Xornadas en Carballo – entrega do premio Rosalía a Nieves Villar Pose

????????????????????????????????????

ANPAS GALEGAS e Premio Rosalía

Onte, sábado 12 de marzo, tivemos en Carballo unha xornada de formación para as ANPAs asociadas na Federación da Costa da Morte, e tamén entregamos o premio Rosalía a favor do Ensino Público a Nieves Villar, a nai de Hadrián que leva meses loitando, e continúa, para conseguir que a atención educativa chegue tamén na enfermidade aos nosos nenos e nenas enfermos.

Galería de fotos:

https://www.flickr.com/photos/andresvizoso/albums/72157665276082780.

A xornada comezou cun amplo tratamento sobre as obrigas formais das asociacións de nais e pais, tanto no que atinxe ao seu funcionamento interno, como aos seus dereitos e obrigas na comunidade educativa, ou aos aspectos fiscais e contables da súa actividade, porque aínda que as ANPAs somos asociacións sen ánimo de lucro é moi doado neste momento caer en actividades que escapan do noso fin social, debido ao completo abandono no que a Administración Pública ten aos centros de ensino público, e ás continuas necesidades funcionais e sociais que estamos a ver de a cotío.

Sen dúbida o punto forte da xornada de onte foi o tempo que lle dedicamos á atención educativa hospitalaria e domiciliaria, que é a campaña principal que desenvolvemos na Confederación ANPAS GALEGAS durante este curso escolar no que aínda estamos; comezamos cunha ampla exposición do actual protocolo que ten establecido a Xunta de Galicia, todo o amplo que se pode dentro da simpleza e insuficiencia deste documento, e logo continuamos dando conta aos presentes de todo o traballo feito pola Confederación nas súas xuntanzas con profesorado experto, antigos enfermos, profesionais de ámbito universitario, políticos, asociacións, e familias que pasaron ou están pasando por este problema.

Rematamos a exposición cunha idea moi simple: a atención educativa na enfermidade debe ser, e todo nos certifica que así pode ser, da mesma intensidade que na saúde; só hai que estruturala dende a perspectiva do dereito fundamental á educación, e coa finalidade clara de conseguir que a persoa enferma non vexa detida a súa vida académica por unha circunstancia que, ben organizada, non ten porque supor un atranco na súa vida futura.

E logo veu a entrega dos dous premios anuais que outorga a Federación da Costa da Morte, o premio Werto en contra do Ensino Público ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen, a xuízo das socias e socios da Federación, meréceo polo seu traballo en contra do noso Ensino, polos constantes recortes e os permanentes abandonos ás necesidades dos nosos fillos e fillas, polo retraso indiscutíbel na atención a todos quen precisan unha atención especial para ser iguais que os demais, e pola negativa a se reunir con Nieves Villar e falar de atención educativa domiciliaria, porque Nieves está aí representando a todas as familias galegas, e é a esas familias a quen se negou a recibir o conselleiro, quen por certo non acudiu a recoller o premio concedido.

Quen si asistiu foi Nieves Villar, a nai de Malpica que enganchou a toda a comunidade educativa cando decidiu que o seu fillo Hadrián non tiña porque ter, por riba da grave enfermidade que lle diagnosticaran, un menor dereito á educación que cando estaba san; e por iso loitou, demandou, e conseguiu parcialmente coas súas protestas, un modelo diferente ao que estaba en vigor.

O valor da Nieves, que se lle recoñece neste premio, non foi só a demanda permanente nin a denuncia sistemática, non é só a súa capacidade para se manter firme nas súas decisións entregando días enteiros da súa vida para falar con todos os representantes públicos e para facer ducias de declaracións aos medios de comunicación; o gran valor de Nieves Villar é a conciencia clara de estar a traballar por todos os nenos e nenas enfermos, por todas as familias que se ven nesa circunstancia, por toda a sociedade, conseguir movernos a todas e todos para demandarmos unha nova situación na que se superen os atrancos que a ela lle puxeron.

Son as persoas como Nieves Villar quen levantan e manteñen unha sociedade común e participativa, quen lle dá corpo aos dereitos de todas e todos dende a honestidade e a xenerosidade. Por iso a premiamos, por iso lle damos as grazas, e por iso tomamos a súa demanda como a demanda desta Confederación, e de todas as familias galegas.

Deixar unha resposta