Asemblea xeral da confederación ANPAS GALEGAS do 27 de novembro de 2015

ültima reunión do 2015

Tivemos en Compostela a, previsiblemente, última xuntanza ordinaria deste ano 2015, nesta ocasión adiantámola unha semana para evitar a coincidencia con outras  datas comprometidas.

Comezamos a xuntanza agradecendo a presenza de tres novas incorporacións, Lola, Isabel e Lorena, que viñeron representando ás federacións da Costa da Morte, Lugo e Ferrolterra. Está ben incorporar novas caras, no mundo das ANPAs un dos grandes problemas é a renovación, pola dificultade que hai nestes tempos en atopar xente comprometida que teña tempo dispoñible para traballar; pero vese que si que a hai. Benvidas!

Tivemos a nosa parte burocrática, aprobamos actas, falamos da tesourería, comentamos como ían os nosos arquivos dixitalizados, e este tipo de cousas que hai que facer pero que nunca deben ser o centro dunha xuntanza, e logo puxémonos á organización de eventos ben importantes:

  • O próximo 12 do 12, ás 12:00 estaremos en Malpica, reclamando atención educativa na enfermidade; estará a confederación e tentaremos que estean tamén todas as persoas que queiran sumarse a esta demanda.
  • O vindeiro mes de maio organizaremos en Fisterra unha fin de semana de traballo, moi probablemente os días 21 e 22, de momento témoslle pensado un enfoque duplo: inclusión e cidades educadoras, o que non deixa de ser unha certa redundancia; e sobre todo falaremos entre todas as ANPAs que se acheguen, porque iso implica escoitar e iso leva a aprender. Iremos dando máis información segundo vaiamos perfilando os detalles.
  • Continuamos traballando sobre comedores escolares, queremos elaborar unha postura para todas as ANPAs da nosa confederación, buscando un modelo que pivote sobre tres eixos fundamentais:
    • Competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
    • Xestión directa  por parte do titular da competencia.
    • Modelo único para todo o territorio galego.
    • Alimentación de calidade.
    • Valor educativo do servizo.
  • E, por suposto, informamos das últimas novas sobre a atención educativa na enfermidade, das nosas visitas ao parlamento, as nosas xuntanzas coas profesoras de pedagoxía  hospitalaria da USC, a posta en común das experiencias coñecidas, as inminentes xuntanzas cos sindicatos, e a necesidade de elaborar un documento que recolla toda esta experiencia xunto coas conclusións e propostas de actuación ás que cheguemos.
  • Comentamos dende logo a noticia de hoxe mesmo, cando o Director Xeral de educación informa da activación inmediata dun protocolo de atención educativa domiciliaria, “atendendo á demanda planteada neste sentido pola Confederación de ANPAS GALEGAS” segundo cita o xornal. Alegrámonos de ter logrado que algo se mova na consellería, onde semella que descubriron o ermo no que se atopaban, pero non é este o protocolo que nós queremos, e non vai ser este o que nós defendamos, nin deixaremos por este anuncio de pelexar polo que a sociedade galega precisa.

E despois de algo máis de tres horas de debate e participación, de posta en común e de aprendizaxe, marchamos para casa coa maleta ateigada de deberes, eses que rexeitamos para as nosas nenas e nenos, e coa clara conciencia de que somos moi necesarios, porque se nós, as familias galegas, non defendemos o ensino público, o futuro das nosas fillas e fillos, non haberá moita máis xente que o faga.

Unha reflexión sobre “Asemblea xeral da confederación ANPAS GALEGAS do 27 de novembro de 2015

  1. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na confederación ANPAS GALEGAS en defensa do Ensino Público | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta