Comezamos un novo curso 2015-2016 ( I)

????????????????????????????????????

Estamos xa co novo curso en marcha, primaria xa comezou a traballar e secundaria e bacharelato hano facer nos vindeiros días; semella que é necesario facer tamén unha entrada de benvida neste noso blog, un “aquí seguimos”, que dea o disparo de saída a esta carreira de fondo cal é o noso empeño de que o Ensino Público Galego acade o nivel que merecen os nosos fillos e fillas,  e non existe un nivel máis alto ca ese.

Nós, a Confederación ANPAS GALEGAS, imos comezar o noso terceiro curso de vida “formal”, e queremos facelo lembrando cal son os nosos sinais de identidade, e de que maneira o traballo dos nosos gobernos, o español e o galego, van sementando atrancos constantes na súa normalización; e se falamos de atrancos esta entrada pode facerse moi longa, así que imos dividila en varios capítulos, que iremos publicando.

Diciamos na nosa presentación que defendemos un Ensino Público GALEGO :

Nestes dous anos vimos como continúa o permanente abandono de falantes, nomeadamente entre a xuventude: falar en galego xa é minoritario entre os rapaces; e isto debémosllelo totalmente a un goberno que apostou decididamente por afastar a nosa lingua de todos os eidos produtivos; non é ningún segredo que o galego está sendo reducido, por parte do poder político, ao terreo da festa e do ritual; que a xente nova non o percibe como un valor positivo que ofertar no mundo laboral ou mesmo na súa vida social; que mentres que outras linguas, nomeadamente o español no mundo que nos é inmediato, teñen amplos espazos de difusión e referencia propiciados polos seus gobernos respectivos, non existen aquí para a nosa lingua eses mesmos espazos, nin temos actualmente un goberno que reivindique orgulloso a súa obriga de lle dar ao galego o valor e o respecto que merece de seu.

Para que a xente nova manteña unha lingua é preciso que esa lingua se lles presente como útil, non como unha maneira de falar de uso interno; é necesario que na vida cotiá da sociedade estea o noso idioma e tamén a nosa maneira de entender o mundo no que vivimos; e non imos cansar de repetir que só se pode comprender o alleo cando se entende o propio, que só dende o coñecemento e a asimilación do propio teremos armas e medios abondos para acceder ao coñecemento das diferenzas cos demais, e que ese coñecemento da diferenza será o que permita o respecto, a convivencia, a equidade e a xustiza.

Pero ese deseño non corresponde ao mundo no que estamos a vivir; no ensino vímolo claramente cando mudaron a lingua na que se habían impartir as matemáticas, a materia estrela dos currículos actuais, que pasou a terse que aprender en español, seica porque o galego non é lingua nobre dabondo para a expresión das fórmulas e os problemas; ou cando tentaron enfrontarnos ás familias  a medio da realización de “consultas sobre o idioma”; ou cando fixeron aquel desgraciado decreto “de plurilingüismo” no que se presentaba como un avance poñer a lingua propia coa mesma distribución horaria ca o inglés, nun intento indigno de vender a  propia cultura e a propia identidade ao prezo dun hipotético futuro laboral de éxito.

Nestes anos, por efecto din que da LOMCE, tamén nos desapareceu o coñecemento do medio, e dicimos o da LOMCE porque é certo que foi esta Lei quen tomou a decisión, pero tamén é certo que o noso goberno non presentou ningunha batalla, como si fixeron outras comunidades autónomas, que mitigara os efectos devastadores desta normativa.

Desapareceu coñecemento do medio, e disque simplemente se dividiu en dúas materias que manteñen currículos moi semellantes; pero as verbas son moi importantes, e aínda que os temarios continúen a ser “case” iguais, o certo é que os nosos nenos e nenas agora estudan “naturais” e sociais”, e iso xa non ten que ver –na impresión inmediata que é a máis duradeira- con ese “medio” que todos identificamos co que temos ao carón, no que vivimos e, no seu caso, medramos; nin coa necesidade de coñecelo, que non é o mesmo que estudalo.

Os nosos nenos e nenas, os nosos mozos e mozas, están deixando de falar en galego, e están deixando de vivir en Galicia, dun xeito virtual cando se lles está a construír un mundo no que non teñen cabida as identidades; e lamentablemente dun xeito real cando logo de rematar uns estudos inútiles e mal dirixidos, teñen que emigrar para conseguir un posto de traballo en calquera outro país onde, ao chegaren, o primeiro que terán que facer será aprender aquel idioma, vai ser porque ao final hai outros mundos que si queren defender e manter o que é deles, e que son conscientes de que esa é a base da prosperidade.

Defendemos entón un ensino galego e en galego, porque ese é o medio que necesitamos coñecer para saber de nós propios, que é o que precisamos para saber e apreciar a todos os demais. E por iso dende aquí pedimos, e esiximos, que se realicen políticas de valoración da nosa lingua e da nosa cultura, que no Ensino Público o noso idioma teña posición privilexiada, sendo mesmo a lingua vehicular única de todo o Ensino; e que se realicen campañas de achegamento da xuventude para que novamente sintan o orgullo e a seguridade de seren galegos.

 

Deixar unha resposta