12 do 12, ás 12 (en Malpica e Compostela)

cartaz cadea humana Malpica - 12 do 12 ás 12

Convidamos a todas as persoas a participar nunha cadea humana en Malpica (12 de decembro de 2015, ás 12 da mañá) a prol dunha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria para aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade.

Ese mesmo día, as mulleres dos mariñeiros do cerco farán cadea en San Caetano, ás 12 dese mesmo día para solidarizarse con aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade.

Ás mulleres do cerco tócalles ese día estar en Santiago, pero tamén queren participar na cadea humana, aínda que sexa a distancia.

 

Percorrido da cadea humana en Malpica

  • Concentración na praza do concello.
  • Comezamos a cadea humana ás 12 da mañá desde a praza, pasando por R/ Eduardo Vilafano, Raimundo Criado, Patria Galega, Rueiro do Campo, até o colexio Milladoiro.

Esiximos que se elabore unha normativa que estableza cal debe ser a atención necesaria para cada nena ou neno enfermos. A nosa demanda é fixar un estándar de 12,5 horas semanais.

Por iso, instamos a que a consellaría de Educación convoque unha comisión onde esteamos presentes todos os posibles actores destas situacións, profesorado, nomeadamente aqueles que xa contan con experiencia nesta atención, familias, administración sanitaria e educativa, ademais de profesionais das ciencias da educación.

Todas e todos somos conscientes que a actual situación da atención educativa hospitalaria e domiciliaria está abandonada e falta de coordinación. Iso implica que o alumnado en situación de longa enfermidade leven como pena accesoria un retraso na súa formación académica e a separación da súa propia xeración de referencia. E non podemos permitilo! Hai que falar, e temos que falar todos os sectores implicados, e a administración ten que escoitar, e tentar aprender algo, que boa falta lle fai.

Deixar unha resposta