Afirmación na Inclusión. Non á discriminación da familia de Lalín.

cara a inclusion

Estes últimos días é noticia o colexio Manuel Rivero de Lalín, como o lugar onde un grupo de familias decidiron non levar aos seus fillos e fillas a clase durante un par de días, como medio de protesta para conseguir o traslado a un centro de educación especial dun neno con necesidades específicas de apoio educativo, que é o seu compañeiro de aula,  e que, segundo esas familias,  complica o desenvolvemento normal das clases.

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS defendemos o dereito á inclusión de todos os nenos e nenas dentro dos centros educativos ordinarios.

Consideramos que os centros de educación especial deben estar reservados para casos moi específicos, e utilizándoos sempre dende o punto de vista da conveniencia para o alumno que asista ás súas clases.

En ningún momento se deben utilizar eses centros como método para retirar das clases ordinarias a ningún neno ou nena, poñendo como escusa as hipotéticas molestias que poidan causar para os seus compañeiros e compañeiras.

A inclusión de persoas con necesidades específicas no ámbito educativo, e tamén no resto da vida, precisa de varios condicionantes para ser efectiva:

  • É necesario o achegamento de medios niveladores, tecnolóxicos, sanitarios, persoais e estruturais, que posibiliten ao máximo a participación desas persoas na vida cotiá do grupo no que se  integre.
  • É imprescindible que a inclusión se realice coa presenza e participación de profesionais; se é necesario haberá que dispor de persoal de apoio en cantidade abonda como para garantir a comodidade física e psicolóxica das persoas con necesidadesespecíficas, e aínda nos casos nos que iso non sexa necesario,si que o é o feito de que a persoa que estea á fronte do grupo teña a formación abonda como para levar adiante os seus obxectivos contando coa participación desas persoas con necesidades específicas.
  • Ten que existir un claro propósito de inclusión, non abonda con permitir que unha persoa con necesidades específicasestea presente na vida ordinaria dos demais, é necesario que sexa parte desa vida ordinaria, que se enriqueza con esa presenza, e tamén que enriqueza aos outros . Pero ese enriquecemento necesita do coñecemento das vantaxes, neste caso educativas, que ten a presenza de nenos e nenas con necesidades específicas nas aulas ordinarias, vantaxes obviamente para eses nenos e nenas, porque a súa vida dentro do grupo contribuirá sen dúbida ao seu desenvolvemento persoal e social máis pleno, a facelos máis felices, dándolles a oportunidade de compartir experiencias, relacións e aprendizaxes e participar en común; pero tamén vantaxes para os outros nenos e nenas, porque medrarán no coñecemento do mundo real e diverso, aprenderán o que significa non dispor de todas as facilidades das que eles dispoñen, escoitarán e vivirán de primeira man a experiencia de quen non ve o mundo da mesma maneira porque o vive dun xeito diferente, compartirán, defenderán e coidarán e como consecuencia comezarán a valorar a súa necesidade de defensa e coidado noutros momentos da súa existencia, e educaranse con respecto, e na valoración dos que dunha ou doutra maneira non son coma eles.

Non temos datos que poidan interpretarse como unha carencia das dúas primeiras condicións, dando pois iso por dispoñible, semella máis ben que as familias que rexeitan a presenza deste neno na aula dos seus fillos e fillas non entenden o que significa ese claro propósito ao que facemos referencia no punto terceiro.

É moi cotián que as persoas, toda a sociedade, confundamos educación con aprendizaxe; e valoremos o paso dos nosos fillos e fillas polos centros educativos pesando a cantidade de coñecementos que adquiren durante eses anos. A este pensamento contribúe sen dúbida a existencia de normativas educativas, como a LOMCE, que enfocan a educación ao logro futuro de saídas laborais e que, moi erroneamente, tentan incidir desa maneira mesmo no ensino obrigatorio.

Porén, na Confederación ANPAS GALEGAS pensamos que a educación dos nosos fillos e fillas ten que conseguir fornecelos de valores e capacidades para enfrontarse ao seu propio futuro; aprenderlles cal debe ser o comportamento correcto que deben ter, e que deberían ter dereito a agardar, na súa relación cos demais; capacitalos para tomar decisións positivas, contribuír ao desenvolvemento como futuros cidadáns respectuosos cos que dunha ou doutra maneira son diferentes, capaces non só de compartir tempos, espazos e experiencias, senón tamén de aprender deles.

E por suposto que tamén deben incorporar coñecementos e avanzar neles, pero non poden deixar a ninguén no camiño porque iso vainos facer máis débiles ao longo da súa vida.

Polo tanto, nós temos que rexeitar o que consideramos inxusto desexo desas familias que, sen dúbida pensando que procuran o mellor para os seus fillos e fillas, pretenden privar a ese neno ao que queren botar do colexio de boa parte do seu futuro. Mais tamén queremos dicirlles que ao mesmo tempo están a privarlles aos seus propios fillos e fillas das mellores leccións que poden obter, as que entrega a propia realidade, e a aprendizaxe entre iguais

E ao mesmo tempo, temos que solicitar das autoridades educativas que o seu traballo, neste e en todos os casos similares, teña como única meta a  inclusión de todos os nenos e nenas galegos dentro dun sistema educativo que se deseñe, e se materialice, para que todos e todas estean nel,  achegando a súa personalidade, as súas características e as súas diferenzas, e construíndo unha sociedade máis xusta e equitativa.

 

 

2 reflexións sobre “Afirmación na Inclusión. Non á discriminación da familia de Lalín.

  1. Como tia dun pequeno con necesidades especiales,advirto que sin formación e concienciación, entre mestres, orientadores e anpas, as familias que padecen sobordetodo as necesidades ou patoloxías psicolosicas e de comportamento cos pequenos que parece “molestan” na clase, están totalmente desamparados e demonizados, tendo que procurarse as atencions e necesidades personais de cada neno con moito esforzo económico e moita paciencia con eles pero mais con esta sociedade, enriba de facendo sentirse de menos no seu entorno escolar, non vou nombrar os colexios publicamente, pero por privado si queredes realmente enterarvos antes de chegar a termos coma en Lalín solo tendes que decilo.

  2. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na federación de ANPAs Costa da Morte en defensa do Ensino Público | Federación de Anpas da Costa da Morte

Deixar unha resposta