As conclusións de ANPAS GALEGAS relativas ao inicio do curso escolar 2015 – 16

Reunión Anpas Galegas

O pasado 2 de outubro a Confederación ANPAS GALEGAS tivo a primeira xuntanza presencial deste novo curso escolar, deixando coma sempre transcorrer unhas semanas dende o inicio do curso para poder facer unha avaliación de como comezou, e de cales son as perspectivas que podemos albiscar con ese comezo.

Dende o noso punto de vista o que marcou o inicio deste curso escolar foron dúas circunstancias moi concretas:

A desorganización en canto á xestión e información sobre os libros de texto e o material escolar. Este curso é o primeiro logo da implantación dos chamados “fondos solidarios”, un procedemento que deixou fóra a moitas familias, que provocou unha sobrecarga de traballo para os equipos directivos, que aínda hoxe non resolveu as necesidades de aqueles que tiñan dereito a libros pero para os que non había libros abondo para repartir, que descubriu os enormes erros dunha estrutura administrativa, a da xestión das devolucións dos libros mercados co cheque no curso anterior, que está moi lonxe de ser exacta nin rigorosa, e que lle reclamou libros a quen non os mercara, imputoulles materias a quen mercara outras, e fixo recaer sobre as familias a responsabilidade de escusar o que unha administración caótica non foi quen de organizar.

Desta situación, na que visualizamos tal casuística que non pode condensarse nunha entrada xenérica, temos que tirar tres conclusións e un agradecemento:

  1. A seguridade de termos que continuar a reivindicar a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto, porque é o único que asegura unha eficaz xestión dos bens públicos e a súa distribución, xunto coa achega de valores educativos de participación, reutilización e colaboración.
  2. A imperiosa necesidade de que se separen as funcións docentes e as administrativas, dispoñendo de persoal suficiente, diferenciado e independente en cadansúa función.
  3. A reclamación de que as decisións sobre o material escolar, libros de texto e calquera outro, ten que estar organizada e coordinada pola Consellaría de Educación, respectando sen dúbida o dereito de cada profesor na escolla do material didáctico que precise, pero impedindo cunha normativa comunmente aplicable a existencia de tantas peculiaridades como centros de ensino.
  4. O agradecemento queremos expresalo a aqueles profesores que, aínda coñecendo que non é a súa función, vense forzados por unha administración inoperante a compensar co seu traballo os erros alleos, porque son a única base sólida que explica que o sistema educativo galego aínda funcione.

A incorporación dos cursos impares de secundaria e bacharelato aos currículos LOMCE. Neste caso, a tardanza na elaboración e publicación dos currículos, a inexistente colaboración cos claustros de profesores, o desprezo informativo cara as familias, e a absoluta falta de respecto co propio alumnado que se ía ver abocado a un cambio para eles inevitable, fixo que todo o mundo implicado navegara sen compás por un inicio de curso que pretende marcar o futuro educativo da nosa sociedade.

A estas alturas, a maioría das familias non sabe para que estudan os seus fillos matemáticas aplicadas ou académicas, nin imaxinan canto os vai condicionar; descoñecen que agora a relixión, e a súa alternativa, son materias avaliables; tiveron que decidir as materias de libre configuración en bacharelato sobre unha absoluta improvisación, e cambiar a matrícula por circunstancias sobrevidas segundo as materias se ían convertendo en inviables porque non había matriculados abondos ou porque a administración non as autorizaba.

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS reclamamos que a información flúa constantemente entre a administración, o profesorado e as familias, e non cremos admisible que as nais e pais do alumnado deste País, e o alumnado mesmo, descoñezamos o detalle do que vai afectar aos nosos fillos e fillas, dende o mesmo momento no que se inicie a posta en marcha de calquera variación na súa vida académica.

 

Que estas foran as principais preocupacións que marcaron o inicio deste curso académico non impediu que falaramos doutros puntos de interese na vida educativa en xeral, e entroutras problemáticas menores, falamos tamén de algúns temas de grande importancia:

  1. As reválidas de primaria: tanto a de 3º, na súa dobre vertente de análise da que se celebrou o ano pasado, sobre todo logo da premeditada falsidade dos datos que ofreceu a Consellería de educación, como da que se vai volver a celebrar este curso no que entramos; pero tamén da reválida de 6º, que en principio se celebrará este curso por primeira vez. Acordamos ficar á espreita do que ocorra logo das eleccións do próximo mes de decembro, que son tamén as eleccións que poden consolidar ou derrogar á LOMCE, para iniciar inmediatamente unha campaña de rexeitamento de ámbalas dúas reválidas, así como das de secundaria aínda que non estean implantadas tan proximamente.
  2. Difundiremos entre as nosas Anpas asociadas a conveniencia de que reclamen en cadanseu centro os datos da reválida do ano pasado, para saber cales son as medidas que pretenden implantar e cal é base que as xustifica; pero tamén para denunciar a innecesariedade desta proba, e o malgasto que supuxo e suporá a súa organización.
  3. Pareceunos improcedente a campaña que se está a iniciar dende outras asociacións de Anpa doutros ámbitos territoriais en canto á solicitude de devolución ás familias do diñeiro gastado en libros de texto. Pensamos que a gratuidade que nós defendemos non é unha simple reposición de fondos monetarios, senón que avoga pola asunción das responsabilidades que lle son propias á administración educativa; e que entre esas responsabilidade está fomentar na conciencia colectiva quen debe ser o provedor dos bens necesarios dentro do ensino público.
  4. Decidimos iniciar, con perspectiva de medio prazo, un estudo sobre comedores escolares, para fixar con moito detalle como debe artellarse o modelo que nós defendemos.

 

E acordamos volvernos a ver o próximo 27 de novembro, daquela volveremos contarvos o que pasou.

Deixar unha resposta