Rematamos 2016. Feliz 2017

E vaia en paz este aniño, que ben que nos deu traballo nas ANPA, traballo feito con gañas e con acerto, con algún erro pero con estupendos resultados; pero tamén traballo feito para volver atrás, traballo para desfacer -que é algo que non nos gusta nada ás nais e pais do Ensino Público- algúns dos desastres destes anos de mal goberno educativo, en España e na Galiza.

2016 ficará na nosa memoria como o ano no que comezamos a albiscar a caída da LOMCE, logo de aturar durante os catro anos anteriores como se ía levantando pola teimosía dun partido político que desoíu sistematicamente a todas as forzas sociais, desoíunos até que chegou o momento de perder as eleccións, seica dende aquela comezou a escoitar, o medo sempre foi libre.

2016 había ser o ano no que esa lei se implantará definitivamente, pero pola contra foi o ano no que ese informe PISA que nós rexeitamos, pero que tanto lle gusta ao goberno que fixo a LOMCE, dixo que a educación en España ía ben, e na Galiza aínda mellor, para as mozas e mozos que se prepararan baixo o paraugas da anterior lei educativa. Desmontou PISA o principal argumento que mantiñan, malia non ser nunca certo, como a razón de ser dunha nova lei: “temos que cambiar a norma para dar mellores resultados”, pois mira por onde, para dar mellores resultados o que había que facer era non cambiar nada; ou polo menos non o cambiar no senso que aínda seguen tentándoo facer.

2016 había ser tamén o ano no que as reválidas ían ser xa o noso pan de cada día, unhas probas que nos habían traer a excelencia educativa, que habían conseguir que os que remataran o bacharelato fosen un grupo de rapaces e rapazas magnificamente preparados e con excelente disposición para os retos universitarios e laborais; por suposto que o habían ser, madia leva, logo de botar fóra a todo o alumnado que non cumprira “as súas esixencias”, os que quedaran sempre habían ser os escollidos; vaia parvada!, habíannos deixar a nós facer iso cos representantes públicos!!, outro galo cantara.

Pero cando as familias, en masa e libremente, baleiramos as aulas cando quixeron facer as reválidas de 3º e 6º de primaria, coma xa fixeramos no curso anterior, xa a cousa comezoulles a ir mal, xa nos chamaron manipuladores, coma se alguén puidese manipular ao 80 % das familias galegas do Ensino Público, a ao final  acabamos escoitando ao conselleiro dicir que onde dixo unha cousa realmente quería dicir a outra, coma sempre fixo a xente sen criterio, dicindo que as reválidas non deberían ser desa maneira; e agora recentemente vimos como a LOMCE cambiou por Decreto-Lei, e xa as reválidas non son boas, xa abonda con que se fagan “nalgúns centros”, xa non fan falta para conseguir os títulos, para continuar estudando, xa non hai que botar a ninguén fóra; agora xa temos razón nós, os que protestamos, os que nos mobilizamos, os que sempre dixemos que esta Lei non é a nosa Lei, que non a queremos.

Traballamos moito, mobilizámonos moito, estivemos en moitos sitios, pero a LOMCE comeza a caer, e é momento de nos gabar do feito, e de ser conscientes do que queda por facer, porque o 2016 foi o ano no que comezou a caer, pero o 2017 debe ser o ano no que caia totalmente, e ese traballo aínda está pendente.

LOMCE foi en 2016, coma fora en 2015, e antes tamén, o obxectivo final do noso traballo, porque sempre soubemos que era o xuntoiro de todo aquilo que atacaba o noso Ensino Público, a nosa igualdade e a nosa intención de incluírmonos todas no mesmo espazo, pero tivemos outros obxectivos neste ano que remata.

Sacamos á luz, unha vez máis, porque sempre que o fai alguén hai outro grupo que o volve a afundir, a realidade do noso rural, que esmorece porque está abandonado dende os poderes públicos, porque nel  cebáronse os recortes todos destes últimos anos, porque o poder político maltrata especialmente aos nosos veciños da montaña, da mariña, de todos os lugares nos que se vive da terra e do mar, cun abandono de investimentos, cunha seca permanente de servizos públicos, e así non hai nai nin pai que resista entregar ás súas fillas e fillos a un futuro inexistente, e pouco a pouco abandonan os lugares que sempre habitamos, os que definen a nosa máis fonda esencia; nós estivemos no Courel defendendo ás escolas rurais, que son o maior símbolo da súa supervivencia e do seu futuro, e continuaremos facéndoo por toda a nosa xeografía.

