Día do Ensino: a difícil tarefa de participar na Educación

Día do Ensino

Día do Ensino

Hoxe, 30 de outubro, é o día do Ensino; e o conselleiro de educación lémbranos que é unha xornada no que toda a sociedade bota unha ollada ao seu redor, revisa e renova o compromiso coa instrución e coa formación; pero realmente só é unha xornada non lectiva, onde ninguén olla para ningures porque as canles de revisión e renovación están pechadas, como os colexios nun día como hoxe, no que por ser a súa festa deberían estar abertos a toda a comunidade educativa para utilizalos como lugar de reflexión, debate e traballo sobre o ensino que queremos, e sobre o ensino que estamos facendo.

As familias, que somos certamente o principal axente formativo, non queremos confiar a ninguén o noso ser máis querido e marchar de alí mentres o forman ou instrúen, o que desexariamos facer é participar na formación dese ser e de todos os demais, porque somos representantes e parte da sociedade toda, e estar presentes na vida educativa como o piar fundamental que somos e que reivindicamos ser.

Pero esa presenza na vida educativa non é unha simple declaración de intencións, fágase unha vez ao ano ou constantemente; ten que estar soportada nunha vocación de colaboración, de diálogo, de información mutua, de intencionalidade de camiñar conxuntamente e de crear accións de futuro que sexan froito desa participación; ten que estar elaborada para poder afirmarse, ter canles abertas e fluídas, espazos de compromiso e de encontro, pero tamén espazos formais de desenvolvemento, de organización sistemática do traballo en común. A participación non pode ser un brinde ao sol que se lance de cando en vez. Ten que estar estruturada e traballada, ten que ser querida e regulada como un dereito positivo que a todos convén, sobre todo ao futuro da sociedade.

E non se pode, dende os actuais responsables da administración educativa, facer unha constante referencia á participación, cando veñen de eliminar case toda a capacidade real dos Consellos Escolares, único órgano onde as familias estamos presentes na vida cotiá dos centros escolares e nos que antes tomábanse decisión.

Cando veñen de modificar a elección da dirección dos centros escolares para poder nomealos en contra da opinión de profesorado e familias; cando a participación que nos reservan ás familias nos órganos autonómicos, como o Consello da convivencia, ou mesmo o Consello Escolar de Galicia, cóntase por porcentaxes ínfimas en relación á presenza que teñen sempre os representantes políticos, nin tan sequera os técnicos da administración educativa; cando o partido que actualmente goberna Galicia ten esquecidos, alí onde goberna, aos consellos escolares municipais aos que nin tan sequera convoca, nin moito menos escoita; ou cando simplemente se negan a recibir aos representantes das familias, ou a iniciar mesas de traballo nos moitos temas nos que a participación das familias debería ser obrigatoria.

E tampouco se pode dicir que a inclusión da diversidade xa forma parte do cotián, do ordinario, cando temos unha notoria falta de profesionais de apoio en todos os centros educativos, cando o principal labor deste goberno foi laminar os cadros de profesorado impedindo precisamente a atención a esa diversidade que din que non está en discusión.

A diversidade certamente non está en discusión, nin a súa existencia nin o seu tratamento, nin a consideración da necesidade de atención, e tampouco está en discusión, porque toda a sociedade o coñece, que este goberno traballou restando nesa atención, impedindo a integración, negando o dereito –que se materializa en medios, non doutra maneira- a que os diversos, que somos todas e todos, sexan tratados co mimo, a dedicación e a profesionalidade que precisan para sumar valores á sociedade toda, para que sexan unha riqueza para si propios e para o grupo no que se integran.

Non se pode traballar tanto para esnaquizar o ensino público e logo dicir que temos un día de festa e alegría no que reflexionamos. Pois a iso invitamos ao conselleiro, a reflexionar sobre a política educativa destes últimos anos, e a facelo tamén contando con quen realmente somos o grupo máis importante do Ensino Público: as familias, a sociedade que conforma este noso País.

 

Unha reflexión sobre “Día do Ensino: a difícil tarefa de participar na Educación

  1. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na confederación ANPAS GALEGAS en defensa do Ensino Público | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta