Reclamamos, novamente, volver ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto e material escolar

libros-de-texto

Fin de curso e debate sobre libros de texto é un clásico nos últimos anos, dende que a Xunta de Galicia rompeu o consenso existente en toda a comunidade educativa ao redor do modelo de préstamo universal e gratuíto.
A Confederación ANPAS GALEGAS, coma todos os anos, coma sempre, novamente reclamámoslle á Xunta de Galiza volver ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto e material escolar:

 

Volvamos ao sistema de préstamo universal e gratuíto porque é máis eficaz e máis barato para os fondos públicos, porque pon en valor o Ensino Público Obrigatorio como unha realidade que a sociedade toda ten que defender e dentro da que todas e todos se educan en igualdade, porque reduce a burocracia dos colexios e da propia Xunta de Galicia; e, sobre todo, porque é o que queremos as familias, e toda a comunidade educativa, que deberamos ser para quen se fixeran as normas baixo as que convivimos.

 

A Xunta de Galicia rompeu o consenso existente en toda a comunidade educativa ao redor do modelo de préstamo universal e gratuíto posto en marcha totalmente polo Goberno bipartito hai xa preto de oito anos, pero iniciado tralo traballo da comisión para a implantación da gratuidade universal dos libros de texto, convocada polo daquela conselleiro Celso Currás con participación moi activa de dúas das nosas Federacións fundadoras, a de Ferrolterra, e máis a Federación Olívica de Vigo.
Aquel modelo, do que sempre reclamamos a volta, substituíuse polo que a Xunta chamou “gratuidade solidaria”, que non foi máis que un sistema de axudas para a adquisición de libros de texto, na máis pura cultura da subvención sen condicións, pola que a Xunta entregaba un cheque ás familias, que nunca cubriu a totalidade dos libros necesarios, para que estas á súa vez mercaran uns libros que se utilizaban un único ano, e logo pasaban a durmir un soño eterno nos faiados das nosas casas.

 
Como esa “gratuidade” resultaba tremendamente onerosa para as arcas públicas, moito máis que o sistema de préstamo universal, e como a resposta social, nomeadamente a das ANPAs desta Confederación, e a institucional, encabezada pola Defensora do Pobo, era clarísima e avogaba polo remate das subvencións como xeito para garantir, moi parcialmente, a gratuidade que esixe a Constitución no Ensino obrigatorio, os nosos responsables educativos inventaron un novo concepto: os fondos solidarios de libros de texto.
Eses fondos consistían en obrigar ás familias a que devolveran os libros que mercaran previamente coa axuda económica do ano anterior, para que estes fosen á súa vez a base dun “banco de libros formal” que xestionarían os centros de ensino. A primeira idea é que eses libros se repartirían “ata onde chegasen”, sen maior criterio que comezar polas menores rendas de cada centro educativo, así de parcelado está o sistema.

 

Novamente foi a presión das ANPAs, representadas por esta Confederación, quen conseguiu que houbese unha renda mínima de atención obrigada para a Administración, quen se comprometeu a adquirir o número de libros abondo para completar ese fondo solidario de tal xeito que dera cobertura, houbese ou non suficientes libros devoltos do curso anterior, ás familias con rendas inferiores a unha contía fixada formalmente.
Nestes períodos tamén reclamamos a atención ás persoas con necesidades especiais de atención educativa (NEAE), que quedaban fóra de todas as axudas, porque as económicas só servían para mercar libros, e os fondos só serven para recibir libros, mentres que esas persoas precisan material educativo adaptado, diferente dos libros de texto.

 

Nese contexto afrontamos a presente Orde do 27 de abril, que regula a participación no fondo solidario de libros de texto, e convoca axudas para a súa adquisición nos cursos onde os libros son material funxible non reutilizable (1º e 2º de EP), todo para o curso 2016-2017. Xa postos, incluíron na mesma Orde a convocatoria de axudas para material escolar. Todo xunto.
Esta orde é xa, coa excepción neste ano dos libros correspondentes a 2º e 4º da ESO, que se cambiarán o próximo curso para adaptalos á LOMCE -cambio innecesario e moi arriscado á vista do imprevisible futuro que ten esa norma- o que entendemos que vai ser a fórmula que pretenda utilizar a Xunta de Galicia nos anos vindeiros: axudas económicas para 1º e 2º de primaria, bancos de libros oficiais para o resto dos cursos, e axudas para material escolar, todo iso para familias que teñan ata un determinado nivel de renda per cápita.

