Día das Letras Galegas 2016

Imaxes de ANPAS GALEGAS no día das Letras Galegas 2016

ANPAS GALEGAS día das Letras Galegas 2016

As ANPAs traballamos para a mocidade, para o futuro, para as xeracións que decidirán como vai ser este mundo cando nós xa non sexamos quen de facelo, tamén cando xa non esteamos; nós traballamos para lle devolver aos nosos vellos o que por nós fixeron, coma eles devolveron en nós o que eles recibiron; somos nais e pais, o elo eterno e permanente que nos xunta ao principio dos tempos e que pode levarnos ao infinito da historia.

 

Temos moito que lles deixar aos nosos fillos e fillas, moita historia e moita sabedoría, moita experiencia e moitos fracasos corrixidos, temos que lles entregar, primeiro ca nada, aquilo que a nós nos deron, o saber dos que viñeron antes, a consciencia da cadea da que forman parte, os nomes dos avós, os seus traballos, as súas anécdotas, o conto perfecto da súa realidade, da súa vida.

 
Logo entregámoslles a nosa propia vida, o devir cotián da nosa existencia común, o que vexan en nós, o que aprendan de nós, o que escoiten e palpen, seremos os seus actores e cantantes para que sexan o noso primeiro público, os fabuladores da súas primeiras historias.

 
Teremos que ser quen de amoblar o camiño dos nosos fillos e fillas coas construcións sólidas que nos trouxeron ata aquí , de facérllelo cómodo e seguro, afirmado e rotundo, logo xa serán eles quen o camiñen e o melloren; eles han ser, como cada quen de nós o fomos e aínda o somos, quen tomen as decisións e quen vivan a súa liberdade, pero nós temos a obriga de lles dar as armas para tomalas e para vivila.

 
E a maior arma que podemos entregarlles, o máis grande legado, é a maneira de nós falar e escoitar, o meirande tesouro serán as nosas palabras, os nosos escritos, os miles de millóns de horas faladas que penduran no ar da nosa vida común como pobo, como cultura, como realidade; a nosa maneira de organizar este lugar, este espazo, esta convivencia; entregaremos a terra falando de soutos e cortiñas, darémoslles o ar sinalando avelaíñas e curuxas, cederémoslles o lume cando lles contemos de lapas e lóstregos; compartiremos con eles a auga cando percorramos con eles as ribeiras e as fervenzas.

 
O lugar eterno onde poderemos vivir para sempre, cos antergos e cos vindeiros, non é outro máis ca nosa lingua, o noso idioma, o noso son, as nosas verbas, todo cando dixemos e diremos, todo o que escoitamos e respondemos: transmitamos o galego como un lugar e unha presenza, como un berce que sempre nos acolle, falémolo sempre porque é onde estamos asegurados , porque é cando podemos ser quen somos.

 
Temos que lles dar o galego aos nosos fillos e fillas como parte de si propios, como parte de nós, e para llelo dar forte e vivo temos que defendelo con forza e decisión.
Por iso participamos o pasado 17 DE MAIO, na manifestación do Día das Letras Galegas.
O IDIOMA É A VIDA, A NOSA VIDA.

Deixar unha resposta