Folga de deberes. En desacordo con CEAPA

peso-excesivo-mochilas-escolares

Comunicado da Confederación ANPAS GALEGAS.

A Confederación ANPAS GALEGAS quere facer pública a súa postura sobre a convocatoria, para as fins de semana deste mes de novembro, dunha presunta “folga de deberes” por parte do estudantado dos centros públicos. E deixar claro que non son os nenos quen teñen que resolver os problemas da Educación, somos as súas nais e pais quen debe facelo no seu nome, e para o seu beneficio.

Esta mobilización está convocada dende Madrid pola Confederación Española de Asociaciones de Padres de alumnos, CEAPA; unha asociación que reúne a unha parte das ANPAs españolas, pero en absoluto á súa totalidade, e que non ten nin a competencia, nin a capacidade para convocar ningún tipo de mobilización con carácter xeral en todo o Estado.

No que atinxe aos deberes escolares, problemática que afecta fundamentalmente ao alumnado de primaria e primeiros cursos de secundaria, a Confederación ANPAS GALEGAS opina que debe ser tratada dentro do marco global de modificación do actual modelo educativo, baseado case en exclusiva na memorización de enormes currículos e na repetición como ferramenta de aprendizaxe.

Obviamente, esta Confederación rexeita a utilización da técnica dos deberes escolares cando esta se utiliza como un método para ampliar o tempo lectivo dun xeito irregular, pretendendo así completar tempos docentes insuficientes; cando se utiliza como un castigo por non ter avanzado na clase á velocidade estandarizada, desoíndo así a chamada de atención dunha necesidade específica non atendida; ou cando simplemente son repeticións do xa explicado e traballado en clase coa intención de que esa reiteración fixe  datos e conceptos na memoria dos nosos nenos e nenas.

Tamén entendemos que os deberes escolares fomentan a exclusión, ao afondar na diferenza entre o alumnado que dispón de medios externos, e aquel que non dispón deles; prolonga innecesaria e descontroladamente a xornada escolar, sen respectar os tempos privados dos nenos e nenas; e entremétese na vida familiar ao condicionala á realización de tarefas de imprevisible programación.

Pero todo isto debe contextualizarse  nun debate serio e rigoroso, onde as familias queremos e debemos participar, sobre o conxunto do modelo educativo, e sobre a utilización e a consideración do tempo dos nenos e as nenas como tempo propio e como tempo familiar.

E ese debate quen temos que dalo somos os maiores en nome dos nenos e nenas que aínda non teñen os anos nin a formación para facelo, sen cargar sobre deles a responsabilidade de enfrontarse ao seu profesorado con mobilizacións que aínda que lles acaian, sonlles alleas no seu planeamento e organización.

Por estas causas, esta Confederación está totalmente en contra das mobilizacións iniciadas por CEAPA.

Consideramos dunha enorme frivolidade este xeito de levar unha reivindicación que si cremos que debe formar parte da axenda política, e invitamos ás familias a non escoitar o chamado a esta “folga de deberes”, e dende logo negamos totalmente a conveniencia de promover calquera tipo de enfrontamento entre o alumnado e o profesorado.

Non son os nenos quen teñen que resolver os problemas da educación, somos as súas nais e pais quen debe facelo no seu nome, e para o seu beneficio.

 

 

Unha reflexión sobre “Folga de deberes. En desacordo con CEAPA

  1. Pingback: Comunicado da Confederación ANPAS GALEGAS. | Federación Provincial de ANPAs da Coruña – Costa da Morte

Deixar unha resposta