 
Pero isto non é moi igualitario, porque:
• Non hai nivel de renda esixible para os nenos e nenas tutelados pola Xunta, nin para as discapacidades superiores ao 65 %; semella pouco solidario negar estas circunstancias, pero usemos a moitas veces repetida lóxica do actual goberno: temos que pagar a axuda dos discapacitados en máis dun 65 % que pertenzan a familias cun elevado nivel de renda? . Nós pensamos que si, pero porque pensamos que todos os nenos e nenas teñen dereito a libros de texto e ao material adaptado que precisen, sen límites de renda nin por arriba nin por abaixo; pero o goberno da Xunta non pensa así cando di que non é lícito pagar os libros dos nenos e nenas con amplo poder adquisitivo, agás de que estean tutelados pola xunta ou de que teñan unha gran discapacidade, é o que vemos.

 
• Non hai ningún tipo de cobertura para todos os nenos e nenas NEAE que necesitan material adaptado e para quen os libros de texto non son útiles; agás de que cheguen a ese 65 % de discapacidade; pero un pode pertencer a unha familia que gañe menos de 5.400,00 € per cápita e ter unha discapacidade de, poñamos un 40 %, entón a Xunta darache un libro que non precisas, e forzarache a mercar o material que non podes pagar: paradoxal.

 
• Haberá libros, por riba do mínimo garantido, cando os libros sobren. A Xunta establece o principio da xustiza distributiva no ámbito de cada centro escolar. Se o curso anterior ao teu houbo moitos nenos con pouca renda, os cursos posteriores beneficiaranse destes libros que sobran aínda que as familias superen con moito a renda mínima establecida; e se ves detrás dun curso con nenos con moito diñeiro, terás que pagalos aínda que a túa renda estea rozando os mínimos garantidos. Ademais esa circunstancia é independente do que ocorra no colexio do lado. Isto non é autonomía de centros, isto é incapacidade para xestionar un modelo único, uniforme e equitativo en todo o territorio galego.

 
• A carga de xestión administrativa nos equipos directivos dos centros escolares é enorme, carga burocrática cuxa realización nunca debera recaer en docentes, porque é tempo que retiran, primeiro da súa vida privada, e despois da atención ao alumnado.

 
• O custe destas medidas é enorme, hai que sumar os importes concedidos para as axudas; os concedidos para a garantía, localizada en cada centro escolar, do nivel mínimo de libros segundo a renda das familias; as axudas ínfimas de material escolar; as axudas garantidas para discapacitados de máis dun 65 %; e o enorme custe administrativo de persoal que implica a tramitación destas axudas e a elaboración e mantemento das plataformas informáticas que as xestionan, xunto con todo o procedemento inspector que ven detrás.

 
• E iso se só falamos de diñeiro público, porque logo hai que sumar os importes pagados polas familias, as horas laborais perdidas na tramitación burocrática, as horas de traballo das empresas colaboradoras…

 
• E con todo o anterior, continuará habendo nas casas das familias miles de libros que cada ano pasarán aos faiados, e que ficarán alí, inutilizados; porque hai intención clara de fomentar ese malgasto para que a industria editorial continúe vendendo libros ano tras ano, libros que pagamos as familias cos fondos que detraemos doutras necesidades, non precisamente con diñeiro que sobra.

 
Por todo isto, a Confederación ANPAS GALEGAS, coma todos os anos, coma sempre, novamente denunciamos diante da sociedade a esta Administración Educativa, e novamente dicimos: volvamos ao sistema de préstamo universal e gratuíto, fomentemos novamente o valor da propiedade colectiva dos libros de texto e do material escolar, eduquemos aos nosos fillos e fillas no respecto aos demais ao lles devolver ben tratado a outras nenas e nenos o libro que utilizaron cada ano, fomentemos neles os valores da reciclaxe e da reutilización.

 
Pero tamén, regresemos a ese sistema porque é máis eficaz e máis barato para os fondos públicos, porque pon en valor o Ensino Público Obrigatorio como unha realidade que a sociedade toda ten que defender e dentro da que todos e todas se educan en igualdade, porque reduce a burocracia inútil dos colexios e da propia Xunta de Galicia; e, sobre todo, porque é o que queremos as familias, e toda a comunidade educativa, que deberamos ser para quen se fixeran as normas baixo as que convivimos.

Deixar unha resposta