Acordos adoptados na reunión coa comisión NEAE da Costa da Morte

????????????????????????????????????

A reunión de ANPAS GALEGAs coa comisión NEAE da Costa da Morte que tivemos este pasado venres, en Carballo, foi excelente. A empatía, o desexo colectivo de mellorar as cousas encheu a estancia.

Cando falamos das comisións NEAE  todas e todos sabemos que teñen moita carga dos problemas que cada familia leva ao lombo, moita personalización lóxica e comprensible pero, tamén, moitas gañas de traballar por tod@s e para tod@s. E ese ambiente é ben agradable respiralo.

Dende o punto de vista emocional, a presenza de Nieves, a nai de Malpica que fixo visualizar, de novo, a necesidade da educación domiciliaria para alumnado con enfermidade foi como ese alento que aviva o lume do traballo iniciado hai anos por FOANPAs Vigo (unha das  federacións que deron o primeiro paso para crear a Confederación ANPAS GALEGAS).

Non é moi frecuente ter diante a alguén que está disposta ao que faga falta polo seu fillo pero que ten moi presente que iso non abonda,  que o traballo hai que facelo para todos os que veñan detrás. Hadrían, previsiblemente, axiña terá  un  futuro de normalidade, pero a súa nai sabe que sementa para que outros colleiten, sen deixar de demandar a propia colleita. Esa é a  a visión perfecta para traballar en defensa do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, en defensa do Ensino Público.

Como as reunións, á parte de fervedoiro de experiencias e aprendizaxe, teñen sempre unha parte práctica, é ben deixar por escrito os puntos aos que chegamos entre todas e todos, e que necesarios en todo traballo colectivo:

– Levaremos esta campaña a nivel galego, a través da confederación ANPAS GALEGAS

– Traballaremos sobre a base da necesidade dun protocolo de atención que ligue dun xeito automático a diagnose médica co inicio das actuacións educativas suficientes, hospitalarias primeiro, e domiciliarias despois sen necesidade de que a familia teña que solicitalo

– Estamos certos de que o primeiro chanzo debe ser a existencia de unidades hospitalarias ben dimensionadas e organizadas con medios e persoal permanentes, sen esquecer a necesaria ligazón cos centros de procedencia do alumnado

– Concordamos en que a atención, nos hospitais e na casa, debe impartirse polo profesorado  do Ensino Público Galego

– Enmarcamos todo este proceso dentro da necesaria presenza do Ensino Público en todas as etapas e circunstancias da nosa infancia e xuventude, tamén na enfermidade, para que o coidado da saúde sexa parte da vida educativa, e a educación sexa unha parte activa na vida sanitaria.

 

 

 

 

 

Unha reflexión sobre “Acordos adoptados na reunión coa comisión NEAE da Costa da Morte

  1. Pingback: Resumo do ano 2015. O traballo realizado na confederación ANPAS GALEGAS en defensa do Ensino Público | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta