As sorprendentes subvencións da secretaría xeral de igualdade

Subvencións Igualdade

A Secretaría Xeral da Igualdade pretende que  as asociacións de nais e pais recollan das familias asociadas copias da súa declaración da renda, información privada que en absoluto ten que ver co obxecto social de ningunha ANPA.

O pasado 30 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a Resolución do 28 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocaban axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Esta convocatoria leva varios anos repetíndose, pero este ano ten unha característica que a fai diferente aos anteriores, establece que o alumnado desas actividades cuxa participación será subvencionable, será aquel pertencente a unidades familiares con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM para o 2015.

Esta condición fai que unha liña de axudas que está incluída, segundo a propia convocatoria,  nas “actuacións dirixidas a estimular formas de organización dos tempos de traballo para facilitar a conciliación de homes e mulleres”; se desvirtúe introducindo elementos de política social que non están relacionados coas axudas que convoca; novamente temos aquí a ideoloxía dun goberno que continúa multiplicando os copagos, directos ou indirectos,  en tódalas áreas nas que se introduce.

Pero o realmente sorprendente desta convocatoria é que cando as ANPA adxudicatarias desta liña de axudas pretendan xustificar os seus gastos, terán que achegar “a declaración do IRPF de 2014 das unidades familiares ou certificación dos ingresos percibidos nesa anualidade emitida pola AEAT”.

Ou sexa, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende que  as asociacións de nais e pais recollan das familias asociadas copias da súa declaración da renda, información privada que en absoluto ten que ver co obxecto social de ningunha  ANPA; o que entra de cheo no ámbito da Lei orgánica de protección de datos que o di moi claramente  no seu artigo 4:“Os datos de carácter persoal só se poderán recoller para o seu tratamento cando sexan axeitados, pertinentes e non excesivos en relación co ámbito e as finalidades determinadas, explícitas e lexítimas para as que se obtiveran”.

E non só pretende que as anpas recollamos eses datos, a maiores pretende que se lle facilite o acceso aos mesmos á propia secretaría xeral, de quen tampouco temos asegurado que se correspondan co seu “ámbito e finalidades determinadas”.

Esta pretensión entra totalmente dentro do constante abandono de funcións da Xunta de Galicia, porque o que realmente quere esta convocatoria da Secretaría Xeral de Igualdade é que o seu traballo sexa realizado polos colectivos sociais, ao marxe da legalidade e modificando as funcións que lle son propias a eses colectivos, para utilizalos, neste caso ás ANPA, como oficinas administrativas ao servizo da Administración Pública.

E dende logo as ANPA non somos oficinas de ningunha Administración; o traballo das ANPA é sempre e exclusivamente participar na educación dos nosos fillos e fillas, ser parte práctica real da comunidade educativa, complementar a acción docente coa achega da nosa experiencia e da nosa implicación; estar presentes tamén na vida lectiva dos nosos fillos e fillas como o estamos no resto do seu tempo vital.  Desgraciadamente, tivemos que emendar dende sempre as múltiples carencias prácticas que ten a nosa organización educativa, promovendo e xestionando, con clara conciencia de excepcionalidade, todas as competencias que a Xunta de Galicia non é quen de desenvolver; pero as ANPA nin tan sequera debéramos organizar actividades extraescolares de ningún tipo, porque iso debera ser unha actividade programada e homoxénea da Xunta de Galicia, que debería utilizar para establecer mecanismos de conciliación da vida laboral e familiar, e tamén para complementar os períodos lectivos con outro tipo de actuacións, de recepción voluntaria, nas que se poderían desenvolver máis amplamente aspectos tan diversos e necesarios como a educación deportiva, artística, de comunicación, etc.

 

E o que non imos facer, o que denunciamos e rexeitamos, é introducirnos na vida privada das nosas familias asociadas; porque para nós todos os nenos e nenas que participan do noso Ensino Público son exactamente iguais, e non temos dereito, e ademais non queremos telo, a coñecer cal é a súa situación económica, a situación laboral na que se atopan os seus pais, as propiedades que poidan ter ou mesmo con quen conviven.

 

Por iso, esiximos da Secretaría Xeral da Igualdade que modifique a convocatoria de axudas do 30 de decembro e que elimine as referencias aos ingresos das unidades familiares cuxos fillos e fillas participen nas actividades subvencionadas, porque entendemos que as políticas sociais de canalización de axudas públicas moduladas en función das rendas das familias deben estar diferenciadas das políticas que promovan a igualdade entre homes e mulleres, ou a conciliación da vida familiar e laboral , dous conceptos que non son a mesma cousa aínda que nesta convocatoria se mesturen; e que deben ser os encargados de facer esas políticas sociais quen utilicen para ese fin o coñecemento dos datos que nós agora rexeitamos solicitar das nosas familias asociadas.

 

 

Javier Sánchez

Presidente – 600 699 293

 

Fernando Lacaci

Vicepresidente – 610 616 968

 

Deixar unha resposta