Carta aberta ao conselleiro de Educación.

Non ao cambio de libros de texto

Carta aberta ao conselleiro de Educación.  Non ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso escolar

O curso 2014-2015 remata dentro dunhas poucas semanas, e antes de que remate hai que lle dar ás familias a información sobre os libros de texto para o vindeiro ano escolar, un ano no que se ha completar a implantación da LOMCE nos cursos de Primaria, e no que comezará a se implantar nos cursos impares de Secundaria.

O pasado ano, por estas datas, as familias fixemos unha ampla campaña para que os libros de texto non se cambiaran para aqueles cursos nos que a LOMCE comezaba a súa andaina, porque considerabamos que o custo para as familias non se xustificaba coa implantación apresurada e desorganizada dunha Lei que a comunidade rexeitaba e que tiña moitas posibilidades de ter unha vixencia moi breve. Así foi, e mesmo temos que lembrar as palabras do entón conselleiro de educación que xustificaba a permanencia dos libros anteriores dicindo que “hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas”; palabras que entendemos que continúan a ser da mesma actualidade que entón.

Un ano máis tarde, e logo de ter solicitado diversas reunións coas autoridades educativas para tratar sobre este tema, mesmo logo de ter enviado ao Parlamento de Galicia, a través dos grupos parlamentares que se fixeron eco das nosas demandas, unha solicitude de aclaración pública sobre a postura da Consellería de Educación en canto ao cambio de libros de texto e á organización dos bancos de libros previstos na Orde de axudas do ano 2014, a resposta da Consellería é o silencio e a falta intencionada de información, o que significa un claro desprezo ás familias que neste momento aínda non coñecemos cal vai ser a magnitude do gasto ao que nos enfrontaremos o curso próximo e, sobre todo, cal vai ser a utilidade dese gasto, toda vez que a LOMCE é unha norma da que cabe presumir unha pronta derrogación.

O 13 de xullo de 2013, logo de que o Congreso dos Deputados rexeitara todas as emendas á totalidade presentadas contra da LOMCE, todos os partidos da oposición asinaron un compromiso para derrogar esa Lei “no primeiro período de sesións da próxima lexislatura”, obviamente se chegaban ao Goberno logo das eleccións xerais que se han celebrar no próximo outono.

Vistos os resultados das eleccións municipais do pasado domingo, e sen pretender facer análise electoral que é algo que non nos corresponde, ás ANPA éntranos unha dúbida razoable sobre a vixencia da actual norma educativa, e preguntámonos cal é o sentido de continuar co seu desenvolvemento, e de variar os libros de texto que o alumnado terá que utilizar, cando entra facilmente dentro do posible que moito antes de que remate o próximo curso escolar xa non sexa máis que unha norma antiga e que xa non estea en vigor.

E por iso, dende a Confederación ANPAS GALEGAS, solicitamos da Administración Educativa da Xunta de Galicia que para o próximo curso escolar 2015-2016 non se permita o cambio de ningún libro de texto nin no ensino primario nin no secundario, en previsión de que os libros que se puideran mercar tiveran que ser novamente cambiados un ano máis tarde, por causa doutro cambio normativo; e que se aproveite este novo curso para organizar a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto que a comunidade educativa leva demandando unanimemente dende que se substituíu por un sistema de axudas que resulta ineficaz, inxusto e tremendamente custoso para os presupostos públicos e privados.

E quixeramos preguntarlle ao Conselleiro de Educación, por este medio xa que rexeitou sistematicamente darnos unha resposta polas outras canles utilizadas:

  • Cal vai ser a postura da Consellería diante do posible cambio de libros de texto para o próximo curso escolar?
  • Cómo van organizar os bancos de libros que están previstos na Orde de axudas do ano 2014 ?
  • Por qué non poñen novamente en marcha o sistema de préstamo universal e solidario que demanda toda a comunidade educativa?
  • Cales son os intereses que defende esa consellería, os das familias ou os da industria editorial, cando están dispostos ao silencio cómplice diante dun gasto innecesario e moi dificilmente asumible para as familias?

 

Deixar unha resposta