Xuntanza con Lidia Senra e Asemblea Xeral da confederación ANPAS GALEGAS

Xuntanza con Lidia Senra

Meteuse o Entroido polo medio, e coa acumulación de traballo posterior, case esquecemos contar o que fixemos o pasado 5 de febreiro, pois aí vai.

Comezamos a tarde cunha xuntanza con Lidia Senra, a eurodeputada galega da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), estivemos falando da permanente reivindicación dunha nova normativa sobre atención educativa hospitalaria e domiciliaria. Contámoslle cal é a nosa pretensión: constituír unha mesa de traballo para abordar un novo capítulo neste eido, mesa na que queremos participar xunto con todos os sectores implicados , moi nomeadamente cos representantes da Xunta de Galicia, pero tamén con representantes da Facultade de Ciencias da Educación, e sobre todo con todos aqueles docentes que teñen experiencia neste tan difícil traballo, e tamén con antigos doentes que agora poden achegar as súas vivencias cando pasaron por esta dura situación.

Podemos cualificar a xuntanza como máis que cordial, observamos un profundo interese na eurodeputada, unhas grandes gañas de colaboración, e amosounos toda a súa intención de trasladar ao Parlamento Europeo, nas fórmulas que sexan posibles, o interese por esta problemática que claramente pode, e de feito así ocorre, dar lugar a unha grande discriminación no dereito á educación que toda persoa debe ter nesta nosa sociedade.

Para nós é un gran paso levar a Europa a voz das nais e pais galegos, pero aínda é moito máis pensar que podemos estar dando voz a todos os nenos e nenas que teñen que se ver na dura circunstancia de enfrontar unha enfermidade sen que se lles entreguen todos os medios aos que teñen dereito.

Logo desta charla, tivemos a nosa asemblea bimestral ordinaria, na que abordamos os seguintes puntos:

Renovamos a nosa xunta directiva, tocábanos elixir novamente aos nosos presidente e vicepresidente logo de transcorrer dous anos dende a súa elección, decidimos por unanimidade volver a elixir ás mesmas persoas, Javier Sánchez e Fernando Lacaci; presidentes das Federacións de Ferrolterra e Compostela respectivamente, quen continuarán tamén sendo os nosos voceiros. Aproveitamos a elección para lembrar a todos os representantes das federacións socias que realmente os cargos só cumpren unha función formal, pero o traballo, o esforzo, e a dedicación ao ensino público é compartido por todos os socios e directivas de todas as anpas que forman a nosa Confederación.

Informamos amplamente sobre a nosa campaña de Atención Domiciliaria, fixemos un repaso polos fitos da mesma, e destacamos especialmente, porque é o percorrido que fixemos dende a última asemblea ordinaria, reunión que mantivemos coa Valedora do Pobo, a cadea humana de Malpica e a de Compostela, e a presenza na Semana da Educación. Valoramos o traballo realizado en todas as Federacións, informando e organizando actos e mobilizacións, e destacamos unha conclusión que cualificamos de moi lamentable: a incapacidade do conselleiro de educación para nos recibir, a nós e tamén a Nieves Villar, e para comezar a falar dun problema que precisa diálogo e vontade de resolución. Continuamos tendo nenos e nenas enfermos aos que se lles nega o seu dereito a unha educación de calidade, ese é o fracaso do sistema, e tamén en parte o noso fracaso, porque non nos imos deter ata que non consigamos unha normativa que recoñeza e garanta os dereitos do noso alumnado.

Falamos de comedores escolares, un dos temas que semella que sempre arrodea ao traballo das ANPAs malia non ser da nosa competencia, porque queremos promover un debate amplo do que saia o deseño dun novo modelo deste servizo educativo complementario.

Para iniciar este debate presentouse na asemblea o primeiro borrador dun documento sobre comedores escolares que se levará agora a todas as nosas ANPAs asociadas para que entre todas cheguemos a unificar o que entendemos que debera ser un comedor escolar axustado ás necesidades dos nosos nenos e nenas, no que os criterios de atención se xunten cos criterios educativos, e por suposto con alimenticios, para que ese tempo que os nosos fillos e fillas teñen que pasar nese espazo sexa proveitoso e saudable.

Quédanos camiño por andar para dar á luz a esa proposta, pero adiantamos as grandes liñas do que desexamos:

  • Xestión integral da administración autonómica, cun modelo único e xeralizado a todo o territorio galego.
  • Gratuidade do servizo como un obxectivo a medio prazo.
  • Cociñas de proximidade no espazo, e elaboración de proximidade no tempo.
  • Utilización de produtos de tempada e da contorna.
  • educativa integral, tanto nos aspectos nutricionais como nos ambientais ou sociais.

Falamos tamén das reválidas que, en principio, se iniciarán este curso, as de sexto de primaria, e tamén da de terceiro, que semella que se vai repetir, malia o enorme fracaso da anterior convocatoria grazas ao labor firme e decidido das familias deste País, que sempre imos por diante dunha administración autonómica que semella traballar en contra daqueles aos que representa.

Agardamos, por suposto, que a LOMCE, as súas reválidas, e as súas discriminacións, sexa derrogada polo próximo goberno español, pero mentres isto non ocorre, estaremos en contra de todo o seu desenvolvemento, e moi especialmente das diferentes probas de avaliación que só pretenden segregar a quen máis precisa da inclusión, e dar argumentos falsos aos que defenden as clasificacións de centros escolares por absurdos criterios de fabricadas excelencias. Diremos NON ás reválidas, pero farémolo logo de informar ás familias  e de escoitar de que maneira queren materializar ese NON.

E xa na recta final da asemblea, falamos dos diferentes cursos que se están a facer nas nosas Federacións e de cómo ía a organización das xornadas “ANPAS GALEGAS na fin do mundo” que celebraremos en Fisterra a mediados do mes de maio.

Tamén acordamos consultar aos Concellos sobre cal estaba a ser a súa actuación educativa, porque pensamos que é necesario dar a coñecer a inxente labor que moitos están a realizar diante da non acción da Xunta de Galicia; pero tamén porque pensamos que é preciso visualizar as grandes diferenzas que se están a producir nos traballos municipais no eido da educación.

E, por último, demos un primeiro impulso ao que será o noso documento base de reivindicacións para as próximas eleccións autonómicas, para que todas aquelas formacións que se presenten saiban que opinamos as familias deste País sobre cal debe ser o seu labor no Ensino Público.

Tamén comunicaremos o documento completo en canto exista, pero avanzamos un par de valores incuestionables para nós :

– A inaprazable necesidade de traballar a reo a prol da nosa Lingua e da recuperación de falantes entre a mocidade.

– A incuestionable necesidade de traballar pola inclusión de todos no noso Ensino Público.

– O absoluto rexeitamento á LOMCE, en absolutamente todos os seus puntos e cambios.

– A necesidade dunha nova normativa que regule a atención educativa na enfermidade.

– A demanda permanente de volver a un sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto.

E paramos a xuntanza para poder seguir traballando, que fai moita falta, polo noso Ensino Público, polos nosos fillos e fillas, polo futuro, na medida das nosas forzas que sempre son menores que os nosos desexos, pero que son maiores, e moito, do que desexarían os que queren acabar coa maior riqueza que ten unha sociedade: un sistema educativo equitativo e no que caibamos todas e todos.

Deixar unha resposta