Falamos, antes que ninguén, da necesidade de cambiar os calendarios escolares, para que as nosas crianzas non teñan horarios impostos polas autoridades dunha ideoloxía relixiosa, abrindo unha polémica que timidamente vai saíndo á luz: a da conciliación familiar e laboral, que debe estar artellada dende a modificación do mundo laboral e non dende a do mundo escolar; falamos de que primeiro temos que organizar o tempo escolar dos pequenos, porque son aos que temos que defender antes ca ninguén e logo, ao redor deles, debemos tecer a estrutura laboral que nos permita atendelos.

Desenvolvemos unha ampla proposta sobre os comedores escolares, esoutra pata do sistema educativo que a administración abandona coa simpleza de quen está a atender só unha necesidade alimenticia pasaxeira; mentres que nós lle demos publicamente o nome de “servizo educativo complementario”, porque tamén aí educamos ás nosas fillas e fillos, tamén aí aprenden cal é a súa cultura, identidade, personalidade; aí adquiren, ou deberan facelo, hábitos de saúde e de comportamento. E comezamos a difundir ese modelo por toda a nosa xeografía, para que cambie o que agora está lamentablemente entregado como un negocio a unhas cantas empresas do sector da alimentación masiva.

Estivemos na fin do mundo no mes de maio, xuntámonos en Fisterra e debatemos sobre Concellos educativos, escoitamos como nos contaban as súas experiencias persoas diferentes, e gobernos diferentes, uns novos e outros xa vellos, a aqueles que sempre saen nos medios de comunicación, e atopamos seriedade e rigor nas propostas, pero sobre todo nas intencións, para facer un País mellor e máis participativo.

Non esquecemos en todo o ano as nosas anteriores campañas, porque lamentablemente non puidemos dalas por pechadas, e tivemos que seguir falando de atención domiciliaria e hospitalaria, que aínda estes días foi penosa noticia pola reiterada desatención da Xunta de Galicia; e seguimos falando da volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto, como outra desas demandas unánimes que a nosa Consellería de Educación desoe, porque lle resulta máis rendible que as editoriais amigas continúen facendo caixa a costa do peto dos cidadáns e da educación dos nosos fillos.

Continuamos denunciando a situación de privilexio que a relixión católica segue a ter no Ensino Público, cunha posición curricular no bacharelato que a fai moitas veces imprescindíbel para poder escoller algunhas das opcións polas que pode optar o alumnado; pero tamén rexeitamos que esa opción ideolóxica teña unha valoración académica á par doutras disciplinas formais; ou simplemente que forme parte en pé de igualdade da vida ordinaria dos centros escolares.

E tamén, este ano continuamos na defensa incansábel do que  nós consideramos os nosos dous eixos de acción irrenunciábeis: a defensa do noso idioma, e a defensa da absoluta inclusión no Ensino Público.

Seguimos a ver como as autoridades educativas rexeitan defender á lingua que nos une, á que nos dignifica como pobo, como cultura, a que nos recoñece; seguimos a ver como os nosos fillos e fillas van abandonando a lingua dos seus antergos porque hai un interese en que así o fagan dende os lugares públicos, dende os medios de comunicación, dende os intereses económicos; nós imos achegar todo o noso esforzo para frear no que poidamos esta creba da nosa máis fundamental riqueza, no ano que remata, e tamén nos anos vindeiros, porque traballar polo galego é traballar polo futuro da man dos que traballaron no pasado, e é ás nais e pais a quen nos toca xuntar aos fillos cos avós nunha mesma andaina.

E por riba de todo defendemos a inclusión educativa, facendo camiños para todas e todos, organizando xornadas, publicando artigos ou dando conferencias, reclamando dereitos, denunciando discriminacións, informando das posibilidades legais, sacando á luz as pequenas e as grandes eivas, en cada aula, en cada centro escolar, en cada oficina, nas rúas, onde sexa necesario, continuaremos dicindo que temos que estar todas, absolutamente todas, que este camiño vital non é válido se deixamos a alguén atrás; que o poder público, que debera facer o que a sociedade lle demande, só ten unha razón de ser: a de organizar o que é de todos, para que todos o vivamos xuntos, coas peculiaridades de cada quen, co traballo de todos para cubrir os problemas de todos.

Por un Ensino Público onde todos teñamos un lugar, onde ningunha nena, ningún neno, quede fóra por ningunha razón, onde se poñan todos os medios necesarios para que todos cheguemos ás nosas metas, por iso continuaremos traballando todas as ANPAs o próximo ano, como xa o fixemos neste.

Feliz 2017 galego, laico e público.

 

Deixar unha resposta