Subvencions da secretaría xeral da igualdade – entrevista coa secretaria xeral

igualdade

Onte, 22 de xaneiro, houbo unha xuntanza na que estivo presente a nosa Confederación, representada neste caso pola nosa Secretaria, Bertila Fernández, e polo noso Vicepresidente, Fernando Lacaci, e a Secretaría Xeral da Igualdade, quen estivo acompañada pola Subdirectora Xeral de Promoción da Igualdade.

A xuntanza veu promovida pola reclamación da Confederación ANPAS GALEGAS diante da convocatoria de axudas para a realización, polas ANPA, de programas de actividades extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación; e polo que nós entendiamos como un grave erro na convocatoria, ao forzar ás ANPA a recoller datos de carácter tan estritamente privado e comprometido como son as declaracións de IRPF das familias usuarias desas actividades.

O froito inmediato desa reunión, que transcorreu con absoluta normalidade e ánimo colaborativo por ámbalas dúas partes, foi a corrección de erros que hoxe aparece publicada na páxina web da Secretaría Xeral, na que se fai unha interpretación ampla da convocatoria que leva, na práctica, a substituír a obriga de presentar a declaración de IRPF por unha autorización asinada polas familias, nas que se permite á Xunta de Galicia, non as ANPA, a consulta dos datos fiscais das familias dos nenos e nenas que utilizan as actividades que programen as ANPA solicitantes.

Podemos dicir que ficamos satisfeitas do resultado obtido, e agradecemos a receptividade e, sobre todo, a intencionalidade de corrixir para o futuro os erros que houbo nesta ocasión. Iso non quere dicir que pensemos que esta liña de subvencións carece de puntos onde poidamos desacordar; si que os ten, e mesmo discutimos a súa propia concepción, pero neste momento fíxose un cambio positivo e asi o dicimos.

Pero a nós interésanos moito máis, sempre, cal é resultado a medio e longo prazo de calquera xuntanza cos responsables públicos, porque a solución dun problema ten que ser sempre a primeira pedra para que ese problema non se repita; por iso acordamos que a mellor fórmula para non termos de novo esta discrepancia estará na previa comunicación e debate, de se dar o caso, daqueles programas da secretaría xeral nos que puideramos estar afectadas as Asociacións de Nais e Pais. Saímos da xuntanza coa seguridade de que así vai ser dende agora, cousa que valoramos moi positivamente.

Aproveitamos tamén o diálogo para lembrar que as ANPAs non temos que organizar ningún servizo porque non é esa a nosa función, debe ser a Consellería de Educación, soa ou en conxunto con outras consellerías ou organismos públicos, quen debera ofertar a totalidade dos servizos educativos, tanto os relativos á docencia como aqueloutros que integren todas as actividades complementarias. De acordo con isto, lembramos que nós organizamos actividades e prestamos servizos dun xeito conxuntural, diante do abandono das autoridades educativas, pero mantendo a nosa reclamación de que sexan estas quen utilicen todos os fondos necesarios, tamén os que se están dedicando a subvencionar ás ANPAs, para garantir unha actividade educativa complementaria gratuíta, completa e homoxénea en todo o territorio galego; actividade que podería tamén servir para a promoción do emprego xuvenil  na nosa Comunidade.

Aproveitando que estabamos na Secretaría Xeral da Igualdade, falamos tamén da necesidade de que dentro desa educación complementaria se utilicen os tempos para implantar políticas transversais de educación en temas tan necesarios para a igualdade, sen pretensión de ser exhaustivos,  como o acoso, o maltrato, o machismo, ou o tratamento das homofobias e as transfobias.

 

Deixar unha resposta