Xuntanza cos grupos parlamentares

imaxe de arquivo

imaxe de arquivo

Logo de que se constituíra o Parlamento que xurdiu das últimas eleccións galegas, fixemos unha rolda cos diferentes grupos parlamentares, falamos primeiro co grupo En Marea, e continuamos co PSOE e o PP, rematando co grupo do BNG; a orde foi totalmente aleatoria, segundo fomos acomodando as diferentes axendas.

Tratamos con eles diversos puntos da actualidade educativa, os que agora indicamos:

1.   DESENVOLVEMENTO DA LOMCE E, NOMEADAMENTE, REVÁLIDAS.

Quixemos deixar moi claro a todos os grupos cal é a nosa postura, rexeitamos a LOMCE na súa totalidade; que agora fagamos especial fincapé nas reválidas é só porque esta xeración de alumnado que está a cursar 4º da ESO e 2º de Bacharelato están vivindo unha senrazón provocada polos gobernos do PP,  a de non saber a estas alturas como vai ser a súa fin do curso. Hai moitas promesas, algunha de hoxe mesmo, pero ningunha realidade que nos tranquilice. E o que se consiga será grazas aos que nos movemos para que se conseguira, nunca por intención dos gobernos español e galego.

2.   GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO E MATERIAL COMPLEMENTARIO.

E o repetiremos até a saciedade, o ensino público ten que ser gratuíto para non ser discriminatorio, e as diferentes administracións teñen que deixarse de subvencións e loitar á vez para conseguir esa gratuidade que fomentará a equidade no Ensino Público. Non estaremos todas e todos dentro mentres haxa diferenzas económicas que distingan ao alumnado.

3.   COMEDORES ESCOLARES.

Queremos un modelo de comedor, como servizo escolar complementario, único para todo o Páis, que defenda as cociñas nos centros escolares, a elaboración cos nosos produtos para facer realidade nos nosos fillos e fillas a nosa cultura alimentaria, e a posta en valor dos comedores como recursos para as familias.

4.   ATENCIÓN SANITARIA NOS CENTROS ESCOLARES.

Non esquecemos a nosa gran campaña do curso pasado sobre a Atención hospitalaria e domiciliaria, a iso queremos engadir a necesidade de que os centros escolares conten con persoal sanitario de seu, non só para que se encargue da atención ao alumnado, senón tamén para que faga un labor educativo, traballando na formación do alumnado na adquisición de hábitos saudables.

5.   TRANSPORTE ESCOLAR.

Solicitamos que o Parlamento se poña a traballar para que o transporte escolar deixe de condicionar ao Ensino Público, os nosos nenos e nenas deben ter un horario escolar que se xustifique en valores pedagóxicos, non en horarios de autobuses.

6.   ZONIFICACIÓN ESCOLAR.   

Un problema do País,  con diferentes visións dende os ámbitos urbano e rural, pero igualmente problemático en ámbolos dous casos, e que ten moito que ver coa dependencia que a administración educativa quere ter do ensino concertado, ese gasto incomprensible que facemos para favorecer ás empresas do sector do ensino. Zonificar correctamente é organizar correctamente o País, con colexios que sexan o eixo sobre o que se organice a vida comunitaria.

7.   PLAN DE MANTEMENTO DO RURAL GALEGO

Que o rural esmorece non é un segredo, e que o goberno galego leva moitos anos sen facer nada que free este esmorecemento tamén o coñecemos, o que plantexamos aos grupos político é que hai que facer políticas económicas de discriminación positiva para facer repolar ao que é o signo distintivo, e o cerne absoluto do noso País.

8.   POLÍTICAS DE IGUALDADE.

Asistimos a unha realidade de rearme do machismo e das actitudes de discriminación, é os centros escolares son un caldo de cultivo desa realidade. Solicitamos un esforzo, non só lexislativo, senón de control e proposta ao Goberno, para que as políticas de igualdade sexan algo máis que un papel, para que se introduzan no cotián da vida do alumnado do Ensino Público Galego.

9.   NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

A nosa xuventude está a deixar de utilizar a nosa lingua, e iso ocorre porque as políticas de desgoberno lingüístico están dando os seus froitos, non só reclamamos a volta á normalización lingüística desatendida dende hai case oito anos; senón, coma no caso do rural, a necesidade dunha discriminación positiva a favor do galego nas aulas, pero tamén que se fagan políticas que visualicen o noso idioma como unha lingua posible, rendible e da que os nosos xoves poidan sentirse orgullosos.

As respostas de todos os grupos foron cordiais, e en todos os casos tentamos abrir as portas á colaboración futura, a todos lles dixemos que nós recorreríamos a eles constantemente, pero que tamén estabamos aquí para que se fixera o camiño inverso, que eles recorran a nós.

Non sería honesto dicir que todos aceptaron por igual as nosas demandas, porque non foi así, obviamente o grupo que sustenta ao goberno non comparte as nosas críticas específicas, aínda que si a maioría das nosas reivindicacións xenéricas; pero cremos que foi unha rolda positiva e que contribuirá minimamente a mellorar o noso Ensino Público.

Unha reflexión sobre “Xuntanza cos grupos parlamentares

  1. Pingback: Estivemos na xuntanza cos grupos parlamentares | Federación Provincial de ANPAs da Coruña – Costa da Morte

Deixar unha resposta