Asemblea Ordinaria do mes de abril de 2016

ültima reunión do 2015

Cun único punto na orde do día, e logo dun día de longas xuntanzas, comezamos a asemblea ordinaria do mes de abril coa intención de fixar un modelo de servizo de comedor escolar que puidese aportar algo de luz ao despropósito institucional no que estamos envoltos en Galicia cando falamos dun servizo público educativo complementario dunha importancia máxima, e que promove unha sensibilidade familiar amplamente comprobada.

 
Os comedores escolares son actualmente reinos de Taifas. Existe unha variedade de opcións que dificilmente son comprensibles véndoas dende fóra, conviven comedores xestionados por ANPAs, con comedores xestionados por diferentes administracións públicas. E, en calquera dos casos, coexisten á súa vez dous modelos de xestión, ou tres se sumamos os acordos coas escolas de hostalería, absolutamente diferentes. Temos, por unha parte, comedores xestionados directamente, onde se mercan os produtos e se cociñan nas propias instalacións dos centros escolares, e outros nos que son empresas externas quen subministran os alimentos logo de procesalos a distancias do máis variable, pasando da casual proximidade a distancias de máis de mil quilómetros, dato que só cremos porque foi tristemente famoso hai uns meses.

 
Dentro deste contexto, a Confederación ANPAS GALEGAS, ten dedicado moitas horas, e moitos esforzos, a elaborar un modelo que puidese ser utilizado como guía de traballo para abrir un debate que levamos tempo reclamando. Hai que falar de comedores escolares, e hai que falar porque a demanda social está presente.

 
Froito dese esforzo, o outro día démoslle un empurrón final a un texto de consenso, que presentaremos en breve, no que defendemos un modelo de comedores escolares que se asenta sobre os seguintes piares:
• O seu carácter de servizo educativo complementario.
• A súa vocación de universalidade e gratuidade.
• A necesidade dunha regulamentación complexa e homoxénea en todo o territorio galego.
• O seu carácter inequivocamente público, na súa xestión e organización.

 
Proximamente presentaremos o detalle que debulla estes piares ata os converter en propostas concretas, e falaremos da proximidade das cociñas, da necesidade de ter persoal propio para prestar o servizo, de que todos os nenos e nenas galegas teñan o mesmo servizo, de cómo é necesario dispor de persoal especializado que teña a responsabilidade de xestionar ese servizo.

 
Pero iso ha ser pronto, de momento aínda estamos dando os últimos pasos.
Como desta volta non demos falado máis, nin menos, que de comedores escolares, quedamos emprazados para termos unha asemblea extraordinaria en maio; para daquela falaremos de moitas cousas, nomeadamente de reválidas, e da LOMCE, ese cancro que nos saíu hai un par de anos e que non damos extirpado definitivamente.

Deixar unha resposta