faltas inxustificadas de asistencia a clase que supere o límite establecido polo consello escolar.

5.7. Naqueles casos en que as faltas inxustificadas teñan carácter reiterado, a comunicación ós pais farase a través da secretaría do centro e deixarase constancia no correspondente rexistro de saída, sen prexuízo de que nos demais casos se utilicen outros medios máis rápidos e efectivos de comunicación ós pais por parte do titor.

5.8. Nos casos reiterados de faltas de asistencia sen xustificar, a dirección do centro poñerao en coñecemento do Concello e da inspección de educación.

5.9. Os titores, a principios de curso, deberán informa-los pais de todo o relacionado coas faltas, o seu modo de xustificación e consecuencias.

Decreto 229/2011, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da CA de Galicia;

Art. 22.1:

Para os efectos deste decreto (art. 1: regular a atención á diversidade do alumnado, coa finalidade de facilitar o desenvolvemento persoal e social de cada alumna e alumno e o seu potencial de aprendizaxe, facilitándolles a adquisición das competencias e a consecución dos obxectivos xerais previstos nas ensinanzas establecidas na LOE), entenderase por:

  1. Absentismo: ausencia ao centro escolar e sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Esta ausencia ao centro suporá, cando menos, un dez por cento (10%) do horario lectivo mensual.

Art. 23.3:

Os centros educativos establecerán, nas súas normas de organización e funcionamento, os procedementos para a aplicación dos citados protocolos, e recollerán, como mínimo, as seguintes actuacións ante situacións de desescolarización (persoas en idade de escolarización obrigatoria non matriculadas en ningún centro), absentismo (definido antes) e/ou abandono escolar temperán (alumnado que podería seguir escolarizado por idade que abandona o sistema educativo sen a titulación correspondente

  1. Control e rexistro das incidencias na asistencia do alumnado aos centros escolares.
  2. Información ás nais, pais ou titores e titoras laegais do alumnado e intervención ante a detección de casos.
  3. Se procede, traslado da información á Inspección Educativa por parte da dirección do centro.

Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia

Aínda que estritamente non é normativa formal, senón só unha norma interna de interpretación e aplicación desa normativa, e que só é aplicable en casos de superación do 10 % de ausencias mensuais; cómpre facer referencia a el porque define con moita claridade que se considera falta de asistencia a clase do alumnado no seu apartado 2.3:

 

Considérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.

E indica o que se considera falta xustificable no seu apartado 2.4:

  1. Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:
  2. Citación que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.
  3. Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
  4. Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.
  5. Indisposición, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.
  6. Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.

 

  1. No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou alumno.

2.2.- Conclusións:

–          A asistencia a clase é obrigatoria; isto quere dicir que non é aceptable que as familias decidan sobre a asistencia ou inasistencia a clase dunha das súas fillas ou fillos por razóns de conveniencia  familiar, prolongación de vacacións, traballos na casa, dificultades de desprazamento, etc; pero unha folga formalmente convocada non entra neste tipo de circunstancias, unha folga é un método lícito de protesta, que ten un carácter ideolóxico e está circunscrita no tempo, e que non supón nin desatención nin desescolarización do menor.

–          No regulamento de réxime interior de cada centro estará establecido como se xustificarán as faltas de asistencia; por suposto facendo referencia ás faltas que están recoñecidas como xustificables. No caso de folga, a xustificación non estará nese regulamento, pero iso non quere dicir que non sexa posible.

–          As titoras ou titores de cada curso informarán ás nais, pais, titoras ou titores legais de todo o relacionado coas faltas, xustificación e consecuencias. Algo que non se fai e que debería promoverse para facilitar tamén o debate sobre as folgas escolares, e crear un ambiente de respecto ás mesmas.

–          Serán as mestras-es ou titoras-es quen leve os controis de asistencia e quen informe ás familias e solicite a xustificación correspondente. Isto é o seu traballo, deben facelo, e as familias debemos colaborar con elas-es. Cousa diferente, como xa se dixo, é entender que xustificación, e falta xustificable son a mesma cousa.

–          O protocolo de absentismo escolar non se activa ata que se supere o 10 % dos días lectivos de ausencia en cómputo mensual (dous días se o mes ten menos de 20 días lectivos, tres días se ten 20 ou máis); polo que a inasistencia dun día de clase non pode ter ningunha repercusión formal para o alumnado.

–          A dirección do centro escolar pode valorar as razóns da ausencia, cando non estean recollidas na norma, como é o caso dunha folga, pero non pode esixir unha xustificación da falta que se axuste  aos casos que se establecen como aceptables; deberá limitarse a informar desa ausencia á familia, e se a familia indica que o seu fillo ou filla non asistiu a clase por razón dunha folga, poderá tomala en consideración para á posible iniciación do protocolo de absentismo; protocolo que esixe como actuación inicial a convocatoria, por parte do profesorado titor, á nai, pai, ou persoas titoras ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha entrevista para analizar e resolver a situación, onde se valorará a razón do absentismo e, unha vez que se comprobe que está garantida a asistencia futura (como ocorrera sempre no caso dunha folga, porque non é unha actuación continuada no tempo), arquivarase o expediente.

3.- RESUMO

–           A convocatoria dunha folga para o alumnado, aínda que formalmente non teña outro encaixe que o dunha falta de asistencia a clase, non pode identificarse cunha ausencia non xustificable á hora de activar un protocolo de absentismo que está pensado para garantir o dereito á escolaridade, non para impedir o lexítimo dereito de familias e alumnado á reunión, mobilización e protesta.

–          Non debe confundirse a obriga formal que o profesorado e as direccións teñen de cumprir coa normativa que regula as ausencias a clase, con cuxo cumprimento debemos colaborar as familias, coa hipotética posibilidade de que esa obriga pretenda conculcar o dereito que se indica no punto anterior. Son cousas diferentes.

–          Facilitar a comunicación cos centros quere dicir que debemos indicarlles, logo da ausencia do alumnado, que a razón desa ausencia foi a asistencia a unha folga. Non temos porque dar máis explicacións. Se a dirección non o acepta como xustificable a súa obriga é aterse ao protocolo de absentismo escolar; nese caso, se a ausencia tivese a duración abonda como para activalo, deberán convocarnos e escoitar as nosas explicacións, e xustificar que esas ausencias poñen en risco a escolarización do menor.

 

 

Unha reflexión sobre “Sobre as folgas do alumnado. Posibilidades e xustificación de ausencias no centro escolar

  1. Pingback: Información práctica para solventar cuestións concretas que poden ser do teu interese | Federación Provincial de ANPAs da Coruña – Costa da Morte

Deixar unha resposta