Feliz ano novo laico

calendario escolar

Debemos facer unha reflexión sobre os calendarios escolares, aínda que  só sexa dende o punto de vista do alumnado, das súas necesidades de organización e descanso?

Estas datas que estamos a vivir son as propias dos bos desexos e as boas intencións, fanse plans para o futuro inmediato coma se a posta a cero dese peculiar contador que son os anos trouxera tamén aire fresco e renovación, coma se fose posible que as cousas mudasen só por soar doce badaladas.

Os que traballamos no terreo dos desexos e das utopías -porque tentar mellorar o Ensino Público Galego é iso actualmente- sabemos que son necesarias para termos unha meta cara a que mirar, un modelo que esixir, pero tamén sabemos outra cousa: que nós, os que temos fillos en idade escolar, non vivimos de ano en ano, vivimos de curso en curso, o noso peculiar fin de ano adoita coincidir un pouquiño antes do Lume Novo, e curiosamente non comezamos o ano seguinte dun xeito inmediato, como acontece co calendario civil, tardamos case tres meses en facelo, os nosos anos duran 9 meses e logo temos tres meses de desconexión forzada.

Os nenos e nenas galegos que están agora no ensino obrigatorio, acaban de ter un período de traballo de 102 días (68 lectivos), teñen agora unhas vacacións de 17 días e volverán traballar outros 74 (49 lectivos, en dous períodos separados polos tres días do Entroido) descansarán 8 máis e traballarán novamente 86 días (61 lectivos), para logo parar durante os 79 días do verán. Ao final, logo de lles descontar as festividades locais, ou os días de libre disposición do centro no seu caso, os nosos escolares teñen ordinariamente un curso de 175 días lectivos; mentres tanto as familias que teñan a sorte de ter un posto de traballo terían que atendelo durante 230 días ao ano, a diferenza é moi visíbel.

Evidentemente, temos todos un problema. Teñen un problema os nosos fillos e fillas, que alternan períodos de traballo e de descanso que non obedecen a ningunha orde lóxica (102-17-74-8-86-79), temos un problema as familias que non conseguimos conciliar a nosa vida laboral coa familiar sinxelamente porque traballamos moitos máis días , e máis horas cada día, ao ano que os días escolares dos nosos fillos e fillas; e temos un problema como sociedade porque admitimos sen a protesta necesaria unha serie de normas que comprimen uns currículos amplísimos en períodos lectivos non axeitados en duración para a súa aprendizaxe.

As diferenzas entre tempo lectivo e tempo laboral deberían levarnos a pensar no pouco que atendemos á familia nesta sociedade, no absurdo que é o discurso da necesidade de nacementos cando non vai acompañado das políticas de soporte familiar necesarias, no inconsistente que é unha sociedade que di defender a igualdade pero que aínda hoxe carga sobre a muller a maioría do peso da crianza e educación dos fillos, peso enorme que é inasumible agora mesmo sen renunciar á propia proxección persoal. E conste aquí que non avogamos polos nenos e nenas “ocupados” tanto tempo como precisen as necesidades laborais dos pais e nais, máis ben defenderemos o contrario, que sendo a xuventude un ben necesario, é preciso que aqueles que teñan descendencia atopen todas as facilidades para poder coidala e atendela como merece.

A problemática dos currículos esaxeradamente amplos, tanto que non collen nos períodos lectivos existentes, e que forzan a esixencias desmesuradas e inútiles, é algo que vimos denunciando con máis forza dende que se aprobou a LOMCE, lei da que aproveitamos para lembrar a necesidade social da súa derrogación se realmente queremos vivir na modernidade, pero que xa viña dende atrás, e que seguirá mentres non se comprenda que a acumulación de contidos non conduce a unha mellor formación, e que son os cambios nas metodoloxías do ensino, e non a abundancia de materias, as que poden conducir a un modelo máis eficaz e válido para o individuo.

Pero neste momento interésanos, diante do novo ano, deixar unha reflexión sobre o absurdo dos nosos calendarios escolares, xa só dende o punto de vista do alumnado, das súas necesidades de organización e descanso. Temos uns calendarios que dependen fundamentalmente das festividades relixiosas católicas, baséanse en Nadal e semana santa como elementos sobre os que se moven os eixos da programación temporal, situación que se complica innecesariamente pola desproporcionada duración do Nadal en relación á semana santa, e  pola variabilidade anual da situación desta última, algo que resulta inadmisíbel e anacrónico, e que tamén resulta absurdamente innecesario dende o momento en que o único día festivo obrigatorio de toda a semana santa é o que se chama venres santo, o que converte a situación actual nun costume que se eleva a rango de norma e que ataca directamente contra todo intento de racionalización da vida escolar.

Partindo da realidade dos nosos 175 días lectivos anuais, o lóxico sería pensar en establecer períodos que fosen divisións desta cifra total, redondeando en tres períodos de 58 días, ou catro de 44, e establecendo os períodos de descanso dun xeito uniforme entre estas épocas de estudo; dando quizais  un maior peso ao verán, polo costume adquirido e porque realmente é época máis de lecer ca de traballar, pero fixando dun xeito estábel a situación dos trimestres ou bimestres para que o esforzo, e sobre todo o descanso, responderan a un criterio pedagóxico obxectivo, e á real capacidade de facer unha programación asumíbel por docentes e alumnado.

Manteñamos as vacacións de outono e de primavera, estudemos se é necesario que haxa tamén vacacións de inverno, rompamos a inercia das longuísimas vacacións de verán, fixémolas todas en períodos uniformes e estábeis e que obedezan a unha programación do traballo e do descanso, e organicemos os contidos de maneira que poidan ser comodamente impartidos neses períodos. E teremos dado un gran paso na mellora do noso sistema educativo e na organización da vida familiar.

Para que o novo ano nos traia unha Escola Pública Laica, libre dos condicionantes dunha tradición relixiosa que debe permanecer no ámbito privado das familias, e nunca na organización dos tempos laborais dos nosos fillos e fillas.

Feliz 2016 a todas e todos.

 

 

Unha reflexión sobre “Feliz ano novo laico

  1. Pingback: Feliz ano novo 2016 | Federación de Anpas da Costa da Morte

Deixar unha resposta