Falamos co grupo popular no Parlamento Galego

 

Reunión co GPP

O 23 de novembro estivemos de novo no Parlamento para falar, desta volta, co grupo popular.

Fomos nós os solicitantes desta reunión, e nun primeiro momento iamos ir acompañando a Nieves Villar, tal e como fixemos o pasado venres na xuntanza con todos os grupos da oposición parlamentar; mais Nieves decidiu non falar con este grupo político, en coherencia co rexeitamento que o propio conselleiro mantén a ter unha reunión con ela, malia lle ser solicitada en numerosas ocasións e por diferentes medios.

Por parte da nosa confederación asistimos o presidente, o vicepresidente e a secretaria; por parte do grupo popular viñeron tres deputados da área de educación e da sanidade, o que xa representa un claro enfoque do problema, eles eran coñecedores das nosas reivindicacións e presentaron un equipo que tiña relación con dous dos sectores afectados.

Comezamos cunha breve exposición pola nosa parte, na que atendemos á necesidade de traballar para establecer unha nova maneira de facer as cousas na atención educativa na enfermidade; aínda que certamente tamén dixemos que isto só era unha incorrecta maneira de falar, porque non pode haber algo novo cando hoxe en día non hai nada; e esa é a diagnose que nos facemos da situación actual: existe unha normativa, pero non se aplica nin está presente na vida cotiá dos nosos escolares nin das nosas  familias, malia calquera excepción á que se lle poida botar man para unha necesidade de prensa, tal e como está a facer ultimamente o goberno galego.

A postura do grupo popular difire da nosa en canto á diagnose da situación actual, pensan que temos unha normativa que se pode definir como boa, nós aceptamos que a hai, pero funcionamos como se non a houber; aí non paramos moito tempo porque de seguido pasamos ao que debe haber, concordamos na necesidade dun modelo diferente, máis e mellor aplicado, concordamos tamén na necesidade de escoitar aos expertos, e concordamos así mesmo na necesidade de que o modelo pase de ser fundamentalmente sanitario a incluír os aspectos educativos.

Pero discordamos noutras moitas cousas: o modelo que nos expón o partido popular continúa sendo un modelo caso por caso, baseándose na indiscutíbel individualidade sanitaria eles pretenden que cada neno debe ter a atención que poida recibir sen danar a súa saúde; nós defendemos que os dereitos dos nenos e nenas enfermos teñen que estar garantidos previamente, e logo se modularán en función da súa saúde, escoitando aos equipos médicos pero tendo diante a perspectiva dun futuro educativo; semella ser cuestión de matiz mais non o é: non é o mesmo partir da excepcionalidade que permitir a excepcionalidade.

Discordamos tamén na concepción de expertos que hai que consultar, en primeiro lugar porque dubidamos que se estea falando con ninguén –xa que nós mesmas, as familias, non fomos convocadas- e en segundo lugar porque eles falan sempre de educadores e médicos, e nós queremos incrementar ese foro coa presenza de pedagogos, terapeutas, psicólogos e, sobre todo, xente con experiencia na docencia e tamén xente con experiencia na enfermidade, as voces dos que xa o pasaron deben ser escoitadas como referentes vivos. Tamén tivemos discrepancias sobre o papel dos técnicos da administración, para o partido popular é fundamental, para nós eses técnicos teñen que escoitar a quen sabe, e logo deseñar sobre esa sabedoría, pero a súa experiencia é puramente burocrática e non poden achegar máis que esa visión, necesaria pero claramente insuficiente.

Insistimos moitas veces na necesidade de falar, non de achegar propostas por escrito, de falar, de nos sentar ao redor dunha mesa e debater propostas e propor modelos. Non é a maneira de traballar actual do partido popular, e nótaselles.

Falamos do papel dos voluntarios, que nós apreciamos  pero que non cremos que poida ser a base de ningún sistema; e reiteramos moitas veces que é preciso que se deseñe un procedemento que sexa de obrigatorio cumprimento para todo o mundo, tamén para as familias, co exemplo xa moi repetido de que ninguén dubida que as familias facemos caso cegamente ao que di o médico, e polo tanto tamén o fariamos se quen falara fora outro profesional nese mesmo contexto, combatemos a idea que ten o partido popular de que hai que deixar unha marxe á voluntariedade; porque esa voluntariedade, cando se pretende exercitar nun contexto de especial angustia como é a grave enfermidade dun fillo, non é real; e a sociedade, e a administración representándoa, ten a obriga de informar e mesmo convencer para que as decisións que se tomen estean libres de subxectividades e preparadas para un futuro que non debe estar condicionado polo presente.

Saímos da reunión cun balance positivo; fronte a outras moitas xuntanzas co partido popular onde a comunicación semellaba funcionar nunha única dirección, nesta ocasión houbo sensación de escoita e tamén expresión de respecto polas posicións do outro, afirmamos a confianza de que todos queremos o mellor para o futuro da educación, e tamén acreditamos que o queremos, neste problema que nos ocupa, de maneiras diferentes.

Como dixemos nalgún momento, o que queremos é sentarnos a falar, todas as veces que faga falta, e moitas de ser posible, porque vai ser a única maneira de conseguir que os nosos nenos e nenas do futuro teñan cada vez máis medios para se educar dun xeito moderno e proveitoso.

Case ao final da xuntanza falamos tamén de Nieves, de Hadrián, e dos nenos e nenas que agora mesmo están a pasalo mal e precisan desta atención que demandamos. Fixemos fincapé en que todas as normativas son boas e mellorables, pero que á par hai que atender a todos os nenos e nenas que xa agora mesmo non poden agardar a novas leis nin decretos, senón que precisan unha atención que se lles está negando.

Coa reivindicación de que non hai ningunha razón que xustifique a desatención dun neno, nestas ou en calquera outra circunstancias, rematamos a xuntanza emprazándonos a futuras colaboracións, ogallá sexa así.

 

Unha reflexión sobre “Falamos co grupo popular no Parlamento Galego

  1. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na confederación ANPAS GALEGAS en defensa do Ensino Público | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta