Iremos ao Parlamento Galego, con Nieves, o 20 de novembro

De visita institucional á consellaría de Educación da Xunta de Galiza

O próximo venres, 20 de novembro, iremos ao Parlamento acompañando a Nieves Villar; falaremos con todos os grupos da oposición parlamentaria.

 O luns seguinte, 23 de novembro iremos tamén a falar co grupo parlamentario popular; así o decidiron eles, nós non temos preferencias de datas. A esta reunión non pode asistir Nieves.

Falaremos con todos os grupos, pero continúa sendo imposible falar co conselleiro; el está facéndose bonitas fotos con nenos e nenas dos colexios aos que vai visitar para saír na prensa, no máis puro estilo do século XIX, e facendo declaracións aos medios que non sabemos moi ben se son fabulacións persoais ou son ditadas polo equipo de augures e visionarios que ten á súa disposición.

Este exemplares adiviños fanlle dicir agora ao conselleiro que “levan tempo traballando nesta materia (a atención educativa domiciliaria)” e que xa “anunciaron a posta en marcha dun protocolo de actuación que veña a mellorar un servizo que funciona razoablemente ben”

Mira ti, nós pensabamos que todo estaba paralizado e que non funcionaba nada, pensabamos, parvos de nós, que Nieves conseguira as horas que ten para o seu fillo a golpe de noticia de prensa, agora unha, entrevista, agora dúas, noticia, agora catro, campaña on line, agora seis… pero non, todo estaba previsto e foi unha coincidencia, vaia.

O conselleiro acaba de descubrirnos a todas e todos, el xa o sabía que para iso é o conselleiro, que hai que formar ao profesorado específico, que hai que incrementar a información entre Sanidade e Educación, que hai que utilizar plataformas tecnolóxicas, e hai que incrementar os recursos humanos que sexan precisos partindo dunha análise sanitaria rigorosa. Tamén é certo que estes puntos son os que lle indicamos nós aos funcionarios que nos atenderon o pasado día nove, cando o conselleiro non apareceu, pero isto tamén é unha coincidencia. Somos o país das marabillas.

Descubriunos tamén que a Administración non pode planear solucións concretas, senón “globais”; e seica dixo todo iso co mesmo sorriso co que dixo logo que mantivera un contacto telefónico con Nieves para ter “información de primeiro orde”. Alegrámonos de que o conselleiro aprendera por fin que ten que traballar para todos e todas, e ademais que o informe, e lamentamos que Nieves non conseguira do conselleiro a mesma información de primeira orde que seica el si conseguiu desa sorprendente e descoñecida conversa.

Como nós somos descridos e queixosos, e ademais como non tivemos que agardar á iluminación do conselleiro para saber e coñecer que tipo de chapuza é actualmente a atención educativa domiciliaria, e a hospitalaria, e ata que punto nin o conselleiro nin a consellería se informaron con ninguén para inventar normas que van ter a mesma pretensión de cumprimento que as que agora mesmo están en vigor, imos ir ao parlamento o venres a falar cos grupos da oposición, e volveremos o luns para falar co grupo que apoia ao goberno, e a todos eles ímoslles dicir o mesmo:

A atención educativa na enfermidade está hoxe en día totalmente abandonada e falta de coordinación, está sendo causa de que os nenos que se ven en situación de longa enfermidade leven como pena accesoria un retraso na súa formación académica e o apartamento da súa xeración de referencia. E diante diso hai que falar, e temos que falar todos os sectores implicados, e a administración ten que escoitar, e tentar aprender algo, que boa falta lle fai.

 

2 reflexións sobre “Iremos ao Parlamento Galego, con Nieves, o 20 de novembro

  1. A privatización, escomenza cando o conformismo o escurantismo, e o medo esta nos nosos peitos.
    Cando alguen se remexe contra todo esto xurden duas vertentes, as dos conformistas que esperan a velas vir e aproveitar todo que lles caía do ceo, e os que xunguen as hombreiras para acadar a misma fin.
    Hoxe temos un referente, que saindo da nada, e conseguindo o que quería non conformou, e solidarizouse como estandarte na loita dun ben común e necesario para o progreso de calquera pobo a EDUCACIÓN si estamos tan cegos para non ver mais aló das tebras dos nosos ollos, estamos dispostos a permitir que nos fagas desaparecer como entidade e como pobo. (O que non conseguiron en 500 anos) pero si esto non e así como espero que non o seña xungamos a voz, o esprito e as mans para acadar a fin que os nosos nenos merecen, e si fora preciso, arrancar o balado de san caetano para que o conselleiro mude a garabata pola funda de traballo, falámolo. As institucións deben estar ao servicio do pobo. E non o revés como eles pensan e queren.
    Un moucho galego agradecido polo que estades a facer

  2. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na federación de ANPAs Costa da Morte en defensa do Ensino Público | Federación de Anpas da Costa da Morte

Deixar unha resposta