Iniciamos a campaña de concienciación e reivindicación na procura dunha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria

Campaña ANPAS GALEGAS de concienciación e reivindicación na procura dunha correcta atención hospitalaria e domiciliaria - copia

Iniciamos unha campaña de concienciación e reivindicación, dirixida á procura dunha correcta atención hospitalaria e domiciliaria para aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade.

Este é un problema no que comezou a traballar hai xa máis dunha década a Federación Olívica de ANPAs, FOANPAS, membro fundador desta Confederación, e que deu lugar a unha normativa que no seu momento fora unha gran conquista social. Porén estes últimos anos de recortes contra o ensino público tamén se levaron por diante moito do conseguido neste eido, e sobre todo arrasaron co máis importante: a conciencia da sociedade de que este era un dereito que podía e debía esixir, con e sen crise. E fixo falta a afouteza dalgunhas familias que decidiron pedir en público, e con ruído de prensa,  aquilo que constitúe o seu dereito para que todos tomásemos conciencia de canto se nos quitou tamén no ensino durante a enfermidade.

O panorama que temos actualmente é desolador, a normativa que temos non é creadora de dereitos obxectivos, non marca horarios nin establece procedementos; parte da base de que a situación é excepcional e trátaa dende ese punto de vista; o problema é que non é excepcional, a enfermidade é unha circunstancia na vida dos afectados, pero na vida social é unha realidade que se repite sistematicamente, e que debe ter establecidas solucións sistemáticas ás que poder acollerse dun xeito automático.

Como informamos anteriormente, na xuntanza que tivemos o pasado venres, tomamos varias decisións e tamén afirmamos algunhas realidades:

– O problema da atención educativa hospitalaria e domiciliaria é galego. Se falamos de atención hospitalaria hai zonas onde funciona lixeiramente mellor que noutras, pero se algo caracteriza ao sistema é o feito de ser absolutamente insuficiente. Como é galego, tratarémolo a este nivel, e pediremos unha resposta que nos conveña a todas e todos.

– Non existe un protocolo de actuación que se desenvolva dun xeito automático a partir da diagnose da enfermidade, como debería ser, é a familia quen ten que activar a resposta administrativa a través das súas demandas.

– Non existe unha planificación de necesidades, nin nos hospitais nin para as atencións domiciliarias; alguén dirá que a enfermidade non é previsible pero iso non é certo cando falamos da poboación dun País, os datos recollidos e o traballo estatístico deberían dar resultados abondos como para poder dimensionar cunha marxe de erro aceptable cales son as necesidades que haberá que cubrir.

– Non existe unha especialidade formativa para os profesionais que traballan nestas circunstancias tan complexas, novamente ten que ser a profesionalidade individual quen supla as carencias da administración.

– En xeral non existe un tratamento da enfermidade dentro do ensino, nin do ensino na situación de enfermidade. O noso Ensino Público funciona coma se todo o alumnado estivese sempre san, e por iso rincha constantemente cada vez que se presenta unha circunstancia que non encaixa, chámeselle atención hospitalaria, enfermidade crónica, calquera das necesidades educativas especiais, ou simplemente a necesidade de tomar un medicamento en horas lectivas.

E todo isto lévanos a considerar que é necesario traballar para que esta situación se corrixa e se mellore; a enfermidade é sempre unha circunstancia na que cada suxeito continúa tendo un presente e un futuro ao que ten que atender, moitísimo máis cando falamos de nenos e nenas en plena etapa formativa. Non podemos permitir que esa circunstancia traia sempre como consecuencia a perda de cursos escolares, a separación do enfermo da súa propia xeración que continúa avanzando sen el, ou o fracaso anunciado na propia evolución académica.

Por iso, na Confederación ANPAS GALEGAS, iniciamos inmediatamente un traballo para que este problema se sitúe no centro do debate social. Falaremos cos sectores implicados, porque hai moito que coñecer e moito que aprender, e iremos informando dos resultados para que sociedade toda sinta este debate como unha necesidade que a administración educativa debería ter resolta e organizada.

Deixar unha resposta