Acordos da última Asemblea de ANPAS GALEGAS en Compostela

 

Reunión da Confederación de ANPAs GALEGAS

Reunión da Confederación de ANPAs GALEGAS

O 26 de xuño de 2015 tivemos a última reunión do curso escolar 2014-2015, aínda que iso non quer dicir que esteamos de vacacións porque neste noso eido de traballo os gobernos adoitan utilizar os períodos non lectivos para facer cambios legais e publicar normativas e disposicións, ese é o carácter democrático da actual administración educativa. De feito onte mesmo, 29 de xuño, publicouse o curriculum de Secundaria e Bacharelato; e tiveron máis dun ano para facelo.

Volvendo á nosa xuntanza; solucionamos uns cantos detalles prácticos:

Aprobamos as nosas contas anuais, non pode dicirse que nos levara moito rempo porque non somos, nin queremos nin pretendemos ser, unha confederación que manexemos moitos cartos, temos o xustiño para pagar as cousas imprescindibles, e polo demais tiramos de voluntariado e de vontade. Que aquí non estamos para manexalo, ese non é o noso obxectivo.

– Decidimos que será o noso presidente, Javier Sánchez, o noso primeiro representante no Consello Escolar de Galicia; é un consello que se vai renovando segundo se van cumprindo os anos de permanencia dos seus membros, agora cesou un dos representantes das asociacións de nais e pais e entramos nós, segundo vaian cesando os demais iremos vendo a quen lle corresponde esa representación e iremos nomeando a outras persoas.

– Tamén, un pouco pola confusión que se produce ás veces na prensa, e un tanto para normalizar unha situación que aínda é nova, decidimos prestar especial atención ao coñecemento público da nosa representatividade xeográfica. Nós temos un ámbito galego, e unha vocación de representación de todas as familias galegas do Ensino Público, pero queremos que cando falemos quen nos escoite saiba quen somos e onde estamos.

Parécenos de especial importancia, porque tamén é un dos nosos sinais de identidade, difundir que nós cremos na organización comarcal, e que o ámbito xeográfico superior á comarca, na nosa concepción organizativa, non é a provincia senón o País, Galicia; por iso haberá que incidir en que as nosas federacións comarcais non están agrupadas en ningunha provincial, e viceversa: que cando alguén fale de federacións provinciais non pode incluír nelas todo o ámbito que cada quen de nós representamos.

Pero como, para nós, as comarcas tampouco están nun espazo claramente definido, e pensamos que as agrupacións deben facerse no ámbito natural de convivencia, e iso quere dicir que cada quen decide como quere agruparse e cal é ese seu ámbito, por iso temos con nós á Federación Provincial de Lugo, o que significa neste caso ter toda a representación desa provincia; e é algo que tamén queremos defender publicamente para evitar confusións non desexadas e atribucións erróneas desa representatividade.

Cando rematamos os aspectos máis burocráticos ou puntuais, pasamos a falar do tema estrela deste último mes: os libros de texto e as axudas da Xunta para a súa adquisición.

Nesta confederación temos as xuntanzas da xunta directiva establecidas cun calendario moi anticipado, e iso fixo que cadrara que tiveramos unha reunión o pasado cinco de xuño que tivemos que dedicar integramente aos libros de texto e na que decidimos, como xa dixemos, celebrar unha nova tres semanas máis tarde para avaliar os avances que se poderían ter producido na organización, información e xestión das axudas para os libros e para a creación do “fondo solidario”, ou “banco de libros da Xunta”.

Semella que esas tres semanas deberían ter sido de cambio e aseguramento de modelos, sobre todo porque no medio estivo, xa non só as nosas  participativas mobilizacións, a reunión cos representantes da consellería ou as múltiples colaboracións cos medios de comunicación, senón a resposta contraria de todos os axentes da comunicade educativa, e tamén dos partidos políticos, sindicatos e movementos sociais. Pero o certo é que co paso do tempo non mudou nada, nin nada mellorou.

