A grandeza das pequenas cousas

camiño Inclusivo

Estivemos, representados por compañeiros da Costa da Morte, en Compostela o sábado 2 de xullo, especificamente no barrio de San Pedro, coa asociación veciñal do mesmo nome que organiza un montón de eventos aos que non se debe faltar.
Convidáronnos a asistir a unhas interesantísimas ponencias, nas propias Festas do Barrio de San Pedro, na que se expoñían proxectos feitos aquí que, sen renunciar aos seus valores e compromiso, tiveran un impacto global.

Compartimos atraíntes experiencias con Galensina, que traballan pola integración real das persoas xordas; con Pallasos en Rebeldía, a Asociación Cultural e de Cooperación Internacional que usa a risa como ferramenta para a liberación dos pobos oprimidos; con Felipe Laxe, productor, irmán do director Oliver Laxe, e gañador do Gran Premio da Semana da Crítica no Festival de Cannes coa película “MIMOSAS”.

 
E nós falamos do I Camiño dos Faros Inclusivo que organizamos con diversos colectivos de diversidade funcional, de necesidades específicas como Íntegro, Un Paso Máis, APEM, ASPADEX, Aloumiños, entre outras, e coa a asociación Camiño dos Faros.

 
Explicamos que partillamos experiencias en igualdade, un motivo da existencia deste camiño inclusivo. E lembramos que nunca debemos perder o dereito a incluír, a compartir, ao recoñecemento da diversidade porque, senón, perderemos o dereito a ser libres.

Deixar unha resposta