Reunión xunta directiva Anpas Galegas, 06 de febreiro de 2015

Reunión Anpas Galegas

Na reunión do venres, 6 de febreiro, en Compostela celebramos a nosa reunión bimestral ordinaria na que falamos dos seguinte temas:

  1. Campaña de accesibilidade: fixemos unha posta en común dos elementos básicos sobre os que temos que traballar, e ficamos de acordo en nos centrar nas carencias de acceso aos centros escolares, ben sexa a medio do transporte escolar, posibilitando a chegada dos vehículos particulares, ou nos impedimentos para acceder a pé.

Sobre estes elementos, e sobre todos os que despois inflúen no acceso ás aulas e instalacións comúns, onde tamén cobra unha especial relevancia a existencia de medios audiovisuais e outros específicos, traballaremos a partires de agora na elaboración de protocolos de detección que permitan chegar a facer unha diagnose eficaz de centro escolar, co fin de chegar á corrección das eivas, ou mesmo á súa denuncia.

  1. Propostas de cómo debe ser a acción municipal no ensino público: unha vez que xa temos elaborado un documento que define cales son as nosas pretensións sobre a acción municipal, e logo de decidir enriquecelo coas últimas propostas xurdidas no debate do venres, procederemos a remitilo ás formacións políticas que se presenten ás próximas eleccións municipais, xunto coa nosa dispoñibilidade a manter as reunións presenciais que estas formacións desexen.

 

  1. Falamos sobre as noticias aparecidas na prensa sobre o tratamento dos nenos con diabete na escola, e decidimos que o problema ten unha tal entidade que non pode enfrontarse dun xeito frívolo, como semella que se está a facer se seguimos o que se di nestas noticias, nin obviando a necesaria profesionalidade que por suposto terá que aportar a Confederación de persoas afectadas, a quen apoiamos totalmente; nin sen considerar que a solución a esta problemática ten que vir da man da xeneralización da atención específica a calquera neno ou nena afectado por un problema médico, ben sexa conxuntural ou permanente.

 

  1. E rematamos falando da nosa participación na manifestación do 8 de febreiro, porque temos que estar onde se diga que hai que defender A Nosa Lingua. Que é tamén o noso máis prezado sinal de identidade como Confederación. Pero iso merece outra entrada diferenzada.

Deixar unha resposta