Constatamos e afirmamos que, malia as triunfalistas declaracións realizadas polo conselleiro de educación e algún dos seus directores xerais na prensa escrita e na radio e televisión, o certo é que as familias están absolutamente desconcertadas acerca da natureza e alcance das ordes que regulan as axudas, a única información que recibiron foi a que lles facilitamos as asociacións de nais e pais, que tamén tiñamos unha información limitada, e enfróntanse ao novo curso escolar sen coñecer moi ben como se han de mover para que os seus fillos e fillas dispoñan dos libros de texto necesarios.

O caos produciuno a consellería ao facer convivir situacións totalmente dispares. Por un lado, axudas para a compra e por outro axudas en forma de libros; por unha parte un baremo económico que outorga dereitos específicos, e por outra unha clasificación por renda que non garante a efectiva disposición dos libros. Iso forza a continuidade da vixencia libros dalgúns cursos, independentemente de que fosen libros LOE ou libros LOMCE, e facilitando á vez o cambio doutros cursos a criterio de cada centro escolar.

E  diferenciando radicalmente aos nenos e nenas con necesidades especiais de apoio educativo segundo a súa discapacidade, se é que a tivesen.Tanto  fose maior ou menor do 65 %, sen outras consideracións; ameazando con consecuencias durísimas a aquelas familias que, neste curso que rematou, foron  usuarias do cheque libro, no caso de non entregaren os libros comprados con este cheque, e ao mesmo tempo dicindo que, de todos eses libros recollidos, a metade vanse tirar, os que correspondan aos cursos nos que haberá axudas económicas, independentemente de que continúen vixencia ou non.

E un longuísimo etcétera de casuísticas específicas, incrementadas polas reclamacións erróneas de libros que son propiedade das familias, pola incapacidade para resolver cuestións prácticas como o que se había facer cos libros bilingües cando a materia cambia de idioma deste curso ao próximo, polo incumprimento da LOPD cando en moitos institutos os libros que se habían devolver foron reclamados polo profesorado nas clases en presenza de todos os nenos e nenas, profesorado que non debería participar nese traballo e que ademais nunca podería facelo dando eses datos publicamente.

E poderiamos continuar debullando cada circunstancia e cada problema, e farémolo, aínda que chegue o verán, aínda que semelle que os centros educativos están pechados, nós imos continuar falando dos nosos problemas.

De momento imos traballar para facer un estudo, o máis completo posible, sobre a situación real dos colexios e institutos en canto aos libros de texto, e segundo o saibamos iremos expoñendo publicamente que foi o que aconteceu e como o resolveu a Administración Educativa, que é quen debe facelo, e en qué situación de desamparo quedaron as familias por culpa dunha organización que, volvemos e volveremos a dicilo, está facendo que as familias regalemos ás editoriais o pouco diñeiro do que dispomos.

Cantos berros fan falta? Cantas veces temos que avergoñar publicamente á consellería destapando os seus continuos erros para que se decaten de que eles teñen que facer o que a cidadanía solicite, e non o que eles consideren?

Eles están aí exercendo por delegación unha soberanía que é nosa, e temos que ser nós, o pobo todo, quen decida como deben utilizarse os nosos cartos e cales son as nosas prioridades, e esas son que a Xunta de Galicia volva, como pedimos todos, absolutamente todos, ao sistema de préstamo universal e gratuíto do libros de texto.

E con este ánimo de continuidade rematamos a xuntanza e desexamos un bo verán as nosas compañeiras e compañeiros, outro tanto vos desexamos a todas e todos vós.

 

Unha reflexión sobre “Acordos da última Asemblea de ANPAS GALEGAS en Compostela

  1. A última noticia que temos do cole é que para 3º e 5º primaria vanse cambiar os libros de texto e a editorial santillana vainos regalar ás familias….esto moito cheira…..

Deixar unha resposta